AGE defende a recuperación da xestión directa dos comedores escolares
A crise dos catering dos últimos días demostra o fracaso do modelo privatizador imposto polo PP no noso país e que está a provocar graves problemas, deficiencias e riscos para a os nenos e nenas usuarias deste servizo. A realidade e o acontecido nestes días deixa en evidencia a imposibilidade do Goberno galego de garantir a calidade dos menús dos case 12.000 escolares que empregan este servizo nos diferentes centros escolares do noso país. Por este motivo, e ante a gravidade dos feitos, o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) reclama a reversión das concesións a empresas de catering nos comedores escolares e que se recupere a xestión pública dos mesmos como único xeito de garantir a calidade do servizo.
O deputado de AGE, Ramón Vázquez, lembrou que a situación que se está a coñecer estes días leva sendo advertida polo seu grupo desde hai tempo que desde a súa chegada ao Parlamento de Galicia insistiu na necesidade de acabar con este modelo privatizador nos comedores escolares públicos galegos. Lonxe de escoitar as recomendacións e denuncias de AGE, o Goberno galego optou por duplicar o número de catering nos colexios desde a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta de Galicia pasando dos 74 a 133 comedores escolares con servizo de catering da actualidade o que representa o 30 por cento do total.
Lentellas fermentadas, vermes na comida, produtos en mal estado son algúns dos exemplos coñecidos estes días e que levaron á suspender a concesión con dúas empresas encargadas de dar a comida diariamente a un total de 20 centros escolares do noso país. O deputado Ramón Vázquez destacou o feito de que a comida chegaba aos centros escolares despois de ser precociñada e prequentada e tras recorrer grandes distancias, “o que sen dúbida inflúe de xeito determinante na calidade da comida facendo moi complicado garantir unhas condicións axeitada da mesma”. O deputado de AGE salientou así mesmo o feito de que as empresas concesionarias non fosen nin tan sequera galegas o que deixa sen escusa ao Goberno galego que tantas veces acude á xustificación da dinamización do emprego no noso país. A única motivación do Goberno galego do PP por manter e fomentar este tipo de catering semella ser unha vez máis dar negocio ás empresas privadas, nesta ocasión nin tan sequera galegas, cargando ademais o custe ás familias galegas. De feito tal e como demostran os números, as familias están a sumir o 29 por cento dos orzamento para comedores escolares o que implica que o incremento orzamentario do que tanto presume o Goberno galego non é tal senón que se carga nas propias familias para poder crear novas prazas de comedor de catering incrementando así o negocio para estas empresas.
A gravidade dos feitos coñecidos estes días fan necesaria a comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para explicar en sede parlamentar o sucedido e informar sobre as futuras actuacións da Xunta de Galicia para garantir a calidade dos menús escolares. Por este motivo, o grupo parlamentar de AGE xunto co BNG rexistraron hoxe mesmo unha petición de comparecencia do Conselleiro no Parlamento de Galicia. Así mesmo, Alternativa Galega de Esquerda insta ao cese inmediato do secretario xeral técnico de servizos complementarios, Jesús Oitavén, como responsable de garantir a calidade do servizo de comedores nos centros escolares do noso país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario