ESQUERDA UNIDA REITERA O SEU COMPROMISO A PROL DUN SAHARA LIBRE E APOIARÁ TODAS AS MEDIDAS NA DEFENSA DOS DEREITOS HUMANOS DO POBO SAHARAUÍ
Doutra
banda, dende EU animamos a participar na charla “O dereito á educación
na República Saharauí”, impartida polo reitor da Universidade de
Tiferiti e que terá lugar na Facultade de Dereito da USC este mércores
16 de novembro ás 18h.
Compostela, 14 de novembro de 2016.
Dende Esquerda Unida levamos anos a denunciar a actuación
antidemocrática de Marrocos, así como a constante violación de dereitos
humanos respecto ao trato ao seu veciño Sahara Occidental. O pobo
saharauí debe saber que seguiremos apoiando a súa causa e que
reclamaremos a celebración do referendo de autodeterminación para que os
saharauís podan vivir en paz e en liberdade no seu propio territorio.
Esta
semana, Eva Solla, deputada de En Marea, vicepresidenta segunda do
Parlamento e membro da dirección de Esquerda Unida, mediante o grupo
parlamentario de En Marea, instou á Xunta de Galicia a orzamentar e
financiar o programa “Vacacións en Paz”, “asumindo así o compromiso
electoral contraído polo PP con Solidariedade Galega co Pobo Saharauí
(SOGAPS) polo importe de 280.000 euros, co fin de asegurar a viabilidade
deste programa”, sinalou.
“Vacacións
en Paz” leva desenvolvéndose en Galicia dende os anos noventa,
permitindo o acollemento de máis de 300 nenas e nenos cada ano. “Non
obstante, as dificultades económicas chegaron o pasado ano a poñer en
perigo a súa viabilidade, toda vez que moitos concellos anunciaron a
negativa ou imposibilidade de facer fronte ás achegas”, dixo. É por isto
que dende Esquerda Unida vemos moi necesario que se asegure a súa
viabilidade e esta partida se vexa reflectida nos orzamentos para o ano
2017.
Doutra
banda, para o membro de dirección de EU e responsable de elaboración
programática, Xabier Ron, “a recente concesión do estatuto de refuxiado
político ao activista saharauí Hassanna Aalia representa o triunfo da
batalla polos dereitos humanos non só do activista, senón de todo o
movemento asociativo comprometido na defensa da causa saharauí”,
sinalou.
O
recoñecemento a Hassanna Aalia da condición de refuxiado político
implica, de forma rotunda, a esixencia de que se anule o xuízo militar a
todas as persoas –un total de 25 activistas incluíndo a Hassanna Aalia-
xulgadas por un tribunal militar pola súa participación na creación do
campamento da paz de Gdeim Izik, desmantelado por Marrocos pola forza a
finais de 2010.
Por
iso, para Esquerda Unida, é preciso ir máis aló da satisfacción que
representa este feito. Cómpre que lle deamos un encadre a esta cuestión
superior e que obriga a ter un claro posicionamento por parte das forzas
de esquerda do Estado, de Galicia e de toda Europa. En defensa da
legalidade e dos dereitos lexítimos do pobo saharauí, Esquerda Unida
manifesta:
1º
Esiximos a anulación inmediata do xuízo militar aos 25 activistas de
Gdeim Izik, unha auténtica farsa que violentou o dereito de defensa e o
dereito á xustiza. Neste sentido, e considerando que o pobo saharauí
vive ocupado polas forzas militares e policiais de Marrocos, cómpre que
cese a persecución e a violación sistemática de dereitos e que sexan
liberados todos os presos políticos.
2º
Reclamamos a implicación de toda a comunidade internacional para que se
esixa o fin da violación dos Dereitos Humanos e para que a MINURSO
adopte o mandato de garantir non só o alto ao fogo –vulnerado en
frecuentes ocasións, como aconteceu co asasinato por un balazo de Said
Dambar, senón tamén a salvagarda dos dereitos humanos.
3º
Esiximos o fin do cerco mediático levado a cabo por Marrocos e que se
sustenta nunha política de expulsión sistemática de observadores
internacionais, tal como aconteceu cunha delegación do Parlamento de
Galicia en maio de 2016. Por iso, é imperativo que se reclame a apertura
de fronteiras, para que organismos internacionais podan informar con
veracidade sobre a situación nos Territorios Ocupados.
4º
Denunciamos o comportamento hipócrita do Estado e de Galicia, quen de
volcarse en aspectos asistencialistas coas persoas que viven nos
campamentos de refuxiados de Arxelia, mais que seguen menosprezando a
resolución política do conflito. A hipocrisía permite o establecemento
de acordos empresariais e comerciais que só benefician a Marrocos, cando
as actividades se realizan en territorio saharauí, sen que o pobo
saharauí se vexa recoñecido como beneficiario. A mesma hipocrisía que
fai de Marrocos o xendarme do sur de Europa e que tantas consecuencias
negativas ten para milleiros de persoas migrantes.
5º Consideramos da máxima importancia o recoñecemento oficial da Fronte Polisaria como lexítima representante do pobo saharauí.
6º
Despois de 40 anos de desleixo é hora de que o Estado asuma a súa
condición de potencia administradora e prosiga co proceso de
descolonización, que se supriman os asentamentos de colonos nos
territorios ocupados e que se traballe para que se cumpran as
resolucións da ONU para que o pobo saharauí poda vivir en liberdade no
seu propio territorio.
Por
último, e co motivo de seguir apoiar a causa saharauí, dende Esquerda
Unida animamos a participar na charla “O dereito á educación na
República Saharauí”, impartida polo reitor da Universidade de Tiferiti e
que terá lugar na Facultade de Dereito da USC este mércores 16 de
novembro ás 18h. da tarde.
Grazas pola vosa atención.
Gabinete de prensa de Esquerda Unida.
Coordinación Local EU-CAMBRE
Rúa Constitución número 3 baixo, 15679 O Temple-Cambre
Tlf: 981.06.91.37 // Blog: http://eucambre.blogspot.com.es/ Facebook: EU Cambre
No hay comentarios:
Publicar un comentario