Prezada compañeira e compañeiro,
Nesta semana, o
Grupo Parlamentar de En Marea, ademais de participar no debate e votación do
Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o
ano 2019, levará diversas iniciativas nas que centrará as súas intervencións no
pleno do Parlamento.
PREGUNTA AO PRESIDENTE:
- Sr. Presidente, que vai facer para cortar o contínuo deterioro da sanidade
pública galega, que ten provocado a dimisión do 80% dos xefes de servizo da
área sanitaria de Vigo?
SISTEMA DE PROVISIÓN DOS POSTOS DE XEFATURA E COORDINACIÓN DAS INSTITUCIÓNS
SANITARIAS DO SERGAS:
- Co obxectivo de establecer unha regulación transparente en canto ao sistema
de provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias
do Servizo Galego de Saúde, resolvendo a situación previa que deixaba
marxe á discrecionalidade da Consellería de Sanidade na capacidade de
decisión respecto dos órganos, baremos e sistemas aplicables á elección dos
postos de dirección, dende En Marea preséntase unha Proposición de Lei.
- Cómpre establecer novos requisitos adaptados ás demandas sociais, como a
obrigatoriedade de garantir paridade de xénero nas persoas designadas, ou
evitar que poidan concorrer persoas con conflito de intereses no sector privado
vinculado ao posto de responsabilidade ao que optan, persoas con sentenzas
condenatorias por delitos contra a Administración Pública ou de corrupción nos
negocios, delitos contra a saúde pública, así coma aqueles que atenten
contra a liberdade ou indemnidade sexual.
- A necesidade de mellorar a calidade e a eficiencia no SERGAS fica
ineludiblemente ligada á promoción das mellores profesionais capaces de
organizar e dirixir o traballo nos distintos servizos. A aplicación de
criterios obxectivos favorece este principio, fomenta o desenvolvemento
profesional, favorece a transparencia e a democracia, e mellora polo tanto a
equidade dentro do sistema sanitario público.
ESTUDO ESPECÍFICO RESPECTO DO FINANCIAMENTO E IMPLANTACIÓN DA RENDA BÁSICA
UNIVERSAL:
- A RBU é unha prestación universal, individual, suficiente e incondicional, en
forma de cantidade económica, destinada a garantir a existencia material das
persoas.
- A Xunta non ten competencias para impulsar unha RBU, pero pode contribuír ao
debate público financiando un estudo sobre a súa implantación no noso país.
Dito estudo exhaustivo non so serviría para coñecer a viabilidade dunha RBU en
Galicia, senón tamén para utilizar os seus resultados de cara a implantar ou
modificar calquera política social.
- Cómpre instar á Xunta a impulsar, antes do ano 2020, un estudo específico
sobre o financiamento e implantación da Renda Básica Universal en Galicia.
INFORMACIÓN AOS CONSUMIDORES RESPECTO DAS TARIFAS ELÉCTRICAS:
- A ausencia de información das e dos consumidores galegos de electricidade é
unha realidade evidente, inda que o goberno galego segue a negala, rexeitando
todas as iniciativas deste grupo para desenvolver campañas e iniciativas para
darlle solución.
- A falta de información sobre os contratos e as tarifas domésticas de
electricidade máis adecuadas teñen un custo para todos os fogares galegos
de entre 125 e 213M€ ao ano. Cartos arrebatados ilexitimamente dos petos das
cidadás que acaban en beneficios das eléctricas, coa complicidade do goberno da
Xunta que non fai nada para que esteamos informados.
- Cómpre cuestionar se o goberno da Xunta pensa que as consumidoras teñen
información axeitada para elixir o mellor contrato e tarifa de enerxía
eléctrica, se a Xunta ten previsto desenvolver accións para que a cidadanía
teña toda a información necesaria para conseguir baixar os seus recibos, se vai
desenvolver iniciativas legais no eido do consumo para obrigar ás
comercializadoras de electricidade, e se considera necesario modificar os
tramos da potencia contratada, fixándoos en incrementos de 0,2kw.
PERDA DO BONO SOCIAL ELÉCTRICO:
- A aplicación do novo Bono Social Eléctrico, implantado polo anterior Goberno
do Estado, vai ser un drama para miles de fogares galegos, podéndonos
encontrar, en pleno inverno, con miles de fogares sen luz ou que teñan que
escoller entre comer ou poder quentarse.
- Cómpre cuestionar que actuacións urxentes, de características orzamentarias
ou informativas, pensa adoptar a Xunta para paliar os efectos dramáticos que
para miles de familias vai ter a perda do Bono Social Eléctrico.
EMPREGO DA INDUSTRIA GALEGA DO AUTOMÓBIL:
- Cómpre que a Xunta inste ao Consello Galego de Relacións Laborais para mediar
ante PSA-Citroën e chegar a unha solución do ERTE cos menores prexuízos
posibles para as traballadoras, que inste a PSA-Citroën, e condicione as axudas
que se adxudiquen a esta compañía, a facer as inversións necesarias para dar
máis flexibilidade á Liña 1 de produción da factoría, para así poder xestionar
mellor as variacións do mercado en algúns modelos, e cómpre tamén avaliar a
posible incidencia deste ERTE sobre as empresas auxiliares de PSA-Citroën en
Galicia para actuar en consecuencia, así como condicionar todas as axudas
e subvencións a PSA-Citroën ao mantemento, e no seu caso, á creación de postos
de traballo, así coma dunhas condicións de traballo dignas.
- É necesario desenvolver un plan estratéxico para toda a cadea de valor do
automóbil que poña as bases da política industrial e de I+D+I da Xunta, instar
ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a desenvolver un novo plan de
competitividade do automóbil que teña o foco en Galicia, centrar as axudas ao
I+D+I ao desenvolvemento dos vehículos eléctricos e dotar orzamentariamente as
axudas para a implantación de electrolineras en toda Galicia.
AUTOVÍA DO ATLÁNTICO, AP-9 E SERVIZO FERROVIARIO DO EIXO ATLÁNTICO:
- Ademais dun gasto de diñeiro inaceptable nun contexto de recortes de todo
tipo de servizos básicos á cidadanía e un impacto ambiental realmente
destrutivo, esta é unha infraestrutura inútil e redundante, porque nese
traxecto xa existe unha vía de alta capacidade, a AP-9.
- Cómpre que a Xunta inste ao Ministerio de Fomento a desbotar o plan de
execución da “Autovía del Atlántico” que ten previsto percorrer, de maneira
paralela á AP-9, o traxecto A Coruña-Porriño, retirándoa do catálogo da Lei de
Estradas do Estado, que se adiquen os orzamentos previstos para a construción
da “Autovía del Atlántico” ao rescate para o público da AP-9, e elaborar un
estudo que determine en que lugares é preciso reforzar a AP-9, unha vez
recuperada para o público, cunha vía de alta capacidade ou convencional de nova
creación.
- É necesario que se execute o acordo acadado no Parlamento para incrementar as
frecuencias e axustar os horarios no servizo ferroviario do Eixo Atlántico, mudar
a política tarifaria de Renfe para aplicar unha redución do prezo dos billetes
e iniciar os trámites necesarios para acadar o rescate público da AP-9 coa
realización prevista dun estudo rigoroso dos custos da operación e os
mecanismos de financiamento.
CONSERVACIÓN DO CAMIÑO FRANCÉS COMO PATRIMONIO DA HUMANIDADE:
- Un recente informe do ICOMOS, organismo asesor da UNESCO en materia de
conservación do Patrimonio Mundial, confirmou as graves ameazas contra o
trazado do Camiño Francés e a súa axeitada conservación, que supón o mega
proxecto mineiro no concello de Touro, subliñando que o citado proxecto supón
unha clara violación da normativa de protección que non só invade a contorna do
Camiño Francés, senón que supón a destrución material de parte do seu trazado,
contravindo a lexislación nacional e internacional vixente na
materia.
- Cómpre cuestionar que medidas pensa tomar a Xunta para a conservación do
Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade, singularmente ao seu paso polo
concello de Touro.
UTLIZACIÓN DO PERSOAL DO HOSPITAL POVISA POR PARTE DA EMPRESA Á HORA DE ESIXIR
MÁIS RECURSOS PÚBLICOS:
- Fai anos que a Xunta decidiu poñer en mans da empresa privada POVISA, que
xestiona o hospital privado do mesmo nome, parte da asistencia sanitaria da área
de Vigo. Dende que existe o concerto con POVISA, as chantaxes desta para
provocar unha renegociación dos concertos son de sobra coñecidas e sempre levan
como resultado unha mellora nas condicións da empresa, que supoñen un custo
para o SERGAS e nas que ademais, a empresa aproveita a coxuntura para endurecer
as condicións laborais das traballadoras.
- Cómpre cuestionar que opinión lle merece á Xunta a utilización do persoal do
hospital e da asistencia sanitaria por parte da empresa, á hora de esixir máis
recursos públicos.
DISPOÑIBILIDADE PLAN ESTRATÉXICO DE CONTINXENCIA PARA ATENCIÓN PEDIÁTRICA NO
CONCELLO DE CUNTIS:
- Adoecemos dunha situación demográfica na que o devalo, a dispersión e o
abandono do rural son elementos que non contribúen a vislumbrar perspectivas de
futuro para este entorno. Lonxe do deseño de solucións, a desatención
pediátrica contribúe ao desleixo polo rural galego. Faríase necesario o
investimento de todos os recursos necesarios para evitar que as familias con
crianzas abandonen este entorno. Un deles é a atención sanitaria
accesible digna e á altura das necesidades dos nenos e nenas.
- Nas últimas datas foron moitos os concellos que se organizaron ou queixaron
da ausencia de cobertura de pediatría por non substitución das profesionais que
ocupaban ese espazo. Sen ir máis lonxe, dende o pasado 9 de novembro estanse a
realizar no Centro de Saúde de Cuntis concentracións en demanda da reposición
do servizo de pediatría nese concello.
- Cómpre preguntarse se ten a administración sanitaria pública galega algún
plan estratéxico de continxencia para organizar, estruturar, planificar e
ordenar a atención pediátrica aos nenos e nenas de Cuntis, tendo en conta a
escaseza de recursos profesionais e a ausencia de medidas que o solventen de
modo eficaz a curto e medio prazo.
As deputadas e deputados do Grupo Parlamentar de En Marea abordarán estas
cuestión máis a fondo e pedirán contas ao grupo popular e a Feijoo ao longo
deste pleno.
Para máis información:
- Web: https://enmarea.gal/
- Facebook: https://www.facebook.com/EnMareaGal/
- Twitter: https://twitter.com/En_Marea?lang=es
- Web do Parlamento (para seguir o pleno):
http://www.es.parlamentodegalicia.es/Actualidade/
Unha forte aperta,
#HaiMarea