domingo, 2 de febrero de 2020

A coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla Fernández, escribe na Voz de Galicia sobre a suba do salario mínimo a 950 euros.

👉 "A media da factura eléctrica no Estado ascendeu no 2019 a 71,15 euros mensuais. Así que, por favor, antes de desprezar os 50 euros ao mes, sería necesario poñerse nos zapatos de quen apaga a neveira por non poder facer fronte á factura da luz", di Solla.
 

Cincuenta euros

La Voz de Galicia            


O salario mínimo interprofesional (SMI) acaba de alcanzar un récord histórico. É ben certo que moitas defendemos que a mellora na súa contía debe seguir revisándose; con todo, só un necio podería afirmar que conseguir unha suba dun 29 % en cuestión de dous anos non é un triunfo para unha grande maioría da masa asalariada. Desde que Unidas Podemos-En Común pactou co Goberno socialista a primeira suba aos 900 euros ata os 950 de hoxe sumamos 214 euros de incremento ao mes nas percepcións das persoas cos salarios máis baixos. Isto é, a medida impacta directamente nunha mellora para os petos dunha grande maioría de traballadoras e traballadores.
Se atendemos á realidade galega, a ninguén pode escaparlle que esta medida ten moita máis incidencia que na maioría dos territorios do Estado. O salario medio galego sitúase arredor dos 2.000 euros, por debaixo da media española. Medio millóns de galegas e galegos cobran menos de 1.000 euros ao mes.
 
Ben é certo que unha porcentaxe nada desprezable padece unha enorme precariedade con xornadas parciais involuntarias, pero tamén é verdade que moitas desas xornadas parciais sono en empregos cuxa base salarial é a do SMI, polo que proporcionalmente tamén verían melloradas as súas retribucións. O SMI é, por tanto, o principal instrumento público para combater a desigualdade salarial e a pobreza laboral, un instrumento de combate contra a fenda de xénero e, por suposto, os miserentos salarios das persoas mozas no noso país.
 
Non somos inxenuas ante a realidade das e dos traballadores pobres: hai, por suposto, moitas máis medidas que tomar, ademais da suba do salario mínimo. Pero permitámonos valorar as consecuencias na vida real da súa aplicación.
Porque aqueles que cuestionan o impacto que os 50 euros ao mes da última subida poden ter para un traballador ou para unha familia pode que, para a súa fortuna, nunca se atoparan en situación de vulnerabilidade económica. E pode que, en pleno mes de xaneiro, obvien a realidade do medio millón de persoas pobres en Galicia, das que a metade delas non poden nin pagar o recibo da luz.
A media da factura eléctrica no Estado ascendeu no 2019 a 71,15 euros mensuais. Así que, por favor, antes de desprezar os 50 euros ao mes sería necesario poñerse nos zapatos de quen apaga a neveira por non poder facer fronte á factura da luz. No 2020 as galegas e os galegos temos unha nova cita electoral, desta vez para escoller o futuro de Galicia. O camiño para devolver un pouco do espoliado ás máis febles deste país debe continuar. E, de seguro, as nosas propostas en materia de emprego van ser a clave para mudar a realidade de moitas galegas e galegos. Traballemos, pois, en tódalas frontes nas que ata o de agora a dereita só serviu para seguir facendo ás galegas e aos galegos máis pobres que a media do Estado. Acabamos de amosar que sabemos como
 
PorEva Solla Vicepresidenta segunda do Parlamento de Galicia e coordinadora de Esquerda Unida

No hay comentarios: