sábado, 4 de septiembre de 2021
Adeus a Serafín Mourelle, un histórico da pesca e o compromiso
MUROS
Patrón de barco, amaba o Gran Sol, que describía cunha memoria prodixiosa
03 abr 2020 . Actualizado a las 10:32 h.
Comentar · 0
Poucas son as persoas que, como Serafín Mourelle, poden definir mellor a ilusión pola pesca e o seu compromiso político. Coñecino en 1980, ano da miña entrada no laboratorio da Coruña do Instituto Oceanográfico. El era o patrón das embarcacións Volandeira, en Arousa, e Arola, en Muros, mentres que eu formaba parte do equipo de Pesquerías Demersais, dirixido polo biólogo-oceanógrafo, Álvaro Fernández, máis adiante director xeral do Instituto Español de Oceanografía (IEO). Posteriormente, coa xubilación de Xesús Souto, en 1994, foi nomeado patrón do Lura, embarcación destinada a campañas relacionadas cos estudios costeiros de hidrografía, bentos e tamén como apoio loxístico ás tarefas da batea experimental de Lorbé e de monitorización para o control das mareas vermellas produto dun convenio de colaboración asinado coa Consellería de Pesca. Combinou ese labor como delegado sindical do persoal laboral, nunha determinada etapa da súa permanencia no laboratorio coruñés.
En 1987, regresa como patrón de pesca de buques de arrastre ao que sempre foi a súa vida e que nunca esqueceu, o Gran Sol, para toparse coas mareas, as ondas e o vento encolerizado, como el o describía, e que coa súa prodixiosa memoria e coas súas dotes de gran conversador suscitaba sempre un espazo de preguntas e respostas sobre a dureza da pesca no Gran Sol. Cando desembarcaba nunca esquecía acercarse ao laboratorio para entregar aos investigadores estatísticas contendo datos de gran transcendencia para avaliar o estado dos stocks das principais especies de interese comercial: merluza, cigala, rape, gallo e bacaladilla.
Mais, Serafín, representa tamén a sombra do compromiso político que se estendeu perante toda a súa vida. Militante do PCG e de CC.OO., non había conflito no que non estivera presente. A derradeira vez que coincidimos foi nun acto organizado opor un foro cívico relacionado cos movementos sociais, na sede da ONCE. Rematado o acto, pregunteille como lle ía a vida e comprobei como o desánimo e a desesperanza eran os sentimentos dominantes que nin tan sequera escribir poesía, outra das súas cualidades, lograban animalo. Máis adiante, souben polo seu fillo, tamén xubilado recentemente do Instituto Oceanográfico coruñés, do seu estado de saúde.
Que alí onde esteas teñas o descanso que mereces.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario