sábado, 4 de febrero de 2017

En Marea rexistra unha batería de preguntas sobre o dragado e saneamento da Ría do Burgo

 84d12589-bd37-4ce5-9eb9-66a9f711ae42
Madrid, 27 de xaneiro de 2017. Os deputados de En Marea por A Coruña, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, rexistraron este venres unha batería de preguntas sobre a Ría do Burgo.
En concreto, En Marea pregunta ao Goberno polas dotacións que ten previsto incluir nos orzamentos xerais do Estado de 2017 para acometer o dragado e o saneamento integral da Ría do Burgo na Coruña e polo estado de tramitación do Proxecto de dragado ambiental dos sedimentos da Ría.
“Cando ten previsto o Ministerio comezar coas obras de dragado da Ría do Burgo e cal é o prazo de execución previsto destas obras?”, preguntan, entre outras cuestións como as actuacións concretas do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para 2017 ou qué parte dos 47 millóns de euros do coste total da obra será asumido polo Goberno do Estado.
En Marea tamén inquire ao Ministerio por se pensa paralizar o marisqueo durante a execución do dragado, ante a posibilidade de que mobilice substancias contaminantes que se poidan disolver na auga.
Ante esta situación, tamén se pregunta ao Goberno se ten previsto establecer algún tipo de axuda ou compensación económica para os traballadores e traballadoras durante o período no que se realice o dragado, ata que se garantan as condicións óptimas para a práctica do marisqueo con total normalidade.
Nos anos oitenta, esta ría conformaba un rico parque de marisco, que chegou a producir ata 70.000 quilos anuais de ameixa fina da mellor calidade, e daba traballo a dous mil mariscadores, cunha capacidade produtiva do 80%.
Na actualidade, a súa capacidade produtiva apenas chega ao 20% e emprega a menos de cen persoas en actividades extractivas, xa que é unha de rías máis contaminadas de Europa polos vertidos tanto industriais como fecais.
Todos os afectados pola deplorable situación de Ría do Burgo, a cidadanía, os colectivos, os Concellos, levan anos demandando a adopción de medidas para a súa rexeneración.

No hay comentarios: