viernes, 9 de octubre de 2015

EU de Cambre, manifestamos o noso apoio incondicional a un sector que ven sendo castigado coa suba do IVE a un 21%, algo que está orixinando o peche de moitos salóns, a destrucción de emprego e o incremento de economía sumerxida xa que moitos profesionais vense obrigados a prestar os servizos nas casas, fora da legalidade, algo que perxudica tanto @s propi@s perruqueir@s, como ó erario público por deixar de asumir o pago de impostos.



Texto da Moción presentada no mes de marzo de 2014



MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA, SOLICITANDO O GOBERNO CENTRAL A APLICACIÓN DO IVE REDUCIDO AO SECTOR DE PERRUQUERIAS.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Recentemente, un número importante de perruqueiros/as da comarca de A Coruña, convocaron mobilizacións no sector, co fin de abrir un diálogo coa Axencia Tributaria para  paliar as perdas pola aplicación do tipo impositivo   (IVE) do 21%, medida que entrou en vigor a partir do 1 de setembro de 2012, o que ten  provocado o peche do 18% dos seus negocios.

O sector de perruquería, tiña no conxunto do Estado a aplicación do tipo de IVE reducido, dende o ano 2.000. Esta medida propiciou que dito sector medrara en postos de traballo e na creación de empresas, soportando ata o ano 2.012 a crise sen caida de emprego neto.

Nembargantes, ó sector (o igual que outros colectivos como ó da cultura), o Goberno do Partido Popular impúxolles un esforzo insuperable. Co incremento do IVE aplicable aos servizos de perruqueria, do 8% de tipo reducido vixente en 2012 o 21% novo tipo xeral, obrigóuselles a repercutir esta importante suba nas tarifas de prezos ou asumir este incremento, como novo gasto de actividade, reducindo ainda mais a marxe empresarial.

Este colectivo durante anos previos demostrou que contribuiu á creación dun importante número de postos de traballo e empresas con cualificación de traballador@s e modernización das estructuras empresariais, conseguiu xerar riqueza e emprego; o noso Concello pode ser un exemplo neste senso.  

A realidade contrastada con estudos realizados por empresas expertas, da como resultado que pecharon mais de 8.000 locais  no ano 2013 e previsiblemente 5.600 empresas do sector en 2014, de non revertirse esta tendencia.

Según varios estudos, antes da adopción desta medida, identificábanse 48.000 perruquerías activas en España. Tras o incremento do IVE, contabilizábanse 40.000, producíndose unha preocupante perda de emprego do 30%, que se traduce alomenos en 20.000 postos de traballo directos e a posibilidade de 14.000 mais en 2014, ademais das grandes dificuldades da rendabilidade das empresas que dificilmente se manteñen abertas.

Este sector precisa ser escoitado polas diferentes administracións, para coñecer a súa realidade, o seu criterio e por suposto as dificuldades que atravesan as empresas ás que representan, conformando o 90% do tecido empresarial do propio sector. Con estas medidas, son as “pequenas” empresas con un autónomo  ou dous ou tres traballador@s, as que se ven abocadas á reducción da actividade ou o peche.

POLO EXPOSTO O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA PROPÓN AO PLENO A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:

PRIMEIRO.- O concello de Cambre pronúnciase contra a suba do IVE ao 21%  que se ven aplicando ó sector de perruquería.

SEGUNDO.- Solicitar ao Goberno central que volva ó tipo reducido de IVE, do 10% actual, subsanando o dano causado ás empresas, de xeito que poidan reiniciar a súa recuperación e voltar á creación de emprego e mantemento da actividade.

TERCEIRO.- Establecer mecanismos de encontro entre o sector e o Concello, para conciliar os diferentes plantexamentos que sobre a súa fiscalidade indirecta se estableceron, ademais do relacionado cos impostos locais , licencias de apertura de establecementos e cantos outros puideran ser de competencia municipal e afectar o sector.





No hay comentarios: