10 DE MARZO "DIA DA CLASE OBREIRA GALEGA"
Vivimos unha das peores crises que se lembran, consecuencia da especulación financeira, por ben que os que a provocaron teimen en nos facer ver e crer que se xerou ao vivirmos por riba «das nosas posibilidades». Desde logo que houbo xente que viviu a todo tren, e así seguen vivindo, pero non é o caso dos que estamos a padecer a crise, que somos os traballadores e as traballadoras.
E na solución á crise quérennos obrigar a padecer máis paro, a perder máis dereitos no despedimento e na nosa intervención desde a negociación colectiva, en forma de recortes sociais e de reforma laboral que debuxan un panorama social e laboral propio de etapas superadas, afortunadamente, como a da ditadura franquista e a súa represión, e non dunha sociedade avanzada, social e de dereito.
Os máis de cinco millóns de persoas desempregadas no Estado, vítimas da mala xestión empresarial e das erráticas políticas económicas dos gobernos que han ir pasando, e os millóns de persoas que manteñen o seu emprego pero viven acosadas por continuos recortes nos seus dereitos, teñen a súa proxección en Galicia en máis de 275.000 persoas desempregadas tras dunha masiva destrución de emprego en todos os sectores.
Ante esta situación, o Goberno da Xunta de Galicia aplica as peores receitas neoliberais de recortes nos servizos públicos, e non nos referimos só aos aspectos laborais dos traballadores e traballadoras do sector público, senón aos servizos que se prestan e que son dereitos da cidadanía. Ademais, inhíbese da defensa dos sectores económicos clave en Galicia —como o naval, a industria, a pesca…— e de esixir o desenvolvemento das infraestruturas pendentes.
Esta situación pode ir a peor —como xa nos adiantan o Goberno da Xunta e mais o Goberno do Estado—, con máis destrución de emprego durante 2012 e máis recortes orzamentarios que, sen dúbida, impedirán reactivar a economía, o consumo e, por tanto, a creación de emprego. Hai que lles esixir a ambos os gobernos que apliquen medidas fiscais progresivas para incrementar os ingresos públicos a partir das maiores rendas, e que non poñan en risco cos recortes indiscriminados os avances sociais que tanto esforzo e loita custaron.
E para quen só entenda os dereitos laborais como custos e cargas prescindibles —tanto para os seus teóricos desde lobbies económicos, corporativos e mediáticos, como para os que gobernan «teledirixidos» por eles—, e para quen se beneficia de toda esta situación, que son a peor caste empresarial posible; en definitiva, para todos os argallantes desa reforma laboral que xa estamos a combater coa mobilización e a alternativa, que saiban que se os traballadores e traballadoras, que se as Comisións Obreiras, nos enfrontamos á ditadura franquista en defensa das liberdades, da democracia, de avances nos nosos dereitos laborais, como hai agora corenta anos en Ferrol, á custa da vida a Daniel e a Amador, agora, outra vez, os traballadores e traballadoras, as Comisións Obreiras, defenderemos os nosos dereitos e a nosa dignidade coas maiores mobilizacións, como hai corenta anos, como fixeron Amador e Daniel, como fan os traballadores e traballadoras, como fan as Comisións Obreiras.
VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!VIVA O DEZ DE MARZO!!VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!
VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!VIVA O DEZ DE MARZO!!VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario