Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, e Rubén Pérez, secretario de Organización de Esquerda Unida, veñen de presentar esta mañá na Fiscalía unha denuncia á Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF) pola negación de delitos de lesa humanidade cometidos polo réxime franquista e enaltecemento da figura do ditador.
“Tal e como anunciamos o 11 de setembro en rolda de prensa, e despois de telo consultado cos nosos servizos xurídicos, vimos de denunciar na Fiscalía á Fundación Francisco Franco por delitos de odio e pola negación de crimes de lesa humanidade do franquismo, todo nun marco actual onde o goberno central está a permitir que se sigan a organizar actos de exaltación do fascismo”, explica Solla.
Respecto a isto, “seguimos a pasar por riba da Lei de Memoria Histórica” que, aínda de ser exigua, “o noso goberno central non está a cumprir”. Ademais, a día de hoxe, “vimos de coñecer o anuncio da Fiscalía Anticorrupción que pide a condena do PP por financiación ilegal”, polo tanto, “os mesmos que se lucran do que é de todas e de todos non protexen á cidadanía, inciden na polarización do conflito e permiten a creación dun clima perigoso”. Dende Esquerda Unida consideramos que isto non debe ser tolerado, por iso presentamos esta denuncia na Fiscalía.
Respecto á denuncia, Rubén Pérez explicou que “pedimos que a Fiscalía investigue estes feitos e, para iso, nós presentamos unha serie de probas, tales como algunhas entrevistas a cargos da Fundación FNFF”.
“Afortunadamente hai precedentes en Europa, polo que nós tamén pensamos que unha das instancias a apelar debe ser á Unión Europea (UE). As declaracións dos cargos desta Fundación, en calquera outro país da UE, e dentro da xurisprudencia de delitos humanos, non sairían impunes, por iso pedimos que aquí tamén se estudien”. Neste senso, o secretario de Organización de Esquerda Unida incidiu na importancia de “evitar actos de exaltación do fascismo, tales como a exhibición de bandeiras fascistas ondeando como se foran bandeiras normais, e estamos a falar de algo moi grave”, remata.
A denuncia na Fiscalía á Fundación Franco que vimos presentar está sustentada en novas e declaracións de cargos da Fundación constitutivas de presuntos delitos de aldraxe ás vítimas do franquismo e negación de crimes de lesa humanidade que non teñen cabida, corenta anos despois, neste país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario