Pódese provocar o esquecemento?
Hai tempo que tiña ganas de escribir este artigo. Porque acontecen feitos preocupantes. Fágoo coa intención de dirixirme a esas persoas que non entenden ‘que facemos estudando vellos discursos franquistas’, que din que ‘é hora de pasar páxina’ e de ‘esquecer ese triste pasado da nosa historia’. Elas esixen que se esqueza, aínda que entón eu me pregunto... pódese provocar o esquecemento?
Cando era pequena, a miña avoa contábame que tivera un irmán chamado Manuel, que morrera de novo... ás veces morría por unha enfermidade, outras porque non chegara un medicamento que precisaba, outras por soportar temperaturas moi baixas e outras sen saber moi ben por que. Máis tarde contaríame que Manuel era profesor de matemáticas “sabía máis que ninguén en Galdo (Viveiro)”, que era republicano e que morreu porque os seus perseguidores non o deixaron saír dun río conxelado cando tiña 33 anos, a idade “de Xesús”, como dicía a miña avoa, agora tamén a miña idade.
Xa algo máis tarde, preguntándolle á miña avoa por esta historia, ela contoume outra que case tiña esquecida, dicindo que un día, mentres xogaba á corda, uns amigos do seu irmán lle dixeron: “Dille a túa nai que matamos ao lobo, que ela o ía entender”.
Isto é tan só un exemplo das memorias persoais que están gardadas en todas as familias, historias contadas, normalmente en anacos, fraccionadas e ás veces sen fiar, xa que forman parte dun feito traumático que aparece bosquexado nun pasado moi presente que é difícil de dixerir. Historias semellantes a outras máis comúns: “ao meu pai déronlle un fusil e dixéronlle que se non ía á guerra o mataban”, que nos obrigan a reflexionar sobre as diferentes actitudes sociais e conductas que levaron a apoiar (ou non) aos golpistas que provocaron una guerra incivil coa súa posterior ditadura que durou 40 anos. Historias que nos obrigan a reflexionar sobre unha memoria social, que non coincide coa oficial, e que aínda ten moito que dicir.
Aínda hoxe en día é moi difícil recuperar o relato daquela memoria e moitos piden que esquezamos, pero non se pode provocar o esquecemento. Esta é a cuestión.
Como di Primo Levi, a memoria non está escrita en pedras. E moita se está a perder aínda que a máis perigosa é a que se está a manipular. As medias verdades impostas, como as palabras do discurso de fin de ano de Feijóo con respecto ao cadro de Castelao que conta o asasinato de Alexandre Bóveda, a nova de que Vox presidirá a Comisión de Memoria Histórica no Parlamento Andaluz, e toda onda de revisionismos edulcorantes e negacionismos tan á orde do día, que botan máis terra sobre a historia, xa de por si moi deturpada. Por iso mesmo agora non se pode, nin se debe, provocar o esquecemento.
Tal e como di Payne e Aguilar a “anomalía de España” é que asentou o seu réxime democrático “sen afrontar o seu pasado”, permitindo que as violacións de dereitos humanos quedasen impunes. Aí onde deberían existir xustiza e verdade hai amnistía e esquecemento.
Neste punto é clara a necesidade de aflorar a nosa memoria colectiva, de romper este silencio ou mellor dito “pacto de confusión”, tal e como di Espinosa, no que fai falla un relato veraz asumido colectivamente e defendido por todas as persoas.Este será o gran reto para a terceira xeración da Guerra Civil, un desafío que debe ir ligado á verdade co fin de favorecer e mellorar a nosa democracia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario