domingo, 24 de julio de 2016


  • ALGUNHAS DAS INICIATIVAS PRESENTADAS POLO GRUPO PARLAMENTARIO DE "AGE" NA LEXISLATURA 2012-2016  RELACIONADAS CON CAMBRE


                             
Resultado de imagen de GRUPO PARLAMENTARIO AGE


A MESA DO PARLAMENTO GALEGO


COLEXIO PORTOFARO (CAMBRE)


Ramón Vázquez Díaz, Xabier Ron Fernández e Yolanda Díaz Pérez, membros do grupo parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda, ao abeiro do disposto no artigo 156 do Regulamento da Cámara, presentan a seguinte Pregunta para a súa resposta oral na comisión, relativa á necesidade de dotar do persoal sanitario necesario ao CEIP Portofaro de Cambre para responder as necesidades do alumnado escolarizado no mesmo.

Unha das características que sen dúbida definen un sistema educativo público de calidade é a súa capacidade para atender a diversidade do alumnado presente nas aulas, de xeito que responda ás súas necesidades e inquedanzas, intereses e capacidades. Este feito obriga a que os centros educativos conten cos recursos educativos necesarios para poder dar unha resposta axeitada a todos aqueles rapaces e rapazas escolarizados en centros públicos de xeito que , ningunha circunstancia persoal ou social se converta en motivo de discriminación de acordo cos principios de normalización e inclusión e desde a consideración da diversidade como un elemento enriquecedor para o conxunto da sociedade

A situación dun neno de seis anos do CEIP Portofaro de Cambre está moi lonxe de axustarse a estes principios de normalización e inclusión. Este alumno, cun diagnostico médico de diabetes mellitus tipo 1, leva meses agardando pola asistencia de un ATS que poda prestar a vixilancia continuada que require a súa doenza segundo os informes médicos do Servizo Galego de Saúde. De feito os pais deste neno acoden puntualmente cada día ao centro onde deixan constancia por escrito da súa intención de escolarizar o seu fillo, un feito que se ve impedido polo risco evidente para a súa saúde. Diante deste problema, a solución aportada pola Consellería de educación foi abrir un expediente por absentismo á familia afectada, cando o único que se está a reclamar é o cumprimento da normativa vixente en materia de atención á diversidade.

 Mesmo unha lei retrógrada e involucionista como a LOMCE, recolle dentro dos seus principios a equidade, de xeito que se garanta a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación, a inclusión educativa, a igualdade de dereitos e oportunidades, que axuden a superar calquera discriminación e a accesibilidade universal á educación, e que actúe como elemento compensador das desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais, con especial atención ás que se deriven de calquera tipo de discapacidade.

No marco normativo galego, o decreto 229/2011 do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 4º que a intervención educativa basearase nun enfoque multidisciplinar e de colaboración e coordinación entre os diferentes profesionais.

 Para mais abundamento, o artigo 5 determina que corresponde a administración educativa realizar a dotación dos recursos necesarios para ofrecer unha educación equitativa e de calidade, dentro dos principios inclusivos e de individualización da intervención educativa. E xa no artigo artigo 38 deste decreto, establécese que os centros educativos contarán cos profesionais especializados necesarios para atender as necesidades do seu alumnado.

 Mais para as familias do alumno citado do colexio Portofaro de Cambre, estas normas convertéronse en papel mollado á hora de dar respostas ás necesidades urxentes do seu fillo e permitir a súa escolarización sen por en risco a súa saúde. O Goberno Galego non pode demorar nin un día mais a dotación do persoal necesario para permitir a escolarización deste alumno de xeito que a diabetes, non sexa un obstáculo para o seu axeitado desenvolvemento educativo e persoal.

Por estes motivos o Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda, presenta a seguinte pregunta para a súa resposta en Comisión:

 - Que medidas ten pensado adoptar á Xunta de Galicia para permitir a escolarización do alumno do CEIP Portofaro con diabetes mellitus tipo 1, de xeito que se eviten os riscos evidentes que ocasionaría a privación do control médico recomendado polos informes do Servizo Galego de Saúde durante a xornada escolar?
Image result for colexio portofaro cambre eu
 En Compostela, a 5 de febreiro do 2015. Asdo.


Ramón Vázquez Díaz Asdo. 
Xabier Ron Fernández Asdo.
Yolanda Díaz Pérez



                                           FERROCARRIL DE CERCANÍAS

Á MESA DO PARLAMENTO

O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda (EU-ANOVA), a iniciativa do seu deputado Antón Sánchez García, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Pleno.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 O modelo de infraestruturas e mobilidade desenvolto en Galiza nos últimos 30 anos baséase case única e exclusivamente no desenvolvemento do tranporte individual por estrada e no campo do ferrocarril, na priorización do tren de alta velocidade. Un dos retos que debe afrontar o país no futuro é o da sostenibilidade, da loita contra o cambio climático e da redución da dependencia enerxética.

Para elo todos os expertos coinciden en que serán fundamentais a aplicación da racionalidade no deseño das políticas, reducindo a mobilidade e fomentando o transporte colectivo, e preferentemente o tren.

 Galiza conta cun importante déficit nestas políticas e non conta con conexións ferroviarias competitivas nas áreas de maior concentración de poboación, por exemplo, así como sería preciso afrontar o artellamento do país a través da interconexión entre as principais cidades e vilas.

 En moitos casos alegouse a falta de demanda para reducir e suprimir servizos, e asináronse convenios coa Xunta para subvencionar liñas deficitarias cando estas o son porque a súa oferta non é competitiva nin en horarios nin en calidade. Resulta doado desmontar a falacia de falta de usuarios atendendo á oferta paralela de autobús. Na liña Ferrol-A Coruña RENFE oferta 6 viaxes en cada dirección, co primeiro ás 7:02 e o último as 20:20 mentres que en autobús é posíbel escoller 15 saídas directas por autoestrada e 16 por estrada xeral con paradas intermedias, entre as 6.30 e as 22:30. Asumindo que as empresas de autobús tamén atenden á rendibilidade, dedúcese claramente a existencia de demanda de traslados.

 Moitas conurbacións do Estado español cunha dimensión menor, como poden ser espazo guipuscoano (sobre 550.000 habitantes) e claramente superior aos espazos murciano (450.000) e cántabro (300.000 habitantes), contan cun servizo de tren de cercanías, mentres Pontevedra-Vigo e A Coruña-Ferrol, cunha poboación de arredor de 600.000 habitantes cada unha, non.

Tanto a Xunta de Galicia como o Ministerio de Fomento anunciaron xa dende o ano 2011 o compromiso da creación da Xerencia de cercanías en Galiza como paso previo ao desenvolvemento dos proxectos de implantación deste servizo no noso país.

 Aínda que existen anuncios da realización de estudos de viabilidade da implantación deste servizo, seguimos sen albiscar un futuro inmediato de aposta polo tren como ferramenta de mobilidade sostible entre as nosas cidades, posto que non hai proxectos reais e a curto prazo.

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Pleno:

 O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a que solicite ao Goberno español:
 1) A inmediata elaboración dun proxecto para a implantación do servizo ferroviario de cercanías en Galiza, cando menos nas liñas Pontevedra-Vigo e A Coruña-Ferrol.
2) A transferencia das competencias para os servizos de cercanías, e financiación suficiente para o seu desenvolvemento e mantemento futuro.


Image result for ferrocarril de proximidade cambre eu
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2015.
 Asdo.: Antón Sánchez García Portavoz S. do G.P. da AGE.






                                                           RIA DO BURGO



Á MESA DO PARLAMENTO GALEGO


O grupo parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda (EU-ANOVA), a través da súa vicevoceira e a iniciativa do seu deputado Juan M. Fajardo Recouso, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Pleno, relativa ao saneamento integral da ría do Burgo.

Exposición de motivos

Numerosos colectivos da sociedade coruñesa levan anos demandando unha solución definitiva a situación na que se atopa a ría do Burgo, afectada pola contaminación procedente de grandes industrias do entorno, as deficiencias do saneamento de moitos concellos da contorna, pero sobre todo pola deixadez dunhas administracións autonómica e estatal que dilatan no tempo as inversións necesarias para acabar con esta situación.

 A ría do Burgo en un valor económico e mediambiental fundamental para o conxunto do entorno, os mais afectados por esta situación son os mariscadores e mariscadoras, que sofren un continuo goteo de perdidas de postos de traballo e os que aínda perduran con enormes dificultades para acadar un ingresos mínimos dignos que permitan manter as súas familias.

 A pesar das promesas, e dos diferentes foros creados para solventar a situación, a realidade a día de hoxe é que continúan os verquidos, a presenza de hidrocarburos e os peches e situación de contaminación son xa insostibles, se a isto engadimos a situación de furtivismo asistimos a “tormenta perfecta” contra a sostenibilidade da ría e da súa produción.

 Esta situación pode estenderse ademais a outros sectores económicos e produtivos pois a ría é un atractivo turístico e social que agoniza ante a deixadez das administracións responsábeis.

 Polo exposto formulamos a seguinte proposición non de lei, para o seu debate en Pleno:

 O parlamento Galego insta a Xunta a:

 * Realizar as xestións necesarias diante do Goberno Central co obxectivo de facer efectivos as inversión suficientes para iniciar de inmediato un calendario de actuacións, con prazos reais, que permita a rexeneración da ría, a recuperación dos bancos marisqueiros e a realización do necesario e prometido dragado.

* Incorporar os fondos propios necesarios para facer posible as demandas do punta anterior.

* Realizar de inmediato un proceso de saneamento integral da ría do Burgo.

Image result for colexio portofaro eu cambre
En Compostela, a 16 de novembro do 2015.

 Asdo. Yolanda Díaz Pérez
 Asdo. Juan Manuel Fajardo Recouso



                                   

                                  ESCOLA UNITARIA FONTEMOURA (CAMBRE)


Á MESA DO PARLAMENTO GALEGO


Os deputados Ramón Vázquez Díaz e Xabier Ron Fernández e a deputada Yolanda Díaz Pérez, membros do grupo parlamentario da Alternativa Galega da Esquerda, ao abeiro do disposto no artigo 155 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte pregunta para a súa resposta oral no Pleno, relativa ao mantemento en funcionamento para o curso escolar 2015/16 e seguintes da escola unitaria Fonte Moura de Cambre.

A Xunta de Galicia xa pechou nestes últimos anos dúas escolas unitarias no concello de Cambre, as de Aián e Bribes. De resultas restan no concello de Cambre tres escolas unitarias en funcionamento, das cales e segundo novas sen confirmar semella que a consellaría pretende pechar a escola de Fonte Moura da parroquia de Santa María de Vigo para o vindeiro curso escolar, aducindo que tería unha matrícula de 4 alumnos.

Este peche suporía outro pau máis no proceso de desmontaxe das unitarias, que supuxo pechar preto de 200 escolas no conxunto do país baixo os diferentes gobernos, ora o bipartito, ora o da recesión e da crise de Núñez Feijóo; en non poucas ocasións escolas unitarias con demanda suficiente e que ademais supoñen un elemento de igualdade na prestación de servizos e de fixación de poboación en ámbitos rurais.

 A realidade demográfica do concello de Cambre desmárcase da regresividade que preside a demografía do país, presentando un saldo vexetativo positivo. Esta escola unitaria de Fonte Moura tivo incluso que matricular alumnado no curso 2012/13 que quedou sen praza noutros CEIP,s caso do CEIP Graxal. O concello ten case seiscentas matrículas de alumnado de infantil segundo os datos do ano 2013.

 Esa realidade poboacional é a que explica que ese número de matrícula previsto para o vindeiro curso na escola de Fonte Moura sexa meramente conxuntural. Na bisbarra de Santa María de Vigo onde radica a unitaria, hai un padrón que recolle crianzas no tramo de idade que comprende esta unitaria, que reflicten que este centro é necesario e ten un potencial de matrícula certo.

 O concello de Cambre ten constancia a maiores desa matrícula da petición dunha veciña para matricular a 4 nenos e nenas para 1º de primaria para este vindeiro curso 2015/16, asemade dos outros 8 escolares que pasan a 1º de primaria e que non seguirán na unitaria por non ofertarse esa etapa educativa.

 Incluso o concello acometeu un conxunto de obras de mantemento e acondicionamento da escola no verán do ano 2012: arranxo dos servizos, pintado da fachada o cambio da pavimentación do aula entre outros.

A unitaria de Fonte Moura é unha escola inxerida no entorno social da parroquia e que toda a cidadanía do concello sostén como conveniente manter en funcionamento. Vense de aprobar polo Pleno do concello unha moción nese sentido. Sabemos que cando se pecha unha unitaria se desmantela un chanzo clave da vida nese espazo rural onde radica, e masifícase – cunha pinga de desarraigo en nenos e nenas de idades temperás - un pouco máis aos sobrecargados centros públicos.

Polo sinalado, o grupo parlamentario da AGE formula a seguinte pregunta para a súa resposta oral no Pleno:

 - Vai rectificar a Xunta de Galicia e, xa que logo, manter aberta en funcionamento a escola unitaria de Fonte Moura para o curso escolar 2015/16 e seguintes en orde a garantir tanto a escolaridade das crianzas da bisbarra de Santa María de Vigo de Cambre e mesmo doutro alumnado do concello que o solicite ou necesite?
Image result for escola unitaria santa maria de vigo

 En Compostela, a 15 de xullo do 2014.

 Asdo. Ramón Vázquez Díaz
 Asdo. Xabier Ron Fernández Asdo. Yolanda Díaz Pérez




                                                   PASEO FLUVIAL DO RIO MERO EN CAMBRE



Á MESA DO PARLAMENTO DE GALICIA

Juan Manuel Fajardo Recouso, deputado pertencente ao Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda , ao abeiro do disposto no artigo 155 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Pregunta para a súa resposta oral en Comisión 

Dende fai varios anos o conflicto entre administracións o respecto das labores de conservación e mellora da senda fluvial do Río Mero no Concello de Cambre están a provocar o abandono dun lugar que debera ser emblemático non so no concello se non en toda a comarca.

Na actualidade arrastramos unha situación de deterioro e degradación do entorno que alóngase durante varioas anos, deterioro que fai imposible o uso e disfrute da senda e do propio río por parte da veciñanza e visitantes do entorno.

A falla de limpeza das ribeiras do río fai incluso que durante quilómetros os viandantes paseen alleos a existencia dun río, que en moitas ocasión é inapreciable dende a senda pola falla de acondicionamento e limpeza.

Compre facilitar o uso do entorno , promover a implicación social e poñer en valor a riqueza natural e social do río , neste sento son necearias actuacións de acondicionamento e mellora do entorno e do propio río, que van dende a creación e recuperación de antiguas zonas de baño e esparcemento ata a mellora da senda e a diferenciación da mesma entre o paseo peonil e carril bici

Por todo isto  , Alternativa Galega de Esquerda (EU-ANOVA), formula a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión:

¿Ten previsto o Goberno Galeo e os entes que o conforma a inmediata actuación na senda fluvial do Río Mero, de acondicionamento, limpeza e mellora ?

¿Ten previsto o Goberno Galego en colaboración co concello de Cambre, crear un programa de mantemento e limpeza continuo no tempo do citado entorno  ?

¿Que actuacións ten previsto no futuro para dotar a senda da diferenciación entre carril bici e senda peonil?

¿Existe ou ten previsto acometer algún proxecto de acondicionamento das zonas de baño do río ?

Image result for colexio portofaro eu cambre

Asdo.- Juan Fajardo Recouso





SEGURIDADE VIAL NA ESTRADA AC.-214 ENTRE PRAVIO E CAMBRE

Á MESA DO PARLAMENTO DE GALICIA


Juan Manuel Fajardo Recouso, deputado pertencente ao Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda , ao abeiro do disposto no artigo 155 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Pregunta para a súa resposta oral en Comisión 

A pesar do risco continuo para a seguridade viaria provocada pola falla de actuacións na estrada AC-214 entre as parroquias de Cambre e Pravio, que levaron incluso a mobilizacións veciñais para mellorar o paso de peóns a altura de igrexa de Pravío, as actuacións necesarias continúan sen acometerse e polo tanto continúase a poñer en risco as vidas da veciñanza pola falla de compromiso da administración coa seguridade vial.

A inexistencia de pasos de peóns fai imposible en moitos casos o cruce da estrada, cruce que se realiza en penosas condicións de seguridade pola inexistencia dos pasos e das sinalizacións adecuadas .

 Existen neste ámbito dúas actuacións fundamentais , que deben dotar de pasos de peóns seguros as inmediacións do cruceiro de Pravio e os lugares de Freande-Drozo, pola súa afluencia e perigosidade

 Por todo isto  , Alternativa Galega de Esquerda (EU-ANOVA), formula a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión:

¿Ten previsto o Xunta de Galicia acometer as actuacións necesarias en materia de seguridade Vial neste vial  ?
¿De ter previsto realizar algunha actuación, en que van a consistir?

¿Ten algún proxecto realizado neste sentido tal como se solicitou por parte dos veciños e veciñas ?

¿Cal é a previsión de inicio destas actuacións. ?

Image result for colexio portofaro eu cambre

Asdo.- Juan Fajardo Recouso

                                  

No hay comentarios: