lunes, 21 de septiembre de 2009


SESIÓN EXTRAORDINARIA DO PLENO DA CORPORACIÓN DO DÍA 10 DE XULLO DE 2009

RESUMEN DA INTERVENCIÓN DO VOCEIRO DE “EU-IU” RESPECTO A APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS PARA O ANO 2009.



O Sr. alcalde manifesta que neste momento concede a palabra ao voceiro de EU-IU.

Concedida a palabra a don Luis Miguel Taibo Casás, voceiro de EU-IU, manifesta que tamén el quere falar por alusións que se fixeron na intervención do PP respecto do seu partido, cando citaron a xuntanza que tiveron o pasado martes, e que, por certo, baixo o seu punto de vista, transcorreu na mellor normalidade, e así o dixo o Sr. Cubeiro, cando falou de que todos compartían a situación existente no Concello de Cambre. Pero quere dicir, para que se entere todo o mundo, que para el o Sr. Cubeiro ten unha dobre moral. Acaba de dicir que todos compartían a situación existente en Cambre, pero onte, nunha nota de prensa, o PP dixo que todos os partidos, salvo o Galeguista, lles tiñan asegurado que se encontraban cómodos coa situación. Pregúntalle ao Sr. Cubeiro onde os dous concelleiros de EU-IU dixeron semellante calumnia. Dille que está calumniando e mentindo, que ten unha dobre moral, e que acaba de corroboralo agora, cando dixo que compartían os problemas existentes no Concello de Cambre.

Don Nicolás Cubeiro Martínez pide permiso ao Sr. alcalde para falar, xa que considera que isto non o pode deixar pasar, que ten que contestalo agora, porque é algo moi grave.

Don José Venancio Salcines Cristal dille que respecte a súa vez, porque cando el insulta é clarísimo, pero cando se dirixen a el, entón é gravísimo.

Don Nicolás Cubeiro pídelle ao Sr. Salcines que cale e solicita ao Sr. alcalde que lle permita falar.

Toma a palabra o Sr. alcalde para pedir que termine a súa intervención o Sr. Taibo Casás.

Don Luis Miguel Taibo Casás manifesta que, respecto dos orzamentos, alédase que despois de multitude de solicitudes, por fin chegue un documento concreto ao concello, sobre o que poder debater, e aprobar ou non aprobar. Uns orzamentos que estaba previsto que se aprobasen no mes de abril, coa abstención do PP, deron un xiro completamente distinto como resultado da petición do BNG, que solicitou que quedaran sobre a mesa, co obxectivo, segundo dixeron, de sacar uns mellores orzamentos para o pobo de Cambre.

Di que para EU-IU o aprazamento do pleno dos orzamentos obedeceu claramente a unha estratexia para gañar tempo cara a unha negociación e un pacto de goberno entre o PSOE e o BNG. É algo para o que están lexitimados e, nese sentido, o seu grupo non ten nada que obxectar, pero houbo diversos problemas que foron xurdindo e que os levaron ata o día de hoxe.

Continúa dicindo que se lles presentan uns orzamentos, nun momento de crise global, cuxa característica máis relevante é a falta de partidas para investimentos, o que provoca que sexa un orzamento profundamente continuísta na súa práctica. Observan unha redución do 4,16% do total do orzamento, e ademais, no capítulo de investimentos reais unha redución do 37,08%. Isto quere dicir que, a pesar do aumento da presión fiscal, non foron capaces de igualar o recadado no presente ano. Figuran uns gastos comprometidos, cun 81% en gasto corrente, e 18% en investimento de capital.

Pero, á parte diso, gran parte dos investimentos para o presente ano enmárcanse dentro dos distintos proxectos de ámbito supramunicipal, é dicir, proxecto Arume, Fondo de Investimento Local, e Plan de obras e servizos da Deputación. Iso quere dicir que Cambre non xera diñeiro para investimentos, motivado, fundamentalmente, no parón da actividade na construción, e como consecuencia da carencia dun Plan xeral de ordenación municipal que eles consideran absolutamente indispensable para a obtención de recursos e o desenvolvemento de Cambre neste momento de crise.

Nese sentido quere salientar o recollido no informe de Intervención, onde unha vez máis fai unha reflexión da dificultade do concello para financiar novos investimentos, sendo este ano o peor dos últimos tres, e previsiblemente continuará baixando. Aconsella o informe que se debería axilizar e planificar mellor a xestión, co obxectivo de evitar unha baixa na execución dos proxectos.

Continúa dicindo que, evidentemente, o problema do financiamento non é exclusivo do Concello de Cambre. Son conscientes dos poucos recursos das administracións locais, e da de Cambre en particular. Di que non hai que esquecer que eses problemas fóronse agravando de xeito bastante importante e irresponsable, por unha mala xestión dos recursos públicos ao longo de moito tempo, así como pola incapacidade de quen gobernou durante moitos anos, que simplifica nunha herdanza dun concello case paralizado.

Por outra parte, eles consideran acertado o recorte dun 5% no salario. Todo o que supoña aforro é importante, pero sempre que realmente revirta nas arcas municipais. O que ocorre na realidade é distinto, desvístese un santo para vestir outro. Eles discrepan totalmente co destino do diñeiro aforrado. Tratan con eses cambios de obter diñeiro para unha dedicación exclusiva máis, e dúas parciais, para os seus socios de goberno. Por outra banda observan un incremento do 40,5%, uns 27.000 euros, nas axudas de custo de cargos electivos co fin de repartir o que queda da tarta.

Di que o concelleiro de Facenda sabe perfectamente da súa proposta respecto dos soldos e asignacións por asistencias, un recorte dun 5% para todos, e cando di para todos refírese ao goberno e á oposición, incluíndo as axudas de custo por asistencia a órganos colexiados, plenos, comisións, e así asignar diñeiro a temas tan importantes como son a creación de emprego, ou sistemas sociais.

Queren dicir que deberían ter en conta que as persoas que deciden dedicarse á política non deben, ao seu criterio, facer desta actividade unha profesión. Cos soldos de Cambre a política comeza a ser unha actividade excesivamente remunerada á custa dos contribuíntes.

Di que ante a situación de inestabilidade política no goberno local nos dous últimos anos, o concelleiro de Facenda pretendeu chegar a acordos e pactos cos grupos da oposición, e ofreceu a EU-IU formar parte do goberno para así buscar maiorías numéricas. Eles negáronse e explicáronlle, unha vez máis, a súa negativa a facer ningún pacto, cuestión que a súa formación política ten manifestado dende antes das eleccións municipais, e que seguen mantendo sen cambiar absolutamente nada. Existen, ao seu entender, antecedentes máis que suficientes para non votar a prol dos orzamentos, nin formar parte do goberno.

Dille ao Sr. Salcines que se equivocaron co seu grupo, cando utilizaron a política do mercadeo, ofrecéndolles dedicacións exclusivas a cambio de formar parte do goberno, sen obedecer a máis criterio que conseguir maiorías numéricas. Di que senten indignación e certa vergonza allea neses ofrecementos, dálles a impresión que están acostumados a arranxar as cousas a golpe de talón. Eles por principios teñen algo moi claro, que á política vense para traballar en beneficio do concello e dos veciños, pero non a facer da política unha profesión excelentemente remunerada, como se demostra no documento que están a debater.

Continúa dicindo que outro condicionante a ter en conta, non menos importante, é a falta de confianza nos actuais gobernantes, que teñen ao concello inmerso nunha convulsión política onde a desconfianza e a parálise municipal, unida ao desgoberno, está sendo a dinámica existente.

Di que cumpridos dous anos da actual lexislatura, para o seu grupo poderían resumirse como a historia de dous fracasos, a dos partidos maioritarios na busca de estabilidade. Primeiro a do partido do goberno, que non foi capaz en dous anos de facer un equipo cohesionado e dar resposta ás múltiples necesidades de Cambre. E segundo, a do partido maioritario da oposición, que en vez de buscar alternativas para reconducir a situación, dedicouse a difamar, mentir e facer campaña para as próximas eleccións municipais.

Di que o seu grupo quere facer unha serie de reflexións que consideran necesarias á hora de fundamentar e decidir o seu voto negativo aos orzamentos do 2009. A súa desconfianza no goberno municipal foise acentuando ao longo do tempo, motivada en moitos casos por actitudes pouco serias e, nalgúns casos, pouco democráticas dos responsables das distintas áreas de goberno. Di que despertaron certa desconfianza nas súas pretensións cando lles ofreceron partidas para obras e accións, que no caso concreto do seu grupo xa foran aprobadas en pleno, por exemplo fala, en primeiro lugar, da partida destinada á adquisición duns terreos para a parroquia de Cela, que lles alegra que vaia nos orzamentos, pero que son 20.000 euros, e cre lembrar que xa no ano 2007 había unha partida de 48.000. En segundo lugar, van 20.000 euros para a creación dun obradoiro de emprego co fin de favorecer a economía local, crear postos de traballo para formar persoas mediante a escola-taller, e como un instrumento de inserción xuvenil e para a mellora da súa cualificación, parécelle que a cantidade é irrisoria e tampouco ten claro de que se dispoña de locais para facer esa escola-taller. En terceiro lugar, está o destino dunha partida orzamentaria que o seu grupo pediu non fora inferior ao 3% do orzamento, para a creación de emprego no concello, onde se incluiría a contratación de traballadores e traballadoras para desenvolver traballos de utilidade común, como se recollía na moción que presentaron de rehabilitación de fontes, lavadoiros e arquitectura popular. Parécelles que nese sentido a diminución do orzamento debe ser do 24% respecto ao ano anterior.

Dille ao Sr. Salcines que se alegran de que se vaian a crear unha serie de empregos por contratación pero que, en calquera caso, non se cumpren os obxectivos da súa formación política. Xa manifestaron nun pleno que un obxectivo básico para eles era colocar a loita contra o desemprego como unha prioridade ao longo do ano 2009, o que estaría en consoancia cos problemas e necesidades máis inmediatas dos veciños e veciñas. Di que apostaron por un cambio real na orde de prioridades, onde as necesidades das persoas e das súas familias se teñan en conta dunha maneira especial, recoñecendo que non hai solucións máxicas para saír da crise, pero si políticas que poidan contribuír a mellorala.

Di que para o seu grupo é legalmente esixible o cumprimento dos acordos en relación coas mocións presentadas. Nese sentido seguirán traballando para que se executen sen máis condicións. Os investimentos dos que falan deben ser realizados, por estar debatidos e aprobados polo pleno municipal, que é o máximo órgano soberano e de debate do concello, á marxe de apoios ou non apoios aos orzamentos.


Sinala que como xa ocorría nos anteriores orzamentos non se incluíron formas e maneiras de participación por parte dos veciños e veciñas, que seguramente houberan enriquecido a xestión municipal, incluso a democracia. Unha vez máis volve a desprezarse a participación veciñal, onde as persoas a título individual ou colectivo puideran ser tidas en conta nun proceso participativo que lles permitira decidir sobre que investimentos son máis necesarios e cales son as súas preferencias e necesidades, concretando unha participación máis directa na política local. Levar a cabo uns orzamentos participativos, dentro do marco dun Regulamento de participación cidadá, o cal son incapaces de dar a luz. Parécelles irrisorio que se destinen nada máis que 5000 euros a esa partida.

Unha vez máis observan a improvisación e a falta dun compromiso serio, que vaia máis aló da declaración de boas intencións por parte do responsable de Facenda, aínda que teñen que recoñecer que fixo un grande esforzo para contar co apoio do seu grupo. Pero tamén comprobaron nestes días que a realidade do concello é ben distinta na concreción das propostas e pretensións, sobre todo pola propia debilidade do goberno e polo seu afán de chegar a acordos de urxencia.

Di que falou anteriormente de actitudes, referíase á actitude de persoas que están a gobernar Cambre. Non é serio que os responsables das distintas áreas estean aprobando diversas iniciativas dos outros grupos e logo non se transformen en realidade. Por outra banda observaron como se vai a investir o diñeiro en máis dedicacións exclusivas e parciais, en aumentar as axudas de custo por asistencia a plenos, comisións, xuntas de goberno, etc., todo iso en prexuízo do municipio e dos seus veciños e veciñas.

Di que tampouco poden esquecer a actitude dalgún responsable do goberno que no seu ánimo de condicionar a libre liberdade que teñen, como representantes dos veciños e veciñas, para controlar e fiscalizar a súa xestión da política municipal, se dedica a ameazalos con denuncialos á Garda Civil, polo mero feito de pedirlle explicacións nun pleno sobre un escrito presentado por un traballador do concello en relación a problemas xurdidos nun departamento concreto. Este feito é para eles intolerable, ou cando menos reprobable. A próxima vez diranlles que actúen, porque non consinten nin ameazas nin coaccións.

Xa lle lembrou ao Sr. alcalde o ano pasado, e volve lembrarllo agora, que os veciños de Cambre seguen sen contar cun área de esparexemento debidamente acondicionada.
Pregúntalle que fixeron coas súas propostas de xestionar o acondicionamento dun área de recreo e baño nas ribeiras do río Mero. Di que non fixeron nada, só reprochar a súa proposta e case que criminalizala, iso coa complicidade doutros grupos.

Séguese sen contar cun plan xeral de asfaltado e acondicionamento de camiños, seguen esperando polos servizos de saneamento en varias parroquias, seguen sen partidas para poñer en funcionamento o Consello Escolar Municipal, non se contempla no orzamento a elaboración e posta en funcionamento do Regulamento de participación cidadá, non existen alternativas para solucionar os diversos problemas de aparcamento que hai en varios sitios do concello, seguen baixo mínimos en seguridade viaria. Son exemplos das múltiples iniciativas presentadas por EU-IU, e que están esquecidas, como xa lles lembraron no anterior pleno. Levan presentadas 36 mocións, 134 rogos e 171 preguntas, a maioría deles esquecidos nos caixóns do concello.

Explica que EU-IU seguirá facendo unha oposición seria, rigorosa e construtiva. Non van a facer política de terra queimada, seguirán presentando propostas e lembrándolles que dean cumprimento ás aprobadas, apoiarán todas as que consideren que son en beneficio dos veciños e veciñas veñan do grupo que veñan, pero en ningún caso van a ser o monicreque de ninguén, nin dar un cheque en branco a esta maneira de gobernar. Di que se existe un pacto, como parece ser que existe, desexan a mellor sorte, polo ben dos veciños e do pobo de Cambre.

Conclúe dicindo que, por todo o anterior, o voto do seu grupo vai ser en contra, xa que de ningún xeito poden asumir a responsabilidade de apoiar a un goberno local no que non cren, e que é incapaz de gobernar. Pensan que o xeito de levar adiante as negociacións non foi máis que un exemplo da falta de capacidade política para chegar a acordos e, sobre todo, dálles unha visión xeral do desgoberno existente e a crise interna que está sufrindo o propio grupo de goberno. Para o seu grupo abondan razóns máis que suficientes para non votar a prol dos orzamentos.



Asdo: Grupo Municipal de EU-IU

No hay comentarios: