O Parlamento galego aproba a iniciativa de En Marea para acabar coa precariedade, pobreza laboral e a desigualdade
O deputado de En Marea, Manuel Lago, vén de denunciar no Pleno “a precariedade laboral que ten que soportar unha grande parte da cidadanía no noso país”. E como mostra levou ao pleno do Parlamento a nómina de “Carmela”, unha traballadora dunha das principais empresas do sector de produtos elaborados do mar que, como tantas, ten contrato indefinido a xornada completa e, aínda así, non chega aos 800 euros.
Unha situación que pode considerarse privilexiada atendendo á realidade xa que das 8.000 mulleres que traballan neste sector a maioría ten contratos temporais con xornadas a tempo parcial e cun abuso da subcontratación a través de ETTs e empresas multiservizo para pagar salarios aínda máis baixos. Así, entre o 70 e 75 por cento das mulleres que traballan no sector está contratada través dunha ETT ou, aínda peor, dunha empresa multiservizo, para escaparse do convenio colectivo do sector. Por iso, en Galicia traballan miles de mulleres neste sector que apenas chegan aos 500 euros mensuais.
“A precariedade xa é unha característica estrutural do mercado de traballo en Galicia. Só o 47 por cento das persoas afiliadas ao Réxime Xeral da Seguridade Social, ten un contrato indefinido a tempo completo”, denunciou Manuel Lago.
“O resto, máis da metade da poboación asalariada do sector privado, está en situación de precariedade, ben porque ten un contrato temporal, porque traballa a media xornada, porque é fixa descontinua ou porque está en prácticas ou formación. Unha precariedade xeneralizada pero que afecta de forma especial ás persoas novas e ás mulleres e que se transforma en pobreza laboral, porque a crise, pero sobre todo a xestión neoliberal da crise, reformas laborais incluídas, é a responsable que na Galicia do século XXI volva a haber traballadores pobres, persoas que a pesares de ter traballo non poden vivir de forma independente”, apuntou.
Ver a intervención dende aquí:
https://youtu.be/lUHRvjbWTW4
No hay comentarios:
Publicar un comentario