viernes, 29 de noviembre de 2013


 





Amigas e amigos do país de Nunca Máis:

Grazas por asistirdes a unha nova convocatoria da Plataforma Nunca Máis.

O noso país segue á deriva, sen goberno de seu con competencias propias para enfrontar novas catástrofes marítimas. Galiza segue á intemperie. Os tribunais de xustiza seguen a ditar a inxustiza nas súas sentenzas. E mentres tanto, o mar segue aí, fronte ás nosas costas, bruando inverno tras inverno o seu canto desesperado, a súa soidade, temendo -como non?- que outro petroleiro como o Prestige se adentre nel e invada as súas augas de negrura, de alcatrán, de morte.

Non é tempo de quedar na casa, de resignarse, de renunciar á xustiza, ao dereito e á loita. Por iso estamos aquí, en Compostela, en Vigo, na Coruña, en Foz, en Lugo, en Ourense, en Ferrol, en Pontevedra, no país enteiro, dando, máis unha vez, un exemplo cívico de compromiso coa nosa Terra, coa xustiza, coa verdade. Todo o que non fan os que nos desgobernan, Os que nos guían / e non teñen ollos, como di Bernardino Graña nun dos seus poemas.

Fronte a nós navega aínda un petroleiro cargado de mentiras: o petroleiro da burocracia e do poder, esa inmensa marea negra que intenta afogar o clamor da xente sen saberen eles que nin o alcatrán todo do mundo calará a nosa voz, a nosa esixencia de dignidade e de xustiza, o noso berro de Nunca Máis.

Todas e todos nós lembramos aquela marea negra do Prestige que cubriu de petróleo o noso mar e as nosas praias, aquela marea negra que trouxo tanta dor aos nosos corazóns e que tanta carraxe nos provocou ao contemplarmos con estupefacción aquela xestión política do goberno do Estado e da Xunta de Galiza, cada día e a cada hora máis disparatada.

Mais, fronte ao tópico da resignación do pobo galego, Nunca Máis foi a resposta dunha sociedade viva, dun país que puxo de manifesto a súa propia forza como pobo e que nos fixo sentir o orgullo de sermos galegas e galegos. Foi aquela a maior mobilización social do mundo diante dunha catástrofe ecolóxica. E fixémola nós, aquí, en Galiza. A bandeira de Nunca Máis percorreu o planeta como símbolo da nosa loita e da nosa dignidade contra a marea negra, contra a manipulación e contra a mentira.

E aquí estamos de novo, reclamando xustiza, lembrando o que aínda queda por facer e esixindo solucións concretas:

1.      Os medios necesarios para facerlle fronte a calquera outro accidente marítimo que se poida producir nas nosas costas;
2.     a xestión definitiva para o fuel do pecio Prestige;
3.     o seguimento da saúde das persoas que limparon o chapapote;
4.     as competencias propias en seguranza e salvamento marítimo;
5.     o retorno da Seguridade Marítima á xestión pública;
6.     o control efectivo do Dispositivo de Separación de Tráfico de Fisterra;
7.     e medidas lexislativas que rematen coa impunidade dos que contaminan

O Goberno de Rajoy e a Xunta de Feijoo van presentar recursos perante do Supremo para acalar as nosas voces e as nosas conciencias da dignidade con trinta moedas de ouro, mais Galiza non ten prezo e a Plataforma Nunca Máis, ademais de demandar que quen contamina pague, vai ir máis aló dando un paso nos tribunais para que os responsábeis políticos da xestión daquela crise sexan finalmente condenados por provocar unha das maiores catástrofes ecolóxicas do mundo, porque ese delito non pode ficar impune. Once anos despois seguen a existir razóns para a indignación, a reivindicación e a contestación social.

A Plataforma Nunca Máis acordou, por unanimidade, presentar Recurso de Casación perante o Tribunal Supremo. Non por ter confianza na xustiza española, pois xa vimos que o xuízo foi unha farsa, o proceso unha fraude e a sentenza un insulto. O noso obxectivo é saír do labirinto do aparello da xustiza española e seguir até o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo, até conseguirmos unha sentenza exemplar que sinale un antes e un despois no delito ambiental.

Durante a longa travesía xudicial do Prestige, o conxunto da cidadanía galega estivo persoada no caso a través de Nunca Máis -e tamén hai que dicilo-, grazas ao esforzo e á xenerosidade da Comisión Xurídica de Nunca Máis. Mais agora, o longo camiño que queda por percorrer na vía xudicial, no Tribunal Supremo e no Tribunal de Estrasburgo, témolo que facer como pobo galego autoorganizado en Nunca Máis, asumindo colectivamente, coa axuda económica de todas e todos nós, os custos que leva consigo a presentación deses recursos. Este ten que ser o recurso de Galiza, o recurso do pobo galego, ao que temos que contribuír cada un e unha de nós cos seus propios euros, cada quen co que libremente desexe. Ou recorremos nós esta inxusta sentenza ou ninguén o vai facer por nós. Nin Rajoy nin Feijóo van procurar que se faga xustiza; iso sabémolo ben.

Nunca Máis á incompetencia política!
Nunca Máis mareas negras de chapapote!

Nunca Máis mareas negras de manipulación e de mentiras!

Nunca Máis outro petroleiro estendendo a morte!

Nunca Máis!!!


Galiza, 1 de decembro de 2013

No hay comentarios: