martes, 9 de noviembre de 2021

 



INICIATIVAS DE "EU" PRESENTADAS NO PLENO DO MES DE OUTUBRO.

OLGA SANTOS LÓPEZ, Concelleira de EU Cambre- Son en Común, propón a presente moción, redactada e elaborada na súa integridade pola PLATAFORMA SOS SANIDADE PUBLICA DE GALICIA, xustificando a súa urxencia pola data de celebración da convocatoria á Manifestación do Domingo 14 de Novembro, as 12:00 horas, en Santiago de Compostela, baixo o lema : “SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA”, presenta a seguinte
MOCIÓN EN DEFENSA DA ATENCIÓN PRIMARIA E DE APOIO Á MANIFESTACIÓN DA PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA O 14 DE NOVEMBRO EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Antes da pandemia da Covid-19 a Atención Primaria xa atravesaba unha profunda crise estrutural, con déficit de profesionais pola falta de adecuación dos cadros de persoal as necesidades poboacionais, a non renovación de xubilacións, baixas e vacacións e as demoras e masificación na asistencia, como consecuencia dos recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular. Na actualidade, os orzamentos na Atención Primaria apenas supoñen o 12 % do orzamento sanitario total, que é evidentemente insuficiente e é urxente incrementalo.
Durante a pandemia, en Atención Primaria priorizouse a atención telefónica sobre a presencial o que impediu o acceso dos pacientes aos centros sanitarios e reduciuse o aforo das salas de agarda obrigando aos pacientes a facer cola fóra dos centros de saúde. Suspendeuse a realización de probas e controles de saúde periódicos, sobre todo en pacientes con patoloxías crónicas. Estas medidas para evitar a transmisión, están tendo consecuencias negativas na calidade da atención que reciben as e os cidadáns, entre elas o atraso no diagnostico de patoloxías como as tumorais.
Hoxe temos agardas de máis de 10-12 días para recibir atención médica de forma telefónica no Centro de saúde, que poden chegar a un mes para unha consulta presencial, o que non é comprendido pola cidadanía e orixina nela un sentimento de abandono e desprotección por parte do Sistema Sanitario Público.
O contacto e a relación médico-paciente constitúe o alicerce fundamental da Atención Primaria, polo que manter esta modalidade de consulta telefónica ou telemática como base da atención sanitaria supón unha enorme limitación da accesibilidade, racionalidade e calidade do modelo sanitario. Isto xenera malestar social e profesional que vai en aumento, cun deterioro da imaxe do Sistema Sanitario Público.
Durante os meses de confinamento, as traballadoras e os traballadores da Sanidade Publica recibiron o recoñecemento e a gratitude da cidadanía ao labor desenvolvido en durísimas condicións. Este recoñecemento abría a esperanza de que, tras o estado da alarma sanitaria, o SERGAS impulsaría medidas e reformas para mellorar e fortalecer esta primeira liña asistencial, tal como recomendan as sociedades científicas, axentes sociais e sindicais. Lamentablemente a realidade é ben distinta e a cidadanía atopamos a mesma precariedade anterior acrecentada por unha atención baseada en primar consultas telefónicas sobre as presenciais e con restricións de acceso ao Centro de Saúde.
Hai que recuperar a atención presencial e o acceso aos centros o antes posible, para evitar un maior deterioro do propio sistema e empeorar os datos de saúde da poboación.
As barreiras de acceso á Atención Primaria favorece a privatización, coa correspondente fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros privados (na actualidade xa supón un 20% da poboación) e a desprotección das persoas con menos recursos, en consecuencia un aumento da inequidade.
Para reverter esta situación, é necesario:
- A apertura dos Centros de Saúde, con consultas 100% presenciais como única maneira de garantir a igualdade de oportunidades á poboación, nun entorno seguro que manteña as medidas hixiénicas e sanitarias: máscaras e distancia de seguridade.
- Reapertura de tódolos Consultorios existentes e que foron pechados pola pandemia de Covid-19.
- Mellorar a accesibilidade acabando coas listas de espera, co desdobramento das consultas e o incremento de persoal para a súa atención. Limitando as consultas telefónicas ou telemáticas a actividades complementarias, que non limiten ou interfiran a necesaria relación persoal e presencial entre traballadores e traballadoras da Atención Primaria e a poboación, e que non sigan discriminando aínda máis ás persoas maiores ou con dificultades de acceso no manexo das novas tecnoloxías.
- Incrementar de maneira urxente o orzamento sanitario destinado a Atención Primaria. O obxectivo seria acadar o 25% do presuposto en 5 anos.
- Contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal, implementando un “Plan de Mellora da Atención Primaria” que redimensione os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación.
Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia consideran que:
- É urxente un cambio de política sanitaria da Xunta que poña en marcha medidas extraordinarias e urxentes, polo que esiximos a o SERGAS e o Goberno Galego:
- A recuperación da accesibilidade aos centros asistenciais. Atención 100% Presencial XA !!
- Incremento do cadro de persoal, nos Centros de Saúde de Galicia.
- Repoñer a Xerencia de Atención primaria que eliminaron, como forma de organización especifica da área e presuposto propio e non dependente do hospital de referencia.
A Xunta de Galicia do Sr. Nuñez Feijoo é o único responsable do deterioro da Atención Primaria en beneficio da sanidade privada. Se non facemos unha forte presión social e profesional para conseguir cambios de calado, a nova realidade pos-pandemia pode deteriorar aínda máis a situación que vimos padecendo dende hai moito tempo.
A plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, tras o traballo que están a realizar as Plataformas en Defensa da Sanidade Pública nos ámbitos locais, vai convocar unha Manifestación o Domingo 14 de Novembro, as 12:00 h., en Santiago de Compostela, baixo o lema : “SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA” , para reverter esta situación.
Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte:
PROPOSTA DE ACORDO
. 1 O Pleno do Concello de Cambre mostra o seu apoio á manifestación que a plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia convoca para o vindeiro domingo 14 de novembro, ás 12 horas en Santiago de Compostela baixo o lema: “SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA”.
. 2 EU Cambre instamos ao goberno municipal a poñer a disposición das veciñas e veciños de Cambre uns autobuses gratuítos para asistir á citada manifestación, xestionando o propio Concello as reservas das prazas.
ROGOS:
PRIMEIRO ROGO
Somos coñecedores das múltiples comunicacións recibidas por este Concello a través dos diferentes canais de comunicación dos que dispoñen os veciños, neste caso concreto, en relación ao camiño da Currupa.
Xa na anterior lexislatura, por iniciativa desta mesma Concelleira, reclamamos que dito camiño, que está no centro de Cambre, fora limpado, mantido e dotado de puntos de luz.
Este camiño, de titularidade municipal segue exactamente na mesma situación dende aquela petición no ano 2018, recibindo este equipo de goberno queixas constantes e coa mesma frecuencia ignorándoas reiteradamente.
Vista a desidia do Concelleiro de Camiños, do Concelleiro de Urbanismo, do Concelleiro de Obras e dos múltiples asesores e asesoras que co mesmo grao de desidia, ignoran aos veciñas e veciños, por suposto aos grupos da oposición, e como non, as necesidades do Concello, engadiremos que, actualmente, ademais de estar pechado o paso, converteuse nun foco de niños de velutinas, suciedade e imaxen deplorable.
PREGAMOS fagan o mantemento constante do camiño da Currupa, doten de puntos de luz, e limpen a maleza tanto do camiño, como tomen as medidas pertinentes para a limpeza das fincas lindantes.
PREGUNTAS:
PRIMEIRA PREGUNTA
Veciños da zona de Fabás, en Pravio, ao pe da AC-214, relatan a esta formación que xa son moitas as ocasións en que teñen comunicado con diferentes membros de este equipo de Goberno, e mesmo do anterior, e incluso, anteriores, en relación ao tramo da vía, do que adxuntamos fotografías, no que non existe beirarrúa e a falta de accesibilidade, a mesma perigosidade no tránsito é unha demanda histórica.
Actualmente non temos coñecemento exacto dos trámites, proxectos, iniciativas ou previsións que, dende o Concello e os seus diferentes departamentos existen con respecto a esta petición veciñal.
¿Poden informarnos ao respecto das actuacións previstas na zona?
SEGUNDA PREGUNTA
Según as informacións publicadas, e non compartidas cos grupos desta Corporación, que en temas que saben que son da nosa máxima preocupación, dende este equipo de goberno non demostran nin o mais mínimo respecto que para sí mesmo esixían cando estaban na oposición,
PREGUNTAMOS:
¿Cáles son, pormenorizadamente descritos, os trámites que faltan para a apertura do Pavillón de Anceis?
TERCEIRA PREGUNTA
Dende a concesión da licenza para a legalización do Pavillón de Anceis ate a actualidade,
PREGUNTAMOS con qué data foi concedida a necesaria licenza de primeira ocupación, emitido o certificado final de obra e notificada Augaservi, dacordo co establecido no informe de Secretaría de Setembro de 2020?
SALVO ERRO OU OMISIÓN POLA MIÑA PARTE OU ALGÚN PROBLEMA NAS COMUNICACIÓNS QUEDAN PENDENTES DE REPOSTA DE PLENOS ANTERIORES AS SEGUINTES PREGUNTAS DIRIXIDAS A DONA LÚA SANGUINEDO.
1.- Na sesión plenaria do mes de Abril de 2021, adquiriuse un compromiso de requerir novamente ao IGVS a resposta fehaciente sobre a calificación do edificio da Patiña como VPO, tal e como levan sostido o Alcalde tanto de palabra como por escrito, e o Concelleiro de Urbanismo.
¿Cales foron tódolos trámites realizados nestes 3 meses e cales as respostas obtidas?
2.- ¿Cal é a evolución do número de persoas residentes na Patiña, que sexan usuarias de servizos sociais ou de emerxencia social dende o ano 2016 ate o día de hoxe, con indicación anual de altas e baixas (con indicación diferenciada das causas da baixa)?
Asdo: Olga Santos López

No hay comentarios: