jueves, 22 de septiembre de 2016



AO CAMARADA ANTONIO VIGIL, COA EMOCIÓN DA PERDA E DA MEMORIA

O camarada Antonio Vigil deixounos hoxe, cando comeza o outono e caen as follas, como folerpas, das árbores cansas. Todo o contrario da velocidade que lucía cando pilotaba esas motos en branco e negro. Gustaríame ter coñecido a Antonio Vigil hai moitos anos. Mais os tempos e as distancias da vida, ás veces, impoñen estas tiranías. Comecei a frecuentalo, nos últimos anos, os coincidentes co remate dunha lexislatura aciaga para a clase traballadora, esa da que se preocupaba tanto Antonio.

Mais si tiven a fortuna, grazas ao camarada Pablo González Novoa e a Irene Tomé Urresti, de participar nunha conversa con Nicanor Acosta. E aprendín moito deles. Con ledicia e admiración escoitei como tinguían de orgullo comunista as anécdotas que prenderon na súa firme e constante resistencia á ditadura, a esa longa noite de pedra que tanto danos nos fixo. E Antonio exercía, por momentos, de auténtico Góngora, achegando co seu verbo improvisado sarcasmo, ironía e sobre todo moito humor.

Cando ía a Coruña a algún acto de denuncia, de reivindicación, a algunha manifestación sempre vin a Antonio participar de forma xenerosa nos mesmos, xunto con outros camaradas como Abades, María Elena, Serafín, Alicia, Fernando, Vilariño, e tantos outros e outras, e iso que nos últimos tempos xa se queixaba de que non podía camiñar tanto como era o seu desexo.Mais sempre o facía cun sorriso inesquecible, apurando un pitillo e quizais unha caña. Así era Antonio.

A terra da utopía comunista queda coa semente achegada polo noso Antonio Vigil. Queda en todos e todas nós a súa memoria e o seu compromiso cos valores da República, a solidariedade e a fraternidade. Sinto a súa perda. O meu agarimo e aperta fraterna para a súa compañeira Alina, a súa filla Berta e o seu fillo Víctor.

Xabier Ron
22/setembro/2016

No hay comentarios: