viernes, 12 de julio de 2019
ESQUERDA UNIDA PIDE A COLABORACIÓN DOS PODERES LOCAIS E DA CIDADANÍA PARA CONSEGUIR UNHAS FESTAS LIBRES DE VIOLENCIAS MACHISTAS.
Nas vindeiras semanas, por toda a nosa comarca, terán lugar numerosas festas do verán. Hoxe comezan en Boiro, pero ao longo da estación continuarán por Ribeira, A Pobra e Rianxo.
Estas festas son un bo punto de encontro e un espazo para pasármolo ben todas xuntas. Por isto, é preciso que estean libres de violencia machista. Queremos desfrutar nas nosas vilas e aldeas sen temor a ser agredidas e acosadas, sen voltar á casa inseguras. Non hai excusas para que unha soa de nós teña que sufrir este tipo de situacións. Non incomodes, non insistas, non persigas, non toques sen consentimento. O consumo de alcol non che fai irresponsable dos teus actos: lembra que só SI é SI e que ti non decides sobre os nosos corpos.
Neste senso, celebremos tamén a nosa diversidade: as agresións contra o colectivo LGTBI non teñen cabida nas nosas rúas. Todas somos iguais e temos os mesmos dereitos a participar do que estas festas nos ofrecen.
Dende Esquerda Unida Barbanza queremos aproveitar tamén para instar aos gobernos locais a ser activos nesta loita dende xa. Hai moitas ferramentas que, dende o institucional, se poden artellar para evitar as violencias patriarcais, comezando por instalar os puntos violeta nos espazos destinados ás festas.
Fagamos que os nosos pobos sexan un exemplo a seguir dos valores feministas.
Boas festas a todas e todos.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario