jueves, 16 de octubre de 2014




COMUNICADO DE PRENSA

O CONSELLO COMARCAL DE EU ANUNCIA QUE PRESENTARÁ UNHA EMENDA PARCIAL AOS ORZAMENTOS DO ESTADO PARA INCLUÍR UNHA PARTIDA PARA A REXENERACIÓN DA RÍA DO BURGO

 ESQUERDA UNIDA RECRIMINA A NEGREIRA QUE FALTE AOS SEUS COMPROMISOS FALANDO CON LINGUA DE SERPE

O COORDINADOR COMARCAL DE EU, CÉSAR SANTISO, AFIRMA QUE “A RÍA QUE DEFENDE ESQUERDA UNIDA É UNHA FONTE DE RECURSOS PARA A ECONOMÍA LOCAL, UNHA FONTE DE TRABALLO, DE SAÚDE E DE LECER PARA A VECIÑANZA. O ALCALDE DA CORUÑA TEN QUE ACLARAR DE QUE LADO ESTÁ, DO LADO DA LOITA POLA MAIORÍA SOCIAL OU DO LADO DO APLAUSO Á INXUSTIZA”


A Coruña, 15 de outubro 2014. O alcalde da Coruña xustifica a falta de inversión para a limpeza e acondicionamento da ría do Burgo e renuncia publicamente ao seu compromiso político para que a ría estivese dragada en 2014.

O Consello Comarcal de EU anuncia que presentará unha emenda parcial aos orzamentos do Estado para incluír unha partida para a rexeneración da ría do Burgo, ao tempo que manifesta o seu convencemento de que esta rexeneración ten que ser integral. A rexeneración destas amplas superficies, hoxe en día improdutivas, poderían dar un pulo enorme ao emprego na zona cunha estimación inicial de 400 postos de traballo, polo que a administración ten una gran responsabilidade e non debe escatimar esforzos para non perder o apoio da UE en materia de financiamento a través de fondos para o período 2014-2020. Ata o de agora a administración non fixo máis que promesas incumpridas.

Esquerda Unida recrimina a Negreira que falte aos seus compromisos falando con lingua de serpe. O alcalde tivo tempo sobrado para facer os trámites necesarios para satisfacer as promesas de dragado da ría do Burgo para 2014 que realizou incluso acompañado do presidente da Xunta, pero a realidade é que faltou a súa palabra e nin sequera reclama financiamento ante o ministerio. Semella que a rexeneración da ría do Burgo quedou orfa do apoio do alcalde e seguirá indefensa e a expensas dos intereses políticos que se conxugan no Parlamento Europeo, no goberno do Estado e na Xunta de Galicia, todos dominados polo PP agora e polo PSOE noutros momentos. E todo iso apesares de haberse aprobado unha moción no pleno coruñés cos votos de PP, PSOE e EU para acadar un compromiso de rexeneración que agora o alcalde esquece. 

O Coordinador Comarcal de EU, Cesar Santiso, afirma que “a ría que defende Esquerda Unida é unha fonte de recursos para a economía local, unha fonte de traballo, de saúde e de lecer para a veciñanza. O alcalde da Coruña ten que aclarar de que lado está, do lado da loita pola maioría social ou do lado do aplauso á inxustiza. O alcalde ten que aclarar se consideraba máis importante o túnel da Mariña ou a recuperación da ría. O alcalde ten que aclarar as súas prioridades e deixarse de escusas”.

Consello Comarcal da Coruña
Esquerda Unida


No hay comentarios: