Manifesto Republicano de Esquerda Unida
LEMBRANZA REIVINDICATIVA DA NOSA MELLOR HISTORIA
Lembramos para reivindicar, no 85 aniversario da proclamación da República, a tantas persoas que entregaron o seu traballo para erguer a esperanza compartida de construír un novo país. Non queremos esquecer o exemplo de dignidade democrática que as urnas da primavera republicana de 1931 expresaron ao derrotar a un réxime apodrecido entre a miseria e explotación á que sometía ás clases traballadoras e a corrupción estrutural na que vivían as elites daquela I Restauración Borbónica.
A República constituíu, entón, a resposta das clases traballadoras e populares para disputar ás clases dominantes, a dirección política do Estado, a construción material de condicións de vida dignas para a maioría social traballadora, e en resumo a ferramenta para acadar a hexemonía de valores, a panca básica para a transformación social.
A proclamación da República fora posible polos azos unitarios construídos e que callaron na acción política e electoral conxunta republicana e socialista. A mellora das condicións laborais, os avances na loita pola igualdade que simbolizou o sufraxio universal, os milleiros de novas escolas unificadas, o proceso social polo que o noso pobo gañou dignidade ao derrotar ao caciquismo e plebiscitar o autogoberno… son algúns dos fitos dunha República que na Fronte Popular sinalou o camiño do porvir. Dese alento transformador somos coherdeiros e corresponsables todas e todos os que acreditamos na apertura dun proceso constituínte cando o réxime da II Restauración Borbónica provoca condicións de vida insoportables para tantas e tantos de nós.
A MELLOR RESPOSTA A CRISE É A REPÚBLICA
Onte coma hoxe, a reivindicación da República constitúe a mellor resposta unitaria democrática e social que a cidadanía pode pousar para enfrontar o secuestro da soberanía popular e a redución dos procedementos democráticos a unha mera fórmula baleira. A resposta á miseria social que estende polo noso país ese capataz que presume do déficit público cando case setecentas mil persoas en Galicia se atopan en situación de pobreza ou exclusión social e logo de un septenio de crise-estafa e da ruptura dos acordos constitucionais do 78, mediante a deturpación da Constitución coa reforma do artigo 135 e as leis de estabilidade orzamentaria que nos reducen a reino vasalo intervido de facto pola troika, que xa reclama unha nova libra de carne traballadora en forma de ulteriores recortes orzamentarios e privatizacións.
A República constitúe a mellor resposta unitaria que poden xerar as clases traballadoras e populares para pór fin ao rebaixamento dos salarios e o aumento das desigualdades salariais, o aumento dos ritmos de traballo, a perda xeral de dereitos laborais que supuxeron as contrarreformas laborais de Zapatero e Rajoy, que puxeron na picota a negociación colectiva e, en xeral, para confrontar a realidade do aumento da explotación nas relacións sociais de produción.
A República constitúe a mellor resposta unitaria que poden achegar as mulleres feministas para soster - cando a crise se emprega como pretexto para xustificar as desigualdades e a sistemática de violencia material e simbólica sobre elas- a loita pola igualdade e para combater a feminización da pobreza, a erosión e privatización dos servizos públicos, a fenda salarial e a súa reclusión na modalidade contratual do traballo a tempo parcial, así como a guettización en sectores produtivos de baixo valor engadido, intensivos en man de obra e con baixos salarios e pésimas condicións laborais, o que fai inviable a conciliación e a corresponsabilidade.
A República constitúe a mellor resposta unitaria para unha cidadanía farta das tramas de corrupción política-empresarial que malbaratan os recursos públicos en beneficio dunha fracción minúscula da sociedade: a irmá do rei Juan Carlos na trama Panamá, o curmán do rei e a súa irmá na trama Noos, as mensaxes privadas de ánimo dos reis a un empresario da elite, familia dun dos grandes construtores do franquismo imputado polo financiamento ilegal do PP, os escuros negocios do pai do actual rei… a coroa semella unha esterqueira moral feita de consentidos negocios turbios que sela o entramado de intereses da resturación oligárquica en curso.
RESTAURACIÓN OLIGÁRQUICA OU PROCESO CONSTITUÍNTE
A disxuntiva hoxendía enfronta a resignación da restauración oligárquica ao redor do rei Felipe VI, o tripartidismo e o Consello Empresarial da Competitividade ou a esperanza da ruptura democrática coa apertura dun proceso constituínte que permita ás xentes do común participar efectivamente na toma das decisións clave que afectan as nosas vidas, xa no traballo, xa nos servizos públicos, ou para as pensións ou sobre o modelo de Estado.
A democracia republicana compendia a resposta unitaria que temos que construír as diversas forzas políticas, sindicais e sociais que queremos construír un novo país, distinto e mellor do que nos impoñen as forzas do turno monárquico. Esa apelación republicana resulta un chamado a todas as persoas que se consideran cidadás e non aceptan a condición que nos queren impor de facto, a de súbditos.
A República é a sola posibilidade dun porvir sen barbarie ao constituír a mellor ferramenta para que o pobo galego constrúa coas outras nacións do Estado un proceso constituínte que afirme a soberanía popular, amplíe os dereitos económicos, sociais e culturais, afirme as liberdades nacionais ao través das prácticas e mecanismos da democracia participativa, xere unha atmosfera ética para o exercicio das responsabilidades públicas e realice a pedagoxía da solidariedade internacionalista coas persoas que viven e traballan connosco e para coas persoas refuxiadas a causa das guerras neocoloniais do imperialismo.
O novo país que arelamos as mulleres e homes de Esquerda Unida, feito cos vimbios da ampliación dos dereitos, a afirmación das liberdades, a democracia participativa e a xustiza social ten as cores emancipadoras da República.
Por iso, neste 14 de abril,
Na procura dos dereitos do noso pobo
No compromiso coa xustiza social
Na loita pola igualdade
Na afirmación da nosa lingua e cultura
Na preservación da nosa terra
Viva a República!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario