#8M: feminismo imprescindible
Manifesto 8 de marzo
Nos tempos que corren de retroceso en dereitos e liberdades, dende o feminismo seguimos loitando, para que o avance na igualdade real entre homes e mulleres non siga sendo unha quimera, e pase a ser un referente central de loita en todas e cada unha das nosas accións políticas.
Ante a ameaza de regresión continua e permanente no noso dereito a decidir libremente sobre a nosa maternidade; ante a ausencia de políticas efectivas contra Violencia de Xénero; ou ante a discriminación e explotación laboral e salarial das mulleres; o noso posicionamento é: impregnar a nosa axenda política e social, dunha profundo contido feminista.
Ante os retrocesos e retos que percorren a nosa sociedade nestes momentos, queremos manifestar de forma clara o noso posicionamento:
- Ante a reforma do Dereito ao Aborto; defendemos unha lei sobre interrupción voluntaria do embarazo na que se contemple, como mínimo, a prevención contra os embarazos non desexados cunha educación sexual que percorra todos os estadios educativos; unha lei que permita ás mulleres interromper o seu embarazo na sanidade pública no momento e polas razóns que desexe, sen restricións, sen prazos e sen tutelas; unha lei que elimine o aborto voluntario do código penal tanto para as mulleres como para as e os profesionais sanitarios que o practican.
- Ante a imposición da custodia compartida; rexeitamos esta, cando é unha medida xudicial imposta sen o acordo de ambos os dous proxenitores, xa que o único que se consegue é impoñer unha obriga de continuo contacto e relación entre dúas persoas, o pai e a nai, que é vivida con rexeitamento polo menos por unha delas, repercutindo en moitos casos nun ambiente de crispación e de hostilidade que prexudica ao desenvolvemento persoal dos fillos e fillas; polo que a custodia compartida, só debería contemplarse naqueles casos que ambos os dous proxenitores estean de acordo, e preservando sempre o interese dos e das menores que é o ben xurídico a protexer. Non podendo outorgarse, ademais, en caso de Violencia de Xénero.
-Ante a violencia machista; apostamos polas políticas de prevención, onde un alicerce fundamental é unha educación afectivo-sexual a todos os niveis que facilite desenvolver relacións baseadas no respecto e a igualdade real entre mulleres e homes; a violencia de xénero é unha expresión extrema da desigualdade que se manifesta de múltiples formas e que percorre a vida de todas as mulleres, en maior ou menor medida; non podemos desterrar a violencia contra as mulleres sen socavar as estruturas discriminatorias que percorren as nosas sociedades; polo que mostramos o noso frontal rexeitamento á redución dos recursos económicos e humanos destinados á implantación de políticas de igualdade activas, integrais e participativas.
- Ante a discriminación e explotación laboral das mulleres; esiximos que se asenten as bases de desenvolvemento do noso atacado Estado de Benestar, xerando emprego de calidade e eliminando os obstáculos que imposibilitan o logro da autonomía persoal e económica, de centos de miles de mulleres.
É imprescindible democratizar a nosa sociedade, desterrando desigualdades e fomentado a participación activa de mulleres e homes, dende unha convencida aposta polo feminismo como alicerce básico desta transformación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario