lunes, 5 de mayo de 2008

ALEGACIÓNS VIA ARTABRA


GRUPO POLÍTICO MUNICIPAL . R/ Cruceiro, s/n 15660 (CAMBRE)
eu-cambre@esquerdaunida.org



DIRECCIÓN XERAL DE OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES DA XUNTA DE GALICIA



LUIS M. TAIBO CASÁS, con domicilio en parque da Igrexa, 2-1º esq, 15660 (Cambre) e con D.N.I.- 76306399-N, en representación de ESQUERDA UNIDA-IZQUIERDA UNIDA “EU-IU” de Cambre, en relación coa Resolución do 21 de febreiro de 2008, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se somete información pública o PROXECTO DE TRAZADO E ESTUDO DE IMPACTO AMBIENTAL DA OBRA VÍA ÁRTABRA TREITO AC-221 (POLÍGONO DE CAMBRE) - AUTESTRADA AP-9 - AUTOVÍA A-6, CLAVE AC/04/156.00.2., publicada no DOG número. 63 do mércores 2 de abril de 2008, formula as seguintes



ALEGACIÓNS:



1.- Despois de desenvolver unha Memoria xustificativa e un Estudo de impacto ambiental, segue sendo cuestionable a NECESIDADE DA VÍA E A SÚA UTILIDADE PARA MELLORAR O TRÁFICO NA REDE VIARIA METROPOLITANA ACTUAL.

1.1. Non se teñen explorado alternativas para a solución do tráfico nesta área urbana previamente á construción da Vía Ártabra, como a posta en marcha dunha verdadeira rede de transporte público multimodal (competencia da mesma consellería que promove a Vía Ártabra), medidas para reducir o número de desprazamentos e disuasorias para o uso do vehículo privado (taxas, carriles, etc.)

1.2. A implantación destas medidas sería beneficiosa medioambientalmente e para o funcionamento da propia área urbana, e con toda probabilidade suporía un aforro para a administración, cuestión que non se analiza en ningún punto do Proxecto nin do Estudo de impacto ambiental.

A alternativa “0” (non construción da vía) acompañada de medidas como as citadas para resolver o problema tampouco foi obxecto de análise.

1.3. O propio Proxecto pon viabilidade da Vía Ártabra en entredito ao xustificarse a 10 anos vista, supoñendo que se mantén o ritmo de incremento de tráfico e previo colapso da rede actual.

No punto 2.6 Tráfico da Memoria do proxecto, recoñécese que a Vía Ártabra só será un percorrido competitivo fronte aos existentes de acceso a Coruña dende Sada e Oleiros a partir do período 2015 a 2020, baixo a condición de que se saturen a AP-9 e a N-VI. Incluso neste momento só resultaría unha alternativa en hora punta, asumindo que pola maior distancia de percorrido, non se empregaría noutro horario.

1.4. Das táboas do propio estudo de tráfico dedúcese que a posta en servizo da Vía Ártabra vai a aumentar significativamente o tráfico (IMD) en varios puntos clave da rede viaria, fronte á situación sen a construción da Vía Ártabra.

Atopamos un incremento en 2030, coa Vía Ártabra construída, de perto de 7.000 vehículos na AP-9 (enlace da Vía Ártabra con esta vía e enlace do Burgo).

A vía Ártabra aumenta o tráfico no último tramo da AP-9, co conseguinte perigo de saturar aínda máis o tráfico entre o Temple e a Rotonda da Pasaxe, ao tempo que disminue o tráfico na Ponte de Pasaxe, en proporción semellante, co que o principal problema da rede viaria da área urbana segue a concentrarse no mesmo punto: a Avda. de Alfonso Molina, aínda contemplando no modelo a posta en funcionamento da Terceira Ronda.

Concluímos que a construción de esta infraestrutura viaria “de alta capacidade” incrementa os movementos (tráficos e número de vehículos) ao aumentar as expectativas de mobilidade que oferta a nova configuración da rede viaria. Ao mesmo tempo traslada os problemas dunhas vías a outras, en particular os concentra en puntos de enlace claves.

2.- As expropiacións que contempla a Memoria cínguense a bandas de 8 m dende a arista exterior de explanación no caso do tronco da vía, e menores nos enlaces. OS TERREOS A EXPROPIAR SEGUNDO O PROXECTO SON SUFICIENTES PARA CONSTRUIR A INFRAESTRUCTURA, PERO NON TEÑEN EN CONTA NIN COMPENSAN AS VERDADEIRAS AFECCIÓNS AOS PROPIETARIOS.

Segundo o criterio de expropiación da Lei 4/1994 de Estradas de Galicia, a administración pode proceder á expropiación dos bens existentes na franxa comprendida desde o dominio público ata a liña de edificación, é dicir, nunha franxa de 30 m medida desde a arista exterior da explanación para as calzadas previstas, sempre que exista un proxecto aprobado.

Consideramos que deberían expropiarse os edificios de vivendas que, estando en ordenación antes da Vía Ártabra, quedan dentro da banda de afección (30 m dende a arista de explanación). Desde logo así debería facerse para os edificios de vivendas cuxa situación queda moi comprometida pola Vía, algúns a tan só uns poucos metros do talud. Dado o impacto acústico e visual da Vía, e outros problemas de seguridade que poden afectarlles, como accidentes de tráfico, corrimentos de terras, problemas de evacuación de augas, cómpre unha revisión do criterio xeral de expropiación en relación ás vivendas.

Isto ten pleno sentido se atendemos ao Estudo de impacto ambiental, que considera severo o impacto sobre os bens patrimoniais, condicionando de unha maneira importante o racional desenrolo urbanístico das parrquias afectadas. A expropiación, a falta doutros mecanismos compensatorios, pode e debe asumir o coste socioeconómico da poboación directamente afectada pola construción e funcionamento da Vía. Esta cuestión abórdase no Estudo mencionado sen que se realice ningunha proposta de corrección.

3.- Logo de considerar a sístesis da valoración de impactos do Estudo de impacto ambiental, comprendemos que en conxunto a construción e funcionamento da Vía Ártabra supón impactos maioritariamente moderados e severos.

3.1. Os severos céntranse no medio económico, en cuestións tan importantes como a permeabilidade do territorio e a calidade do hábitat humano, condicionada sobe todo por elevadas emisións de ruídos e gases. Tamén recoñece a perda de bens e rentas como consecuencia das expropiacións e afección directa e indirecta xa comentada no punto anterior.

A ruptura da permeabilidade do territorio é unha das consecuencias máis graves da implantación da Vía, con efectos negativos sobre a poboación do concello de Cambre, onde se “encerraría” a unha gran parte da poboación entre as infraestructuras viarias existentes no termino municipal, dificultando o acceso as actuais vias, coma e o caso da eliminación do enlace no lugar de Catro Camiños en Pravio, trasladado no proxecto actual a zona de A Gandara, onde se pretende instalar unha área de peaxe, co conseguinte perxuizo para a poboación e un evidente deterioro na calidade de vida dos habitantes da zona, a mais das derivacións ambientais (afección a drenaxe e cuncas naturais, movemento da fauna, impactos visuais, paisaxísticos, lumínicos, etc.).

No Proxecto contémplase a reconstrución de 14 vías e camiños, 10 mediante pasos superiores e 4 mediante pasos inferiores. Estas medidas son mínimas, obviando o corte de múltiples camiños. Garantir a accesibilidade mediante vías de servizo paralelas á Vía Ártabra con cruces nalgúns puntos non significa manter a permeabilidade do territorio.

Tan só un 10% do trazado é realmente permeable desde todos os puntos de vista.

3.2. Outro impacto severo é o que afecta ao patrimonio cultural.

O xacemento do Castrillón e o castro da Xoxa están sometidos a impactos severos. O primeiro seguirase a empregar como vertedoiro de escombros de obras, e a obra da Vía Ártabra desenvolveranse a unha distancia moi curta (a penas a 5m do seu ámbito delimitado), cun paso en terraplenado que desfigurará a percepción paisaxística do Castro.

Non se propón medida correctora para o vertedeiro, e no castro da Xoxa estas pasan por limitarse sondaxes valorativas, é dicir, non constitúen tal medida.

As xustificacións aportadas polo estudo para non evitar coa traza unha afección tan directa ao castro da Xoxa responden a criterios de aforro económico do proxecto (incremento das expropiacións) e nunca a dificultades técnicas, valoración impropia dun estudo arqueolóxico.

3.3. Na valoración de impactos óbvianse factores agravantes, algúns dos impactos valorados como moderados son claramente severos e outros considéranse –insuficientemente- só durante a realización das obras.

Destacamos: o estudio da afección a calidade das augas superficiais non ten en conta que esta seguese a producir trala posta en servizo da infraestrutura, por dous factores ignorados (a contaminación producida polas rodaduras e o asfalto arrastrada pola choiva e a canalización e concentración en poucos puntos das escorrentías naturais existentes, que produce unha maior erosión que a natural, máis difusa); non se valora tampouco suficientemente a interferencia no réxime hidráulico subterráneo; non se localizan fontes nin mananciais, e polo tanto tampouco se avalían os impactos sobre eles e sobre as tomas de abastecemento a vivendas; considerándose severo o impacto sobre a permeabilidade do territorio, dende un punto de vista social, non se valora o impacto sobre a relación entre reductos de fauna e flora, máis aló de protexer, illadamente, os dous principais bosques de ribeira.

A canalización dos regatos da Gándara (afluente do río Mero) e a Folgueira obedece a criterios de aforro económico, e non a considerar o tratamento máis axeitado á importancia natural destes espazos.

Concluímos que o Estudo de impacto ambiental é esquemático e insuficiente, en particular no relativo á afección á calidade das augas, que considera “mitigable e reversible a curto prazo”.

3.4. O Programa de vixilancia ambiental, e o Proxecto de restauración vexetal e integración paisaxística, teñen un alcance á medida dun Estudo de impacto ambiental con importantes concesións.

O Programa de vixilancia ambiental está valorado en 121.392 euros (o 0.15% do investimento total da obra), cantidade que se considera ridícula dada a magnitude dos impactos moderados e severos.

O mesmo pódese decir do Porxecto de restauración vexetal e integración paisaxística, que non supón nin un 0,8% do investimento previsto.

Por todo o anteriormente exposto



SOLICITA:



Que, tendo por presentado este escrito, admítase, e se dean por formuladas as presentes ALEGACIONS, o fin de que as mesmas sexan tidas en conta antes do difinitivo trazado, e DEIXAR SEN EFECTO A APROBACIÓN DO PROXECTO DE TRAZADO E ESTUDO DE IMPACTO AMBIENTAL DA OBRA VÍA ÁRTABRA TREITO AC-221 (POLÍGONO DE CAMBRE) - AUTESTRADA AP-9 - AUTOVÍA A-6, E VALORAR COA MAIOR OBXETIVIDADE A PROPOSTA REALIZADA NO SEU MOMENTO POLA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE CAMBRE, REALIZADA CUN AMPLIO CONSENSO ENTRE VECIÑ@S AFECTADOS, CO FIN DE CONSEGUIR UNHA MAIOR INTEGRACIÓN DA “VIA ARTABRA” NO ENTORNO MUNICIPAL, TANTO DENDE O PUNTO DE VISTA TERRITORIAL, POBOACIONAL, ECOLÓXICO E SOCIAL.




En Cambre a 5 de maio de 2008






Asdo: Luis M. Taibo Casás. Voceiro do Grupo Municipal de “EU-IU” no concello de Cambre

No hay comentarios: