Eva Solla: “A actuación do goberno central é intolerable, ilexítima e vulnera os dereitos civís en Catalunya”
Ante a vulneración dos dereitos fundamentais que vimos de coñecer e a situación de “excepción” que se está a vivir en Catalunya, Esquerda Unida defende unha saída política dialogada. Tal e como declaraba esta mañá Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, “cada detención, comiso e rexistro do Goberno central camiña no sentido contrario a resolver a situación que está a vivir Catalunya. Por iso, dende Esquerda Unida consideramos a actuación do goberno central intolerable e ilexítima, ademais, de vulnerar os dereitos civís”.
“Dende Esquerda Unida condenamos estes actos represivos por parte do Goberno central e consideramos intolerable a súa actuación coa aplicación encuberta do artigo 155, violentando as liberdades de toda a cidadanía”, explica a coordinadora.
“É indispensable abrir vías de diálogo para atopar unha solución política ante esta situación de “excepción” provocada polo Partido Popular e a imposición dunhas políticas máis propias dun Estado represor”, sinala Solla.
Dende Esquerda Unida reiteramos o noso apoio á iniciativa lanzada por IU, Podemos, En Comú Podem e En Marea baseada en ofrecer unha saída cívica e dialogada á situación política en Catalunya da man da asemblea de cargos políticos, con presencia de todas as forzas democráticas, que terá lugar en Zaragoza.
Por todo isto, dende Esquerda Unida reiteramos o noso apoio ás mobilizacións convocadas para esta tarde como protesta ante as detencións e actuacións ordenadas polo goberno.
No hay comentarios:
Publicar un comentario