sábado, 28 de marzo de 2015


francisca álvarez

Pioneira no mundo empresarial e promotora da primeira escola de maiores en Cambre.

gal_193_01.jpggal_193_03.jpggal_193_02.jpg
Xagoaza 1919 - Cambre 1975

Ámbitos de ocupación...
Docente
Empresarial / Prof. Liberais
Doméstico 

Nota: Para a elaboración desta biobibliografía consultáronse os fondos do Arquivo Municipal de Cambre e realizáronse entrevistas ao fillo e netas de Francisca Álvarez González.


Francisca Álvarez González foi unha muller ourensá da posguerra que destacou na súa época como mestra, pequena empresaria e polo seu labor de alfabetización de menores e maiores na vila de Cambre, misións conseguidas con éxito e moito esforzo xa que tivo que sacalas adiante ela soa. 

Nace o catro de decembro de 1919 en Xagoaza (O Barco de Valdeorras). Orfa de pai dende nena, críase coa súa nai e dúas tías. Fórmase como mestra e no ano 1946 contrae matrimonio e trasládase á rúa da Falperra na Coruña. É nesta cidade onde comeza a achegarse ao mundo empresarial, ao abrir a súa primeira tenda de comestibles, na rúa onde vive. 

O 20 de marzo de 1947 ten o seu único fillo, José Luis, a quen de neno se lle diagnostica colite crónica e o médico recomenda que se muden ao campo. É así como se decide a vender a tenda e a casa e a comprar 4000 metros cadrados de terreo na vila de Cambre. O seu obxectivo é construír unha casa e continuar traballando como empresaria e docente. Desgraciadamente un incidente trunca novamente os seus plans, o construtor da casa foxe co diñeiro, o seu marido séntese forzado a emigrar a Brasil. A partir de entón, o matrimonio non volve verse.

Francisca Álvarez inicia entón un difícil camiño na súa vida persoal e empresarial: trasládase a vivir a unha casa aínda sen rematar e vende algunhas terras para ir saíndo da situación económica. Ademais, polo feito de ser unha viúva de vivo, ten que lidar coas dificultades legais da época relacionadas coa propiedade das empresas que emprende. Por se fose pouco, é case unha estranxeira na vila e será acosada polos caciques locais. 

A pesar dos atrancos, esta muller loitadora e emprendedora consegue rematar a casa e abrir unha tenda de víveres. Nesta introduce produtos moi valorados e ata daquela pouco accesibles para moita xente de Cambre. Comercializa aceite, azucre, plátanos de Canarias e petróleo para os candís das casas, todo un acerto nunha época sen rede eléctrica. Comercializa tamén artigos relacionados coa educación: lousas, xices, libros, cadernos de escritura, etc. 

Coñecida como «Dona Paca», comeza a ter clientela e vai ser moi apreciada por veciños e veciñas. Isto débese a que comeza a fiar comida e diñeiro, a que habilita unha zona da súa casa para que poidan durmir pobres e vagabundos e a que merca os excedentes agrícolas que os e as vilegas non poden vender na cidade.

Unha vez afianzado o seu negocio, a Dona Paca quédalle por impulsar a súa outra vocación, o ensino. Abre unha escola en Cambre e, dado que o prezo das clases é «a vontade», énchese rapidísimo e chega a ter alumnado de localidades bastante afastadas. A escola conta con varias aulas para crianzas, que chegan a abranguer grupos de 40 nenas e nenos diferenciados por idades, e unha aula diaria para persoas analfabetas en idade adulta, que chegan a configurar dous grupos de 60.

Falece a causa dun cancro de píloro un 29 de marzo, será aclamada por unha multitude que chega de diferentes zonas de Galicia para mostrarlle o seu afecto e despedila. O seu corpo repousa no Cemiterio Municipal de Cambre e na veciñanza segue sendo lembrada por ser nai soa, docente, empresaria, consciente dos problemas sociais da súa época e vencedora, a pesar das dificultades que todo iso levaba consigo, nunha época de homes e ditadura.




Autor/a da biobibliografía: M.ª Dolores Villaverde Solar

1 comentario:

Elena Alfaya Lamas dijo...

Dña. Francisca Álvarez González ha sido homenajeada a título póstumo por la Universidad de Santiago de Compostela en la Inauguración del IV Ciclo Universitario de la USC, el 1 de octubre de 2015.