HOMENAXE A
MANOLITO BELLO, MEMBRO CORUÑÉS DA GUERRILLA ANTIFRANQUISTA, NO 70 ANIVERSARIO DO SEU ASASINATO
Día: Lúns, 11 de xullo
Hora: 17'00 h. (o
cemiterio pecha ás 18'00 h.)
Lugar: Cemiterio de Oza
(rúa Antonio Noche s/n)
Manuel Luís Bello Parga, mais coñecido como Manolito Bello, nace
o 13 de xaneiro de 1925 na Coruña, na rúa Monelos. Dende moi novo é testemuña
da represión brutal que exerce o fascismo na súa cidade e da que é vítima tamén
a súa propia familia. Pertence a unha xeración de xente nova que, a pesar de
non ser protagonista da guerra, non se adapta e dobrega á nova situación que
representa a ditadura.
Entra a formar parte das JSU (as xuventudes do PCE) que se están
reorganizando na Coruña, iniciándose a súa militancia na clandestinidade. É
detido por primeira vez no 1945 e condenado por un delito de rebelión militar
pola elaboración de panfletos políticos. A principios do ano 1946, estando en
liberdade provisional, ingresa na guerrilla do alto, formando parte da IV
Agrupación do Exercito Guerrilleiro de Galicia.
A finais de maio do 46 a guerrilla decide realizar un acto de
sabotaxe na Coruña consistente na colocación dun artefacto explosivo no
edificio da Falanxe. Manolito formará parte do destacamento encargado da
misión, pero a acción queda abortada por atoparse dentro do edificio o
conserxe. No momento da retirada sofren na rúa Rubine unha emboscada da Garda
Civil. Nese momento pasa casualmente pola rúa, dirixíndose ao local de El Ideal Gallego, Arcadio
Vilela, un dos membros dos tristemente coñecidos Caballeros de La Coruña, que
colaboraba na sección de deportes deste xornal. Son as once e media da noite e
Vilela atopase en medio dos disparos, corre entón a refuxiarse cara ao portal
do Ideal onde o tirotean mentres sube as escaleiras.
Manolito é o único detido e é inmediatamente acusado de matar a
Vilela. Os feitos teñen unha gran repercusión e o réxime actúa cunha gran
dureza, aproveitando a ocasión dunha maneira propagandística, como intento de
escarmento á guerrilla. Manolito Bello está condenado a morte desde o mesmo
momento da súa detención e a súa causa convertese nunha pantomima sen ningún
tipo de garantías, acelerándose escandalosamente os prazos do proceso para
evitar o indulto e acalar de paso os rumores que falan de fogo amigo.
O 11 de xullo de 1946 é asasinado a garrote vil na cárcere da
Coruña despois de ser vítima de maltrato e torturas. Tiña 21 anos. A súa figura
convértese en unha referencia para a resistencia antifranquista e, no seu
honor, un batallón do exercito da guerrilla levará o seu nome.
Os cinco caraveis vermellos
Unha das últimas vontades de Manuel Bello foi que na súa tumba
se lle colocara unha estrela de cinco puntas feita con caraveis vermellos. Un
grupo de persoas entre os que estaba Carmiña, a noiva de Manolito, poderán
colocar a estrela grazas á axuda do empregado do cemiterio de Oza, que lles
abre a porta despois do horario de peche. Ao atoparse ao día seguinte a estrela
colgada na lápida e pensando que os guerrilleiros saltaran o muro pola noite, a
Garda Civil reacciona rodeando o cemiterio e facendo garda permanente durante
os días seguintes. Esta desproporcionada e absurda demostración de forza que
non vai impedir que, durante moitos anos, tódalas semanas, apareza un pequeno
ramo de cinco caraveis vermellos colgado nun cravo situado encima da súa
lápida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario