viernes, 11 de junio de 2021

 MANIFESTO PLATAFORMA FEMINISTA GALEGA DA CORUÑA

11 DE XUÑO DE 2020

Compañeiras voltamos ás rúas para denunciar o feminicidio de Rocío Caíz a mans do seu exnovio

en Sevilla . E temos que denunciar tamén o asasinato de Olivia Gimeno a mans do seu pai, nun caso

de Violencia vicaria, ese terrorismo machista cruel e sádico no que a morte das menores é utilizado

como instrumento de tortura y venganza contra as nais, Mantemos a esperanza de atopar a sua irmá

Anna con vida. Polo tanto, neste ano 2021 xa ascende a 18 o número de mulleres asasinadas por

violencia machista, 1.096 feminicidios oficiais dende 2003. E temos 3 menores nas cifras oficiais

asasinadas por violencia vicaria, 41 menores dende 2013, ano no que se comenzou a recollida destes

datos.

Estamos fartas desta infame lista do terror, estamos ante cifras cada vez máis alarmantes dunha

realidade na cal as mulleres estamos a ser asasinadas. As cifras, os datos, son realmente desoladores

para nós, que somos o 50% da poboación. Son milleiros as mulleres que teñen que sufrir cada día no

mundo violencia por parte daquela persoa que prometía amalas.

Hoxe concentrámonos para condenar estes asasinatos e para denunciar as discriminacións, a

desigualdade e a violencia que día a día sofremos as mulleres e que leva, nas súas últimas

consecuencias, a que sexamos asasinadas, a que asasinen as nosas fillas e fillos, e no día a día a que

sexamos apartadas, a que nos rouben espazos, a que os medios de comunicación nos invisibilicen e

a que os nosos dereitos nunca estean plenamente conseguidos xa que se ven sempre ameazados

por ideoloxias e partidos de dereitas que non recoñecen a violencia machista, que buscan recortar a

nosa capacidade de decidir sobre nós mesmas, pretenden eliminar aqueles espazos que nos custou

anos de loita conseguir e que non poidamos gozar plenamente dos dereitos que coma mulleres e

coma cidadás nos corresponden.

Urxe considerar a violencia machista como terrorismo, como problema social e político de extrema

gravidade. Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos machistas de mulleres, de menores.

Estamos na rúa de novo para berrar que imos loitar contra o patriarcado, que imos illar aos

machistas, que imos acurralar a todos aqueles que queiran usar a violencia contra nós, que somos

feministas e que somos xa multitude.

Imos acalar a todas aquelas persoas que negan a violencia machista, imos acalar a todas as persoas

que seguen a dicir que o feminismo non é necesario e sobre todo, imos loitar contra todas as forzas

que pretenden fragmentarnos e enfrontarnos para diminuír a nosa forza. O machismo é unha unha

pandemia alimentada pola ultradereita e os partidos que silencian e calan, cómplices, ante os que

nos están a asasinar.

Sairemos as rúas sempre que faga falta e berraremos até acadar que toda a sociedade berre con

nós, coma no xa históricos 8M. Non perdemos de vista o traballo que nos queda por facer e no que

todas, da man, xuntas: traballadoras, desempregadas, estudantes, nais, fillas, avoas, netas… todas

camiñamos xuntas cara un obxectivo común: derrotar o patriarcado criminal.

Estamos aquí xa que estamos fartas da violencia, das agresións; mentres este sistema patriarcal non

se erradique, non haberá nin democracia nin igualdade real. Estamos aquí porque queremos mudar

esta insostíbel situación, porque as nosas vidas están en perigo, porque non imos ficar caladas,

porque onte foron Olivia e Rocío, hoxe pode ser unha veciña, mañá podes ser ti. E seguiremos

saíndo ás rúas con cada emerxencia feminista, e ao día seguinte de saír publicado na prensa escrita

un asasinato machista, farémolo todos os días que fagan falta para esixir xustiza, para loitar pola

igualdade e o respecto, para berrar contra os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na

sociedade esta violencia sexista.

Queremos poder ser libres. libres para poder circular de noite, libres para poder andar soas polas rúas,

libres para poder separarnos das nosas parellas sen medo a que nos maten.

QUERÉMONOS VIVAS!

No hay comentarios: