Ir á folga é un dereito


A xornada de oito horas, o dereito a negociar convenios colectivos, as vacacións, o dereito á saúde laboral, a igualdade e a non discriminación, cobrar cando se está enfermo, ter pensión de xubilación, as indemnizacións por despedimento, a protección por desemprego e un larguísimo etcétera de dereitos que hoxe consideramos naturais e básicos son en realidade conquistas da loita dos traballadores nos últimos douscentos anos de historia.
En democracia, a folga é un dereito que está regulado polas leis para protexer e amparar ás persoas que o exercen. Por iso non é certo que se produza unha confrontación entre dous dereitos, o do que participa na folga contra o que non quere facelo. O que se confronta é a vontade da maioría dos traballadores de unirse e loitar por defender os seus intereses e a dunha minoría que rompe esa unidade.
É o conflito entre o folguista e o esquirol, no que o primeiro é o único que exerce un dereito, que no caso español está recollido na Constitución. Romper unha folga non é un dereito. Unha opción si, pero un dereito non. En realidade, a maioría fano porque non se atreven a exercer os seus dereitos. O medo ás represalias, ao despedimento, a quedar mal vistos, ás ameazas, lévaos a renunciar a un dereito constitucional. Esa é a verdade.
O 14 de novembro hai unha folga xeral en España. E volveremos ver ese conflito. O dunha maioría de traballadores conscientes da gravísima situación na que estamos e por iso decididos a loitar polos seus dereitos, polos dos seus fillos, polos da maioría social, a non permitir que se desmantelen os dereitos conquistados neses douscentos anos de folgas.
E por outro, os que pola súa situación laboral precaria, porque lles pode o medo, pola súa situación familiar, irán traballar, en moitos casos pasando vergoña por facelo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario