jueves, 5 de enero de 2017


ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A PRECARIZACIÓN E A DESTRUCIÓN DO EMPREGO DE CALIDADE EN GALICIA, QUE ENCABEZA ESTE MES A SUBA DO PARO EN ESPAÑA

Os datos do paro evidencian a consolidación dun dramático fenómeno no mercado laboral consistente na destrución de emprego, concretamente do emprego indefinido e de calidade que é substituído polo emprego temporal e precario.

Compostela, 04 de xaneiro de 2017. O Ministerio de Emprego fixo públicos os datos de desemprego e afiliación á Seguridade Social. Galicia perdeu no pasado mes 4.809 persoas afiliadas á Seguridade Social, sendo a primeira comunidade onde máis incrementa o desemprego en España. Por desgraza, nos últimos anos, o incremento do paro é unha constante, así como o resultado dunhas políticas neoliberais que parecen perseguir a destrución de emprego de calidade.

Para Esquerda Unida, a creación de emprego en España ten datos positivos como consecuencia, sen dúbida, da campaña estacional das festas do Nadal, algo que en Galicia nin se veu reflectido. Máis de 1,5 millóns de fogares no estado español, uns 25.000 en Galicia, carecen de calquera tipo de ingreso, máis de 4 millóns de persoas están desempregadas, 205.914 persoas en Galicia, onde o paro aumentou este mes (+1,16%) fronte ao descenso do (-2,29%) en España, e a pobreza infantil, a máis inxusta e crucial para a persistencia das desigualdades, ascende ao 27,4%.

O mercado laboral galego segue a manifestar a súa problemática de fondo: a creación de novos empregos é moi irregular e traballar non é sinónimo de vivir dignamente ou de tan sequera chegar a fin de mes. Unha causa deste fenómeno é que o emprego que se crea nin é estable nin está ben pagado. Dos máis de 71.000 contratos asinados en decembro, uns 66.000 eran temporais, o que demostra que o capitalismo financeiro e as grandes industrias están a conseguir o obxectivo que se persigue coa crise: a destrución incesante do emprego indefinido e de calidade.



Gabinete de prensa de Esquerda Unida.

No hay comentarios: