A non-normalidade do inicio de curso
”Situación límite” do ensino público. Os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron aseguran que a Consellaría de Educación está a someter “a sociedade a unha purga”.
O ensino público galego atópase “nunha situación límite”. A voz de alarma dérona en rolda de prensa os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, quen avisaron, ademais, de que se non se toman medidas, “levará decenios reverter este proceso”. Os ataques da Xunta do señor Núñez ao ensino público forman parte central da súa estratexia de devaluación xeral da existencia das galegas e dos galegos. Para este curso -2013-2014- fano con durísimas medidas que cuestionan o dereito á educación pública das cativas e cativos, estabelecen o repago nos comedores escolares e precarizan –aínda máis- os empregos do profesorado pola vía de aumentar as interinidades.
“A Xunta asegura que o curso comeza con normalidade”, afirmou Xabier Ron, “pero iso é un embuste, de non ser que entendamos por normalidade un país en que 93.000 fogares están no desemprego e o paro xuvenil afecta a máis do 50% das persoas. Cun 33% de familias en situación de exclusión, non podemos falar de normalidade”. Nese contexto, a consellaría de Educación discorre un infame decreto sobre os comedores escolares para que as familias paguen por este servizo. Cando antes o 92% dos alumnos tiñan este dereito de balde, agora unha familia en que os pais cobren 825 euros de salario cada un deberá pagar 20 euros ao mes polo comedor. Se o soldo é de 1.125 euros, a tarifa que se lles aplica será a máxima, 45 euros ao mes. “Isto é o que Feijóo chama rendas altas, nin máis nin menos”, indignouse Ramón Vázquez, quen prognosticou que ese decreto fará que moitos nenos non poidan usar o comedor.
No deseño do Goberno do PP para a escola pública todo está planificado para destruír un dereito universal que só se conseguiu logo anos e anos de loita. Por iso tamén inclúe a precarización do profesorado mediante o mecanismo de facer aumentar os interinos. Só en primaria, medraron un 30% respecto do curso pasado –de 547 a 825. Mentres financia con subvencións colexios ultrarreaccionarios que segregan o alumnado por sexo, a Consellaría de Educación pecha 15 colexios públicos –case todos no rural- e deixa os sistema con 57 aulas menos. Iso si, concerta 40 novas aulas con empresas privadas e 18 unidades de Formación Profesional. Os recortes nos cartos públicos para axudar a mercar os libros de texto –logo de eliminar a súa gratuidade- son do 10%. “O PP está a dar pasos para aclimatar o ensino á denominada Lei Orgánica de Mellora da Calidade do Ensino [Lomce]”.
Faino tamén pola vía da españolización dos itinerarios educativos e coa redución do galego nas aulas, algo inaudito na historia da autonomía ate que o señor Núñez chegou co seu discurso contrario á lingua propia de Galicia. Aínda hoxe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de lle dar un ultimátum á Xunta para que elimine dunha vez a enquisa sobre linguas en que fundamenta o trato discriminatorio ao galego (haberá nota específica).
Os plans do PP para escola pública descartan, a maiores, a proposta que onte defendeu AGE na correspondente comisión parlamentaria de elaboración dun plan destinado a evitar carencias nutricionais no alumnado. Estas, que mestres e orientadores cadora detectan con máis asiduidade, fan preciso que a Administración pública actúe e para non deixar, así, todo en mans da caridade. A caridade e a beneficiencia foi exactamente a resposta que Alternativa obtivo do Partido Popular á súa proposta. “O PP négase e logo aproba un plan contra a obesidade, que está directamente relacionada cos problemas nutricionais”. A creación de aulas de castigo recollida no decreto que desenvolve a lei de convivencia é outro elemento máis da brutal ofensiva da dereita contra o ensino público e galego e de calidade. “Están a someter a sociedade galega a unha purga”, concluíu Ramón Vázquez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario