miércoles, 25 de febrero de 2009

MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE “EU-IU” NO DIA INTERNACIONAL DA MULLER.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Neste 8 de Marzo seguimos constatando que a pesar dos avances habidos, a Sociedade segue estando organizada, sobre uns estereotipos masculinos e femininos que confrontan cos intentos de avanzar en pé de igualdade entre homes e mulleres.
A violencia contra as mulleres hai que abordala de xeito integral e non só nun dos seus aspectos, aínda que sexa o máis extremo, como o son as mortes por violencia de xénero (74 mulleres vítimas mortais en 2008). Por iso, na medida en que as iniciativas políticas e lexislativas non aborden todos e cada un dos aspectos estruturais de discriminación e violencia con medidas preventivas e transversais, baseadas prioritariamente na educación, prevención e detención precoz, seguirase actuando cunha cegueira de xénero que impedirá unha política eficaz e integral na loita pola erradicación da violencia cara as mulleres.

Conseguir o libre Dereito a decidir sobre o propio corpo, esixindo o aborto libre e gratuíto sen ningún tipo de tutelaxe patriarcal, a súa despenalización e poñer freno a persecución xudicial contra as mulleres e profesionais sanitarios, seguida en diversas partes do Estado, segue sendo unha reivindicación fundamental.

A conciliación entre a vida laboral e familiar, de momento é unha expectativa. Os homes seguen sen compartir equitativamente as cargas familiares e as tarefas domésticas. Porque para que isto ocorra, non é só necesario leis que o regulen, senón tamén, e moito máis importante, crear unha conciencia social de igualdade que transforme a cultura patriarcal e sexista que ainda existe.

Respecto da crise e as súas repercusións no mercado laboral, a precariedade, a desigualdade salarial e a discriminación por razón de sexo ou polo estado civil das mulleres, que condiciona o seu acceso ao emprego
e aos traballos estables, seguen sendo unha realidade non superada en tempos de bonanza, que tenderá a agravarse no actual panorama de recesión económica e de destrución de postos de traballo. Aínda que as

estatísticas reflicten unha maior perda de emprego por parte dos homes sen que afecte na mesma medida ás mulleres, ata o punto de que se vaian aproximando as porcentaxes de paro duns e outras, o dato non é en absoluto consolador, xa que a devandita aproximación prodúcese non por unha mellora na situación das mulleres senón por un empeoramento dramático do paro masculino, ao cebarse sobre sectores fortemente masculinizados, como é o caso da Construción ou determinados sectores industriais. Con todo, o risco máis temible para as mulleres, nunha situación de crise da gravidade da actual, é a retracción da súa incorporación ao mercado laboral, e ata un retroceso na súa taxa de actividade (xa de por se moi baixa), e o retorno de moitas aos labores domésticos e de coidados familiares, o que pode producir unha involución sen precedentes cara aos vellos roles patriarcales que estamos intentando combater.

Por outra banda, os alarmantes índices de pobreza, que afectan con maior rigor ás mulleres inmigrantes, máis desprotexidas, e ás mulleres maiores, con pensións mínimas ou non contributivas que non chegan a cubrir as súas necesidades básicas, fan máis apremiante aínda o reforzamento do Estado Social e dos sistemas de protección.

O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, é a data propicia, para que o Concello de Cambre mostre a súa vontade de poñer as bases reais, para que a igualdade das mulleres sexa un feito e non unha mera aspiración cunha serie de medidas destinadas a unha transformación real da nosa sociedade, onde as mulleres teñan plenitude de dereitos.
POLO EXPOSTO O GRUPO MUNICIPAL DE “EU-IU” PROPÓN A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:

PRIMEIRO.- O compromiso político de traballar para xerar un concelo de suxeitos iguais en dereitos e obrigacións, utilizando os medios legais existentes e posibilitando as canles para que homes e mulleres teñamos as mesmas posibilidades de desenvolvemento:
SEGUNDO.- Implantar e desenvolver accións e programas que fomenten a sensibilización e a plasmación da igualdade real entre homes e mulleres.
TERCEIRO.- Elaborar Plans de Igualdade con carácter transversal, no que se impliquen todas as áreas municipais. Con dotación orzamentaria suficiente e avaliación anual da súa execución e desenvolvemento.


Asdo: Grupo Municipal de EU-IU

No hay comentarios: