jueves, 29 de octubre de 2009


O GRUPO MUNICIPAL DE “EU-IU” SOLICITARÁ DO GOBERNO, RECLAME O CONCELLO DA CORUÑA O PAGO DE IMPOSTO POLA OCUPACIÓN DOS TERREOS NO ENCORO DE CECEBRE.

O Grupo Municipal de EU-IU de Cambre presentará unha iniciativa no próximo pleno ordinario do dia 29 de outono, co obxectivo de solicitar do goberno local, se promovan as medidas necesarias, co fin de reclamar o concello da Coruña o pago do imposto correspondente o IBI polos terreos ocupados na construcción do encoro de Cecebre no noso término municipal.

EU-IU solicitará do Goberno reclame o pago do imposto do IBE, e as liquidacións e atrasos correspondentes a que oubera lugar. O Goberno do concello debe reclamar sin mais demóra este dereito, para o ingreso de uns beneficios económicos que o noso Grupo considera corresponden o noso municipio; existindo na actualidade fallos xudiciais a favor de algún concello que ten denunciado o problema, conseguindo que os Tribunais de Xustiza, avalasen o dereito a ser compensados polo imposto do IBI.

Na actualidade o concello de Cambre non percibe ningún tipo de compensación, a pesar dos perxuizos e do posible risco que supón unha instalación destas características na cabeceira do noso concello, onde en varias ocasións os veciñ@s de Cambre teñen sufrido as consecuencias con motivo de multiples inundacións nas ribeiras do rio Mero.

Para EU-IU este tema non pode quedar no esquencemento, e esixirá a máxima contundencia o Goberno local no seu tratamento.


Asdo: Luis M. Taibo Casás. Voceiro do Grupo
MOCION SOBRE A CREACIÓN DUN MEDIO INFORMATIVO MUNICIPAL

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Desde hai moitos anos ven sendo motivo de polémica nas sociedades democráticas a cuestión da relación entre o poder e os medios de comunicación, en definitiva sobre as fronteiras entre publicidade e comunicación.
O dereito a información e a libertade de expresión, é un ben público reconocido na Constitución, esta conquista social pode desenrolarse de diversas maneiras, unha delas pode ser a través dos medios públicos do concello, e así o contempla o artigo 229 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, sinalando que se poderá utilizar a edición, con unha periocidade mínima trimestral, de un boletín informativo da identidade.
Responsables (en funcións) do anterior Goberno Municipal de Cambre decidiron realizar un concurso para adxudicar a edición e difusión dun periódico local para o concello de Cambre, publicado no BOP Nº 124 do xoves 31 de maio de 2007. Os propios responsables do goberno do PSOE convocaron os Grupos da oposición para valorar o expediente e tratar o tema coa nova Corporación; pero distintos puntos de vista e a decisión do propio Goberno deberon ser os motivos suficientes para que a día de hoxe o noso concello non conte cun medio informativo municipal existente xa en outras etapas das Corporacións democráticas do noso concello.

Para o noso Grupo a creación de un medio informativo parécenos unha boa idea, estamos convencidos de que Cambre debería contar cun xornal que trate os problemas do propio concello, como forma de fortalecer a democrácia local, e a informativa en particular, establecendo espacios de participación abertos con completa libertade de expresión, e un control democrático do medio de comunicación, en condicións de pluralidade e transparencia, e non sexa un disfraz propagandístico dos partidos gobernantes, desequilibrando profundamente o principio de igualdade de oportunidades que debería prevalecer,

POLO EXPOSTO O NOSO GRUPO MUNICIPAL PROPÓN AO PLENO DA CORPORACIÓN A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:

PRIMEIRO.- Que no proxecto de Regulamento de Participación Cidadán que se está elaborando, contemple a creación dun medio informativo municipal de carácter periódico, que permita aproximar a administración local o conxunto dos veciñ@s, mellorando e ampliando a información da vida sociocultural e política do concello de Cambre, de un xeito plural e participativo.

SEGUNDO.- Que tendo en conta a vocación de servizo público que deben ter os medios de comunicación municipais e a garantía dos dereitos de información e participación o servizo dos valores universais que deben prevalecer, crearase unha comisión paritaria integrada por representantes dos cinco partidos políticos representados na Corporación, co fin de aprobar uns criterios mínimos a ter en conta na distribución de espacios e na elaboración e selección da información do medio

CAMBRE, a 24 de outono de 2009

martes, 20 de octubre de 2009

Administración Local

Municipal Cambre
Anuncio modificación membros da Xunta de Goberno Local

ANUNCIO

Por esta Alcaldía, con data 22 de xullo de 2009, ditouse resolución núm. 1414 relativa aos nomeamentos e cesamentos dos membros da Xunta de Goberno Local, que consta da seguinte parte dispositiva:

Primeiro: Cesar a dona Mª Beatriz Ramos Padín como membro da Xunta de Goberno Local.
De conformidade co establecido no art. 70.2 do Regulamento orgánico municipal, o cesamento terá efectividade dende o momento da notificación persoal á interesada, iso sen prexuízo da preceptiva publicación no Boletín Oficial da Provincia, e da debida comunicación ao Pleno e á Xunta de Goberno Local na primeira sesión que teña lugar.

Segundo: Nomear como membros da Xunta de Goberno Local a don Henrique Xabier Iglesias Oviedo e a dona Laura Fernández Martínez.
De conformidade co establecido no art. 69.2 do Regulamento orgánico municipal, o carácter de membro da Xunta de Goberno Local é voluntario, polo que, para que a designación sexa eficaz, require a súa aceptación por parte do concelleiro designado. Enténdese que hai aceptación tácita do nomeamento se, no prazo de tres días hábiles contados dende a notificación persoal, o concelleiro non fai manifestación expresa ante o alcalde de que non acepta a designación. Todo iso sen prexuízo da preceptiva publicación no Boletín Oficial da Provincia, e da debida comunicación ao Pleno e á Xunta de Goberno Local na primeira sesión que teña lugar.

Terceiro: Así pois, a Xunta de Goberno Local queda formada polos concelleiros que a continuación se relacionan:

- Don Henrique Xabier Iglesias Oviedo
- Don Jaime Manuel López Lisnier
- Dona Erundina Prado Arcay
- Dona Laura Fernández Martínez
- Dona Carmen Tato Lago
- Don José Venancio Salcines Cristal

Cuarto: Comuníquese a presente resolución ao Pleno e á Xunta de Goberno Local na primeira sesión que teña lugar, notifíquese persoalmente aos interesados e publíquese no Boletín Oficial da Provincia.

Cambre, 11 de agosto de 2009
O Alcalde: Antonio Varela Saavedra
Administración Local

Municipal Cambre

Delegación da presidencia das Comisións Informativas

ANUNCIO
Por esta Alcaldía, con data 14 de setembro actual, ditouse resolución núm. 1641 relativa á delegación da presidencia das comisións informativas, que consta da seguinte parte dispositiva:
Primeiro: Delegar a presidencia das comisións informativas que de seguido se relacionan, nos concelleiros delegados que igualmente se indica:
- Comisión Informativa de Economía, Facenda, Contratación, Patrimonio Municipal e Réxime Interior: don José Venancio Salcines Cristal.
- Comisión Informativa de Medio Ambiente, Obras e Servizos: don Henrique Xabier Iglesias Oviedo.
- Comisión Informativa de Educación, Deportes, Cultura, Benestar Social e Normalización Lingüística: don Jaime Manuel López Lisnier.
- Comisión Informativa de Participación Cidadá, Igualdade e Turismo: dona Laura Fernández Martínez.
Segundo: A teor do previsto nos artigos 41 d) e 80.1 a) do Regulamento orgánico municipal, notifíquese aos interesados, publíquese no Boletín Oficial da Provincia, e dease conta ao Pleno na primeira sesión que teña lugar.
Cambre, 23 de setembro de 2009
O alcalde: Antonio Varela Saavedra

viernes, 16 de octubre de 2009


CREACIÓN DUN VOCEIRO DE INFORMACIÓN MUNICIPAL


Unha das iniciativas que o Grupo Municipal de EU-IU presentará no próximo pleno ordinario, trata sobre a creación de un periodico de ámbito municipal (existente en outras etapas das Corporacións democraticas do concello) que trate con profundidade os temas do propio municipio, co fin de promover accións de carácter informativo, “mellorando e ampliando a información da vida sociocultural e política, de Cambre, dun xeito plural e participativo”.

A mencionada iniciativa trata de que o que o concello promova accións de carácter informativo, mediante a edicción periódica de un Boletín Municipal que permita aproximar a administración local os cidadáns. Así o Regulamento de Participación Cidadán (en fase de elaboración) deberá o noso xuizo contemplar a creación de un medio informativo municipal, que garanta os dereitos de información e participación o servizo dos valores universais que deben prevalecer.

O noso Grupo considera de máxima importancia promover que o concello e específicamente os medios de comunicación e información públicos municipais establezcan auténticos espacios de democrácia e participación en condicións de pluralidade e transpariencia.

Resulta para nós imprescindible que no proxecto de Regulamento de Participación Cidadán figure unha Comisión de Información Municipal, integrada paritariamente por representantes dos grupos políticos presentes na Corporación, co fin de establecer criterios sobre a publicación.

Asdo: Grupo Municipal

domingo, 11 de octubre de 2009


Máis de 400 cargos municipais de IU de todo o estado concéntranse ante o Ministerio de economía para reclamar un novo financiamento local que palíe os graves problemas dos concellos.


Sobre 400 cargos municipais e membros da dirección Federal de Izquierda Unida concentráronse en Madrid ás portas do Ministerio de Economía e Facenda para reclamar un novo modelo de financiamento local para os concellos, ante os reiterados incumprimentos do Goberno socialista de sacar adiante un novo Pacto Local á vez que o novo modelo de financiamento autonómico.

Na concentración participou unha representación do Consello Local de EU-IU de Cambre, encabezada polo seu responsable Tino Pan así como Rafael Varela e o concelleiro portavoz do Grupo Municipal Luís Taibo.


Asdo: Consello Local de Cambre

lunes, 21 de septiembre de 2009


SESIÓN EXTRAORDINARIA DO PLENO DA CORPORACIÓN DO DÍA 10 DE XULLO DE 2009

RESUMEN DA INTERVENCIÓN DO VOCEIRO DE “EU-IU” RESPECTO A APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS PARA O ANO 2009.



O Sr. alcalde manifesta que neste momento concede a palabra ao voceiro de EU-IU.

Concedida a palabra a don Luis Miguel Taibo Casás, voceiro de EU-IU, manifesta que tamén el quere falar por alusións que se fixeron na intervención do PP respecto do seu partido, cando citaron a xuntanza que tiveron o pasado martes, e que, por certo, baixo o seu punto de vista, transcorreu na mellor normalidade, e así o dixo o Sr. Cubeiro, cando falou de que todos compartían a situación existente no Concello de Cambre. Pero quere dicir, para que se entere todo o mundo, que para el o Sr. Cubeiro ten unha dobre moral. Acaba de dicir que todos compartían a situación existente en Cambre, pero onte, nunha nota de prensa, o PP dixo que todos os partidos, salvo o Galeguista, lles tiñan asegurado que se encontraban cómodos coa situación. Pregúntalle ao Sr. Cubeiro onde os dous concelleiros de EU-IU dixeron semellante calumnia. Dille que está calumniando e mentindo, que ten unha dobre moral, e que acaba de corroboralo agora, cando dixo que compartían os problemas existentes no Concello de Cambre.

Don Nicolás Cubeiro Martínez pide permiso ao Sr. alcalde para falar, xa que considera que isto non o pode deixar pasar, que ten que contestalo agora, porque é algo moi grave.

Don José Venancio Salcines Cristal dille que respecte a súa vez, porque cando el insulta é clarísimo, pero cando se dirixen a el, entón é gravísimo.

Don Nicolás Cubeiro pídelle ao Sr. Salcines que cale e solicita ao Sr. alcalde que lle permita falar.

Toma a palabra o Sr. alcalde para pedir que termine a súa intervención o Sr. Taibo Casás.

Don Luis Miguel Taibo Casás manifesta que, respecto dos orzamentos, alédase que despois de multitude de solicitudes, por fin chegue un documento concreto ao concello, sobre o que poder debater, e aprobar ou non aprobar. Uns orzamentos que estaba previsto que se aprobasen no mes de abril, coa abstención do PP, deron un xiro completamente distinto como resultado da petición do BNG, que solicitou que quedaran sobre a mesa, co obxectivo, segundo dixeron, de sacar uns mellores orzamentos para o pobo de Cambre.

Di que para EU-IU o aprazamento do pleno dos orzamentos obedeceu claramente a unha estratexia para gañar tempo cara a unha negociación e un pacto de goberno entre o PSOE e o BNG. É algo para o que están lexitimados e, nese sentido, o seu grupo non ten nada que obxectar, pero houbo diversos problemas que foron xurdindo e que os levaron ata o día de hoxe.

Continúa dicindo que se lles presentan uns orzamentos, nun momento de crise global, cuxa característica máis relevante é a falta de partidas para investimentos, o que provoca que sexa un orzamento profundamente continuísta na súa práctica. Observan unha redución do 4,16% do total do orzamento, e ademais, no capítulo de investimentos reais unha redución do 37,08%. Isto quere dicir que, a pesar do aumento da presión fiscal, non foron capaces de igualar o recadado no presente ano. Figuran uns gastos comprometidos, cun 81% en gasto corrente, e 18% en investimento de capital.

Pero, á parte diso, gran parte dos investimentos para o presente ano enmárcanse dentro dos distintos proxectos de ámbito supramunicipal, é dicir, proxecto Arume, Fondo de Investimento Local, e Plan de obras e servizos da Deputación. Iso quere dicir que Cambre non xera diñeiro para investimentos, motivado, fundamentalmente, no parón da actividade na construción, e como consecuencia da carencia dun Plan xeral de ordenación municipal que eles consideran absolutamente indispensable para a obtención de recursos e o desenvolvemento de Cambre neste momento de crise.

Nese sentido quere salientar o recollido no informe de Intervención, onde unha vez máis fai unha reflexión da dificultade do concello para financiar novos investimentos, sendo este ano o peor dos últimos tres, e previsiblemente continuará baixando. Aconsella o informe que se debería axilizar e planificar mellor a xestión, co obxectivo de evitar unha baixa na execución dos proxectos.

Continúa dicindo que, evidentemente, o problema do financiamento non é exclusivo do Concello de Cambre. Son conscientes dos poucos recursos das administracións locais, e da de Cambre en particular. Di que non hai que esquecer que eses problemas fóronse agravando de xeito bastante importante e irresponsable, por unha mala xestión dos recursos públicos ao longo de moito tempo, así como pola incapacidade de quen gobernou durante moitos anos, que simplifica nunha herdanza dun concello case paralizado.

Por outra parte, eles consideran acertado o recorte dun 5% no salario. Todo o que supoña aforro é importante, pero sempre que realmente revirta nas arcas municipais. O que ocorre na realidade é distinto, desvístese un santo para vestir outro. Eles discrepan totalmente co destino do diñeiro aforrado. Tratan con eses cambios de obter diñeiro para unha dedicación exclusiva máis, e dúas parciais, para os seus socios de goberno. Por outra banda observan un incremento do 40,5%, uns 27.000 euros, nas axudas de custo de cargos electivos co fin de repartir o que queda da tarta.

Di que o concelleiro de Facenda sabe perfectamente da súa proposta respecto dos soldos e asignacións por asistencias, un recorte dun 5% para todos, e cando di para todos refírese ao goberno e á oposición, incluíndo as axudas de custo por asistencia a órganos colexiados, plenos, comisións, e así asignar diñeiro a temas tan importantes como son a creación de emprego, ou sistemas sociais.

Queren dicir que deberían ter en conta que as persoas que deciden dedicarse á política non deben, ao seu criterio, facer desta actividade unha profesión. Cos soldos de Cambre a política comeza a ser unha actividade excesivamente remunerada á custa dos contribuíntes.

Di que ante a situación de inestabilidade política no goberno local nos dous últimos anos, o concelleiro de Facenda pretendeu chegar a acordos e pactos cos grupos da oposición, e ofreceu a EU-IU formar parte do goberno para así buscar maiorías numéricas. Eles negáronse e explicáronlle, unha vez máis, a súa negativa a facer ningún pacto, cuestión que a súa formación política ten manifestado dende antes das eleccións municipais, e que seguen mantendo sen cambiar absolutamente nada. Existen, ao seu entender, antecedentes máis que suficientes para non votar a prol dos orzamentos, nin formar parte do goberno.

Dille ao Sr. Salcines que se equivocaron co seu grupo, cando utilizaron a política do mercadeo, ofrecéndolles dedicacións exclusivas a cambio de formar parte do goberno, sen obedecer a máis criterio que conseguir maiorías numéricas. Di que senten indignación e certa vergonza allea neses ofrecementos, dálles a impresión que están acostumados a arranxar as cousas a golpe de talón. Eles por principios teñen algo moi claro, que á política vense para traballar en beneficio do concello e dos veciños, pero non a facer da política unha profesión excelentemente remunerada, como se demostra no documento que están a debater.

Continúa dicindo que outro condicionante a ter en conta, non menos importante, é a falta de confianza nos actuais gobernantes, que teñen ao concello inmerso nunha convulsión política onde a desconfianza e a parálise municipal, unida ao desgoberno, está sendo a dinámica existente.

Di que cumpridos dous anos da actual lexislatura, para o seu grupo poderían resumirse como a historia de dous fracasos, a dos partidos maioritarios na busca de estabilidade. Primeiro a do partido do goberno, que non foi capaz en dous anos de facer un equipo cohesionado e dar resposta ás múltiples necesidades de Cambre. E segundo, a do partido maioritario da oposición, que en vez de buscar alternativas para reconducir a situación, dedicouse a difamar, mentir e facer campaña para as próximas eleccións municipais.

Di que o seu grupo quere facer unha serie de reflexións que consideran necesarias á hora de fundamentar e decidir o seu voto negativo aos orzamentos do 2009. A súa desconfianza no goberno municipal foise acentuando ao longo do tempo, motivada en moitos casos por actitudes pouco serias e, nalgúns casos, pouco democráticas dos responsables das distintas áreas de goberno. Di que despertaron certa desconfianza nas súas pretensións cando lles ofreceron partidas para obras e accións, que no caso concreto do seu grupo xa foran aprobadas en pleno, por exemplo fala, en primeiro lugar, da partida destinada á adquisición duns terreos para a parroquia de Cela, que lles alegra que vaia nos orzamentos, pero que son 20.000 euros, e cre lembrar que xa no ano 2007 había unha partida de 48.000. En segundo lugar, van 20.000 euros para a creación dun obradoiro de emprego co fin de favorecer a economía local, crear postos de traballo para formar persoas mediante a escola-taller, e como un instrumento de inserción xuvenil e para a mellora da súa cualificación, parécelle que a cantidade é irrisoria e tampouco ten claro de que se dispoña de locais para facer esa escola-taller. En terceiro lugar, está o destino dunha partida orzamentaria que o seu grupo pediu non fora inferior ao 3% do orzamento, para a creación de emprego no concello, onde se incluiría a contratación de traballadores e traballadoras para desenvolver traballos de utilidade común, como se recollía na moción que presentaron de rehabilitación de fontes, lavadoiros e arquitectura popular. Parécelles que nese sentido a diminución do orzamento debe ser do 24% respecto ao ano anterior.

Dille ao Sr. Salcines que se alegran de que se vaian a crear unha serie de empregos por contratación pero que, en calquera caso, non se cumpren os obxectivos da súa formación política. Xa manifestaron nun pleno que un obxectivo básico para eles era colocar a loita contra o desemprego como unha prioridade ao longo do ano 2009, o que estaría en consoancia cos problemas e necesidades máis inmediatas dos veciños e veciñas. Di que apostaron por un cambio real na orde de prioridades, onde as necesidades das persoas e das súas familias se teñan en conta dunha maneira especial, recoñecendo que non hai solucións máxicas para saír da crise, pero si políticas que poidan contribuír a mellorala.

Di que para o seu grupo é legalmente esixible o cumprimento dos acordos en relación coas mocións presentadas. Nese sentido seguirán traballando para que se executen sen máis condicións. Os investimentos dos que falan deben ser realizados, por estar debatidos e aprobados polo pleno municipal, que é o máximo órgano soberano e de debate do concello, á marxe de apoios ou non apoios aos orzamentos.


Sinala que como xa ocorría nos anteriores orzamentos non se incluíron formas e maneiras de participación por parte dos veciños e veciñas, que seguramente houberan enriquecido a xestión municipal, incluso a democracia. Unha vez máis volve a desprezarse a participación veciñal, onde as persoas a título individual ou colectivo puideran ser tidas en conta nun proceso participativo que lles permitira decidir sobre que investimentos son máis necesarios e cales son as súas preferencias e necesidades, concretando unha participación máis directa na política local. Levar a cabo uns orzamentos participativos, dentro do marco dun Regulamento de participación cidadá, o cal son incapaces de dar a luz. Parécelles irrisorio que se destinen nada máis que 5000 euros a esa partida.

Unha vez máis observan a improvisación e a falta dun compromiso serio, que vaia máis aló da declaración de boas intencións por parte do responsable de Facenda, aínda que teñen que recoñecer que fixo un grande esforzo para contar co apoio do seu grupo. Pero tamén comprobaron nestes días que a realidade do concello é ben distinta na concreción das propostas e pretensións, sobre todo pola propia debilidade do goberno e polo seu afán de chegar a acordos de urxencia.

Di que falou anteriormente de actitudes, referíase á actitude de persoas que están a gobernar Cambre. Non é serio que os responsables das distintas áreas estean aprobando diversas iniciativas dos outros grupos e logo non se transformen en realidade. Por outra banda observaron como se vai a investir o diñeiro en máis dedicacións exclusivas e parciais, en aumentar as axudas de custo por asistencia a plenos, comisións, xuntas de goberno, etc., todo iso en prexuízo do municipio e dos seus veciños e veciñas.

Di que tampouco poden esquecer a actitude dalgún responsable do goberno que no seu ánimo de condicionar a libre liberdade que teñen, como representantes dos veciños e veciñas, para controlar e fiscalizar a súa xestión da política municipal, se dedica a ameazalos con denuncialos á Garda Civil, polo mero feito de pedirlle explicacións nun pleno sobre un escrito presentado por un traballador do concello en relación a problemas xurdidos nun departamento concreto. Este feito é para eles intolerable, ou cando menos reprobable. A próxima vez diranlles que actúen, porque non consinten nin ameazas nin coaccións.

Xa lle lembrou ao Sr. alcalde o ano pasado, e volve lembrarllo agora, que os veciños de Cambre seguen sen contar cun área de esparexemento debidamente acondicionada.
Pregúntalle que fixeron coas súas propostas de xestionar o acondicionamento dun área de recreo e baño nas ribeiras do río Mero. Di que non fixeron nada, só reprochar a súa proposta e case que criminalizala, iso coa complicidade doutros grupos.

Séguese sen contar cun plan xeral de asfaltado e acondicionamento de camiños, seguen esperando polos servizos de saneamento en varias parroquias, seguen sen partidas para poñer en funcionamento o Consello Escolar Municipal, non se contempla no orzamento a elaboración e posta en funcionamento do Regulamento de participación cidadá, non existen alternativas para solucionar os diversos problemas de aparcamento que hai en varios sitios do concello, seguen baixo mínimos en seguridade viaria. Son exemplos das múltiples iniciativas presentadas por EU-IU, e que están esquecidas, como xa lles lembraron no anterior pleno. Levan presentadas 36 mocións, 134 rogos e 171 preguntas, a maioría deles esquecidos nos caixóns do concello.

Explica que EU-IU seguirá facendo unha oposición seria, rigorosa e construtiva. Non van a facer política de terra queimada, seguirán presentando propostas e lembrándolles que dean cumprimento ás aprobadas, apoiarán todas as que consideren que son en beneficio dos veciños e veciñas veñan do grupo que veñan, pero en ningún caso van a ser o monicreque de ninguén, nin dar un cheque en branco a esta maneira de gobernar. Di que se existe un pacto, como parece ser que existe, desexan a mellor sorte, polo ben dos veciños e do pobo de Cambre.

Conclúe dicindo que, por todo o anterior, o voto do seu grupo vai ser en contra, xa que de ningún xeito poden asumir a responsabilidade de apoiar a un goberno local no que non cren, e que é incapaz de gobernar. Pensan que o xeito de levar adiante as negociacións non foi máis que un exemplo da falta de capacidade política para chegar a acordos e, sobre todo, dálles unha visión xeral do desgoberno existente e a crise interna que está sufrindo o propio grupo de goberno. Para o seu grupo abondan razóns máis que suficientes para non votar a prol dos orzamentos.



Asdo: Grupo Municipal de EU-IU