viernes, 23 de mayo de 2008

GRUPO POLÍTICO MUNICIPAL . R/ Cruceiro, s/n 15660 (CAMBRE)
eu-cambre@esquerdaunida.org


MOCIÓN PARA O APOIO INSTITUCIONAL DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE CAMBRE AS REIVINDICACIÓNS DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DA RIA DO BURGO.


XUSTIFICACIÓN:


En repetidas ocasións, ten xurdido nos debates dos Plenos Municipais do concello, a necesidade de dar unha resposta eficaz ós acuciantes problemas derivados do estado de deterioro e abandono que presenta a ría do Burgo.

En diversos plenos a nosa organización mostrou a preocupación mediante a presentación de iniciativas que non tiveron unha resposta eficaz, e adecuada para correxir o proceso de degradación; pero foi recentemente cando o problema se agravou, motivado o aumento imparable da súa contaminación, o que orixinou a declaración de zona “C” por parte da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia, prohibindo a actividade extractiva, agravando o problema ambiental e convertendo en un problema económico para centos de persoas que viven da súa riqueza marisqueira.

Ante ista situación, recentemente creouse na área metropolitana unha “Plataforma en Defensa da Ría do Burgo”, formada por mais de cuarenta colectivos cívicos, sindicais, profesionais, políticos, etc.

Neste intre a recén creada “PLATAFORMA POLA DEFENSA DA RÍA DO BURGO” elaborou un manifesto constitucional no cal aparecen reflexadas as principais demandas, marcando e definindo os obxetivos fundamentais da mencionada Plataforma, xustificando a creación do colectivo do segunte xeito:

[…É o desprezo e o incomprimento de normativas, entre outras, Europeas, por parte do goberno español, e o retraso na construcción e posta en funcionamento da EDAR, polo ministerio de Medio Ambiente, o non ter rematado o proxecto de saneamento das augas residuáis, responsabilidade do goberno da Xunta, pola consellería de Medio Ambiente, sumado a pasiva actuación dos concellos, a que está a causar constantes verquidos a unha Ría do Burgo convertida hoxe en foco de contaminación e sumida nunha grave degradación medioambiental....]
Este manifesto elaborase e aprobase co obxectivo de esixir das diferentes administracións responsables os seguindes compromisos:

-A firme actuación na aplicación de sancións aos causantes directos e indirectos dos verquidos á Ría do Burgo.

-A finalización do proxecto integral de saneamento para eliminar os importantes focos de contaminación que aínda existen nos concellos de A Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, que verquen indiscriminadamente na Ría do Burgo.

-A posta en funcionamento urxente da EDAR de Bens.

-A definición consensuada coas agrupacións do marisqueo, dun Plano de Rexeneración medio ambiental, limpeza integral da Ría do Burgo e recuperación dos bancos de marisco, con liñas de axuda ao cultivo é a producción.

-Defender a vixencia temporal indefinida dos actuáis Convenios subscritos entre a Consellería de Pesca e as agrupacións de marisqueo da Ría do Burgo, mentres non se teña producido unha total eliminación dos verquidos e se poida desenvolver con normalidade a actividade marisqueira.


EN BASE AS ANTERIORES RAZÓNS, O GRUPO MUNICIPAL DE EU-IU PROPÓN O PLENO A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES

ACORDOS:

PRIMEIRO.- Que o Pleno Municipal mostre o seu apoio ás demandas de dito colectivo, a través dun comunicado público os medios de comunicación, recollendo o sentir da presente Moción.

SEGUNDO.- Que a Corporación facilite o apoio necesario, dentro das súas posibilidades, para a organización e difusión dos actos reivindicativos da Plataforma, necesarios para facer realiadade as demandas plantexadas.



CAMBRE, a 23 de Maio de 2008

Grupo Municipal de "EU-IU" de Cambre

martes, 20 de mayo de 2008



INICIATIVA DE "EU" NO PARLAMENTO EUROPEO SOBRE A RÍA DO BURGO


EU-IU denuncia ante a Comisión Europea a contaminación e a falta de control na ría do
Burgo.
Bruxelas, 19 de maio de 2008
A petición da organización comarcal coruñesa de Esquerda Unida, o eurodiputado de Izquierda Unida, Willy Meyer
presentou esta mañá unha pregunta escrita ante a Comisión europea sobre a contaminación da Ría do Burgo (A
Coruña), provocada por verteduras de augas residuais sen depurar. Meyer dirixiuse á Comisión para coñecer que
medidas tomará esta para garantir o cumprimento da lexislación ambiental europea por parte das autoridades
españolas. Ademais, tendo en conta o grave dano ambiental e o risco que supón a falta dun control efectivo sobre estas
augas, Willy Meyer instou á Comisión a que adopte medidas inmediatas para interromper as verteduras incontroladas
que veñen detectando na zona.
"A Ría do Burgo (A Coruña, España) atópase nun lamentable estado de contaminación debido ás verteduras de augas
residuais sen depurar procedentes dos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros. A área coruñesa, con
máis de 400.000 habitantes carece de saneamento de augas residuais, sendo estas vertidas directamente ao mar, na
ría do Burgo e en Bens, sen depuración algunha e provocando graves consecuencias ambientais e económicas sobre a
pesca, o marisqueo e o turismo. A alta contaminación, nove veces superior á autorizada para a extracción de moluscos,
levou ás autoridades competentes a declarar este espazo zona "C", habéndose paralizado desde fai meses a
actividade marisqueira, da que viven centos de familias da zona.
A Directiva 2000/60/CE establece un marco de actuación no ámbito da política de augas dirixida á protección das augas
comunitarias, onde se recolle a necesidade de desenvolver plans integrais de control e saneamento das augas. Así
mesmo a Directiva 91/271/CEE relativa ao tratamento de augas residuais urbanas, establece que todas as aglomeracións
con máis de 15000 equivalentes habitante deben dispor, desde o pasado 31 de Decembro do 2000, de sistemas de
colectores de augas residuais urbanas. Con todo, os prazos para a execución das obras da estación depuradora de Bens
atrásanse cada vez máis, non estando prevista a súa finalización antes do 2010.
- Que medidas tomará a Comisión para garantir o cumprimento da lexislación ambiental europea por parte das
autoridades españolas e particularmente, para garantir a correcta aplicación da Directiva marco da auga e a Directiva
relativa ao tratamento de augas residuais? Que opinión merece á Comisión a non aplicación por parte da administración
galega dun plan de saneamento integral da ría?
- Que opinión merece á Comisión que, case 8 anos despois do prazo marcado pola Directiva 91/271/CEE, A Coruña
careza de estación depuradora de augas?
- Considerando o grave dano ambiental e o risco que supón a falta dun control efectivo sobre estas augas, non cre
necesario a Comisión tomar medidas para a inmediata interrupción das verteduras incontroladas que veñen detectando,
tanto de procedencia urbana como industrial?" Descargar o documento da interpelación á Comisión Europea. Secretaría de
Organización Comarcal.
Esquerda Unida - Consello Comarcal da Coruña
http://esquerdaunida-coruna.org Potenciado por Joomla! Generado: 20 May, 2008, 18:02

martes, 6 de mayo de 2008

NOTA INFORMATIVA, SOBRE A VALORACIÓN DO DOCUMENTO DE AVALIACIÓN AMBIENTAL DO “PXOM”


O Grupo Municipal de EU-IU analizou o Documento Inicial de Avaliación Ambiental Estratexica, elaborado pola empresa redactora do Plan de Urbanísmo, a partir de agora a Consellería de Medioambiente elaborará un documento de referencia no que se establecen as pautas e criterios a seguir no resto do proceso de avaliación ambiental.

Un dos problemas que plantea o documento, é a falta de auga e falta de capacidade no saneamento. Cambre ten un problema co abastecemento de auga en periodo estival, problema que comparte con outros concellos do entorno (Sada, Oleiros e Bergondo). O Plan Xeral de Ordenación Urbán deberá dar unha solución, aportando datos do consumo previsto, e como e cando se debe intervir na rede.

Discrepa o noso Grupo respecto das previsións de crecemento de vivenda, estimando o equipo redactor do Plan, que serían necesarias 13.136 para o ano 2012, sen facer ningunha reflexión sobre a cantidade de vivenda baleira, nin que medidas serían axeitadas para poñela no mercado, entendendo que as vivendas que farán falta serán de nova construcción.

Outro problema importante e o da movilidade, sobre todo no relacionado cos desprazamentos en coche a outros concellos da zona, e a propia capital. O documento confía na gran infraestructura prevista (Vía Artabra) para resolver o problema a nivel supramunicipal, pero entende o noso Grupo, que o PXOM deberá xustificar mais a fondo, como afectará ao tráfico, que Cambre siga crecendo; se esta via será suficiente, ou se deben implantar outras medidas de control do transporte privado. Apostando a nosa formación, pola revitalización e a mellora significativa das infraestruturas ferroviarias existentes, e do transporte público en xeral.



O documento en cuestión reconoce que e moi a acusada a falta de zonas verdes, e que a degradación ambiental e paisaxística e alta, debido a edificación dispersa, polo que se debería cubrir a carencia de espacios libres en zonas urbanas e crear espazos de ocio de rango municipal.

Para EU-IU o traballo elaborado, transmite unha información e un diagnóstico sobre o territorio, onde se reflexan as importantes carencias e algunhas imprecisión. Agora hai que esperar ao Documento de referencia que fará a Consellería de Medioambiente, e que poñerá de manifesto todos os aspectos “delicados” do territorio de Cambre en relación o PXOM.



Asdo: Grupo Político Municipal

lunes, 5 de mayo de 2008

SALVEMOS A NOSA RÍA


Dende hay moitos anos, a Ría de O Burgo ven experimentando un deterioro progresivo, non só, pola edificación salvaxe nas súas beiras, ó aterramento das súas ribeiras e a realización de obras que afectaron ás súas correntes, e o seu leito natural, especialmente no seu tramo inicial que comprende as marxes do territorio municipal de Cambre, pero tamén polo vertido as mesmas de todo tipo de residuos domésticos e industriais, na maioría das veces sin depurar, sin esquencer a gran cantidade de porquería que ven arrastrando o Río Mero, os seus afluentes, é outros de procedencia e composición descoñecida; contribuindo de maneira especial a degradación da Ría.

Son moitos os intentos para frenar o seu deterioro é tamén moitas as promesas realizadas por parte dos responsables públicos para a súa recuperación, (sobre todo en época electoral) pero o panorama e desolador. Nos últimos anos asistimos á paradoxa de que, mentras se efectuou un importante esforzo, por recuperar as ribeiras , a traversa de paseos maritimos, se producira simultáneamente un deterioro acelerado do seu leito e da calidade das súas augas, desaparecendo variedades faunísticas que ata fai pouco a tiñan habitado.

O problema da Ría do Burgo, non é só un asunto ecolóxico, é tamén, un gravisimo problema económico para centos de personas que viven do que en outros tempos, foi a súa enorme riqueza marisqueira e que, oxendía, ven seriamente amenazada esta importante fonte de susistencia, que a pesares das agresións que sufre, segue sendo un importante recurso de marisco, que de non remedialo pode perderse definitivamente. Tamén a práctica deportiva da pesca e outras actividades acuáticas vense seriamente amenazadas.

Para EU-IU de Cambre, non ten xustificación algunha o silencio ante as promesas incumplidas por parte das distintas administracions para levar a cabo o saneamento. Namentras @s ciudadan@s observamos con resignación a lenta agonía do que, entre outras cousas era unha importante seña de identidade e fonte de recursos, da comarca.



Consello local de “EU-IU” de Cambre

ALEGACIÓNS VIA ARTABRA


GRUPO POLÍTICO MUNICIPAL . R/ Cruceiro, s/n 15660 (CAMBRE)
eu-cambre@esquerdaunida.org



DIRECCIÓN XERAL DE OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES DA XUNTA DE GALICIA



LUIS M. TAIBO CASÁS, con domicilio en parque da Igrexa, 2-1º esq, 15660 (Cambre) e con D.N.I.- 76306399-N, en representación de ESQUERDA UNIDA-IZQUIERDA UNIDA “EU-IU” de Cambre, en relación coa Resolución do 21 de febreiro de 2008, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se somete información pública o PROXECTO DE TRAZADO E ESTUDO DE IMPACTO AMBIENTAL DA OBRA VÍA ÁRTABRA TREITO AC-221 (POLÍGONO DE CAMBRE) - AUTESTRADA AP-9 - AUTOVÍA A-6, CLAVE AC/04/156.00.2., publicada no DOG número. 63 do mércores 2 de abril de 2008, formula as seguintes



ALEGACIÓNS:



1.- Despois de desenvolver unha Memoria xustificativa e un Estudo de impacto ambiental, segue sendo cuestionable a NECESIDADE DA VÍA E A SÚA UTILIDADE PARA MELLORAR O TRÁFICO NA REDE VIARIA METROPOLITANA ACTUAL.

1.1. Non se teñen explorado alternativas para a solución do tráfico nesta área urbana previamente á construción da Vía Ártabra, como a posta en marcha dunha verdadeira rede de transporte público multimodal (competencia da mesma consellería que promove a Vía Ártabra), medidas para reducir o número de desprazamentos e disuasorias para o uso do vehículo privado (taxas, carriles, etc.)

1.2. A implantación destas medidas sería beneficiosa medioambientalmente e para o funcionamento da propia área urbana, e con toda probabilidade suporía un aforro para a administración, cuestión que non se analiza en ningún punto do Proxecto nin do Estudo de impacto ambiental.

A alternativa “0” (non construción da vía) acompañada de medidas como as citadas para resolver o problema tampouco foi obxecto de análise.

1.3. O propio Proxecto pon viabilidade da Vía Ártabra en entredito ao xustificarse a 10 anos vista, supoñendo que se mantén o ritmo de incremento de tráfico e previo colapso da rede actual.

No punto 2.6 Tráfico da Memoria do proxecto, recoñécese que a Vía Ártabra só será un percorrido competitivo fronte aos existentes de acceso a Coruña dende Sada e Oleiros a partir do período 2015 a 2020, baixo a condición de que se saturen a AP-9 e a N-VI. Incluso neste momento só resultaría unha alternativa en hora punta, asumindo que pola maior distancia de percorrido, non se empregaría noutro horario.

1.4. Das táboas do propio estudo de tráfico dedúcese que a posta en servizo da Vía Ártabra vai a aumentar significativamente o tráfico (IMD) en varios puntos clave da rede viaria, fronte á situación sen a construción da Vía Ártabra.

Atopamos un incremento en 2030, coa Vía Ártabra construída, de perto de 7.000 vehículos na AP-9 (enlace da Vía Ártabra con esta vía e enlace do Burgo).

A vía Ártabra aumenta o tráfico no último tramo da AP-9, co conseguinte perigo de saturar aínda máis o tráfico entre o Temple e a Rotonda da Pasaxe, ao tempo que disminue o tráfico na Ponte de Pasaxe, en proporción semellante, co que o principal problema da rede viaria da área urbana segue a concentrarse no mesmo punto: a Avda. de Alfonso Molina, aínda contemplando no modelo a posta en funcionamento da Terceira Ronda.

Concluímos que a construción de esta infraestrutura viaria “de alta capacidade” incrementa os movementos (tráficos e número de vehículos) ao aumentar as expectativas de mobilidade que oferta a nova configuración da rede viaria. Ao mesmo tempo traslada os problemas dunhas vías a outras, en particular os concentra en puntos de enlace claves.

2.- As expropiacións que contempla a Memoria cínguense a bandas de 8 m dende a arista exterior de explanación no caso do tronco da vía, e menores nos enlaces. OS TERREOS A EXPROPIAR SEGUNDO O PROXECTO SON SUFICIENTES PARA CONSTRUIR A INFRAESTRUCTURA, PERO NON TEÑEN EN CONTA NIN COMPENSAN AS VERDADEIRAS AFECCIÓNS AOS PROPIETARIOS.

Segundo o criterio de expropiación da Lei 4/1994 de Estradas de Galicia, a administración pode proceder á expropiación dos bens existentes na franxa comprendida desde o dominio público ata a liña de edificación, é dicir, nunha franxa de 30 m medida desde a arista exterior da explanación para as calzadas previstas, sempre que exista un proxecto aprobado.

Consideramos que deberían expropiarse os edificios de vivendas que, estando en ordenación antes da Vía Ártabra, quedan dentro da banda de afección (30 m dende a arista de explanación). Desde logo así debería facerse para os edificios de vivendas cuxa situación queda moi comprometida pola Vía, algúns a tan só uns poucos metros do talud. Dado o impacto acústico e visual da Vía, e outros problemas de seguridade que poden afectarlles, como accidentes de tráfico, corrimentos de terras, problemas de evacuación de augas, cómpre unha revisión do criterio xeral de expropiación en relación ás vivendas.

Isto ten pleno sentido se atendemos ao Estudo de impacto ambiental, que considera severo o impacto sobre os bens patrimoniais, condicionando de unha maneira importante o racional desenrolo urbanístico das parrquias afectadas. A expropiación, a falta doutros mecanismos compensatorios, pode e debe asumir o coste socioeconómico da poboación directamente afectada pola construción e funcionamento da Vía. Esta cuestión abórdase no Estudo mencionado sen que se realice ningunha proposta de corrección.

3.- Logo de considerar a sístesis da valoración de impactos do Estudo de impacto ambiental, comprendemos que en conxunto a construción e funcionamento da Vía Ártabra supón impactos maioritariamente moderados e severos.

3.1. Os severos céntranse no medio económico, en cuestións tan importantes como a permeabilidade do territorio e a calidade do hábitat humano, condicionada sobe todo por elevadas emisións de ruídos e gases. Tamén recoñece a perda de bens e rentas como consecuencia das expropiacións e afección directa e indirecta xa comentada no punto anterior.

A ruptura da permeabilidade do territorio é unha das consecuencias máis graves da implantación da Vía, con efectos negativos sobre a poboación do concello de Cambre, onde se “encerraría” a unha gran parte da poboación entre as infraestructuras viarias existentes no termino municipal, dificultando o acceso as actuais vias, coma e o caso da eliminación do enlace no lugar de Catro Camiños en Pravio, trasladado no proxecto actual a zona de A Gandara, onde se pretende instalar unha área de peaxe, co conseguinte perxuizo para a poboación e un evidente deterioro na calidade de vida dos habitantes da zona, a mais das derivacións ambientais (afección a drenaxe e cuncas naturais, movemento da fauna, impactos visuais, paisaxísticos, lumínicos, etc.).

No Proxecto contémplase a reconstrución de 14 vías e camiños, 10 mediante pasos superiores e 4 mediante pasos inferiores. Estas medidas son mínimas, obviando o corte de múltiples camiños. Garantir a accesibilidade mediante vías de servizo paralelas á Vía Ártabra con cruces nalgúns puntos non significa manter a permeabilidade do territorio.

Tan só un 10% do trazado é realmente permeable desde todos os puntos de vista.

3.2. Outro impacto severo é o que afecta ao patrimonio cultural.

O xacemento do Castrillón e o castro da Xoxa están sometidos a impactos severos. O primeiro seguirase a empregar como vertedoiro de escombros de obras, e a obra da Vía Ártabra desenvolveranse a unha distancia moi curta (a penas a 5m do seu ámbito delimitado), cun paso en terraplenado que desfigurará a percepción paisaxística do Castro.

Non se propón medida correctora para o vertedeiro, e no castro da Xoxa estas pasan por limitarse sondaxes valorativas, é dicir, non constitúen tal medida.

As xustificacións aportadas polo estudo para non evitar coa traza unha afección tan directa ao castro da Xoxa responden a criterios de aforro económico do proxecto (incremento das expropiacións) e nunca a dificultades técnicas, valoración impropia dun estudo arqueolóxico.

3.3. Na valoración de impactos óbvianse factores agravantes, algúns dos impactos valorados como moderados son claramente severos e outros considéranse –insuficientemente- só durante a realización das obras.

Destacamos: o estudio da afección a calidade das augas superficiais non ten en conta que esta seguese a producir trala posta en servizo da infraestrutura, por dous factores ignorados (a contaminación producida polas rodaduras e o asfalto arrastrada pola choiva e a canalización e concentración en poucos puntos das escorrentías naturais existentes, que produce unha maior erosión que a natural, máis difusa); non se valora tampouco suficientemente a interferencia no réxime hidráulico subterráneo; non se localizan fontes nin mananciais, e polo tanto tampouco se avalían os impactos sobre eles e sobre as tomas de abastecemento a vivendas; considerándose severo o impacto sobre a permeabilidade do territorio, dende un punto de vista social, non se valora o impacto sobre a relación entre reductos de fauna e flora, máis aló de protexer, illadamente, os dous principais bosques de ribeira.

A canalización dos regatos da Gándara (afluente do río Mero) e a Folgueira obedece a criterios de aforro económico, e non a considerar o tratamento máis axeitado á importancia natural destes espazos.

Concluímos que o Estudo de impacto ambiental é esquemático e insuficiente, en particular no relativo á afección á calidade das augas, que considera “mitigable e reversible a curto prazo”.

3.4. O Programa de vixilancia ambiental, e o Proxecto de restauración vexetal e integración paisaxística, teñen un alcance á medida dun Estudo de impacto ambiental con importantes concesións.

O Programa de vixilancia ambiental está valorado en 121.392 euros (o 0.15% do investimento total da obra), cantidade que se considera ridícula dada a magnitude dos impactos moderados e severos.

O mesmo pódese decir do Porxecto de restauración vexetal e integración paisaxística, que non supón nin un 0,8% do investimento previsto.

Por todo o anteriormente exposto



SOLICITA:



Que, tendo por presentado este escrito, admítase, e se dean por formuladas as presentes ALEGACIONS, o fin de que as mesmas sexan tidas en conta antes do difinitivo trazado, e DEIXAR SEN EFECTO A APROBACIÓN DO PROXECTO DE TRAZADO E ESTUDO DE IMPACTO AMBIENTAL DA OBRA VÍA ÁRTABRA TREITO AC-221 (POLÍGONO DE CAMBRE) - AUTESTRADA AP-9 - AUTOVÍA A-6, E VALORAR COA MAIOR OBXETIVIDADE A PROPOSTA REALIZADA NO SEU MOMENTO POLA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE CAMBRE, REALIZADA CUN AMPLIO CONSENSO ENTRE VECIÑ@S AFECTADOS, CO FIN DE CONSEGUIR UNHA MAIOR INTEGRACIÓN DA “VIA ARTABRA” NO ENTORNO MUNICIPAL, TANTO DENDE O PUNTO DE VISTA TERRITORIAL, POBOACIONAL, ECOLÓXICO E SOCIAL.




En Cambre a 5 de maio de 2008






Asdo: Luis M. Taibo Casás. Voceiro do Grupo Municipal de “EU-IU” no concello de Cambre