jueves, 15 de diciembre de 2016

  18 de decembro de 2016  Día Internacional das Persoas Migrantes  
              
EN CONTRA DO RACISMO E DA XENOFOBIA:
REIVINDICAMOS O DEREITO A TERMOS DEREITOS
Este 18 de decembro de 2016 pasará a historia por ser o máis negativo a niveis internacionais para as persoas migrantes. Tamén para as persoas solicitantes de asilo político. Todo debido a unha deliberada e burda manipulación que asimilou as dúas condicións humanas para amputar os dereitos propios dunha persoa que sae dun país en conflito e recurtar aínda máis os dereitos das persoas migrantes. Todas elas convertidas nese OUTRO perigoso, indesexable, vestido coa roupa do discurso delicuencial e criminalizador. 
Todo é pouco para que non entren nun país, e menos se falamos dun estado membro dunha Unión Europea decrépita, que vive nunha sinistrose de inseguridade vinculada ao peche de fronteiras. Explica a sinatura do Tratado Criminal entre a UE e Turquía para deportar a persoas demandantes de asilo. Co desexo indisimulado de converter en modélico este Tratado, a UE non dubida en seguir pactando con países que violan sistematicamente os Dereitos Humanos máis básicos. Só iso pode explicar que se desbaldan 275 millóns de euros en construír 235 km de muros e valos en distintos puntos fronteirizos de estados membro da UE. Só iso pode explicar que se silencien as 3.270 persoas mortas no Mar Mediterráneo no 2014, ás 3.771 que o fixeron no 2015 e dá medo sabermos as que morreron neste 2016. Cal non será a cifra mortal se na semana do 23 de maio de 2016 sabemos que faleceron 900 persoas?
A Acta Única de 1986, un dos documentos fundacionais do funcionamento da UE, naceu incorporando unha exclusión semántica, como lembra Sami Naïr, ao converter a persoas que vivían entre nós desde había décadas en NON COMUNITARIAS fronte ás comunitarias. Hoxe, 30 anos despois, normalizouse a exclusión desde un punto de vista institucional de tal forma que as políticas europeas viven impregnadas de aporofobia, de xenofobia e de racismo, alimentando así un imaxinario social onde se asume a degradación e negación dos propios dereitos humanos a determinados colectivos sociais.  
A existencia no Estado español de controis policiais e redadas étnicas, de transportes aéreos en que se deportan de forma forzosa a persoas migrantes, sen importar as causas da irregularidade administrativa, e a deliberada participación da Xunta de Galicia nos mesmos, fai que dubidemos da natureza da nosa propia democracia. De feito, os países máis regresivos e racistas da UE admiten que se ollan no espello do Estado español: foi quen se opuxo con máis firmeza a que a Operación Tritón da Frontex se dedicase ao rescate en alta mar de persoas migrantes e solicitantes de asilo.
Desde Esquerda Unida vémonos na obriga de erguer a voz como faría Hannah Arendt para esixir o dereito a termos dereitos, a sermos recoñecidos como persoas que posuímos  dereitos inalienables só por nacer. Iso explica a redacción dos artigos 13-14 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, que consagran o dereito a transitar, a emigrar e a solicitar asilo. A hospitalidade é o dereito dunha persoa estranxeira a non recibir un trato hostil polo mero feito de ter chegado a un territorio distinto ao seu e que non se pode negar a súa presenza se con esa negación se favorece a súa destrución como suxeito e se viola a súa dignidade como persoa. Por iso, con vistas a converter en realidade o que se formulaba nos Dereitos Humanos, a Convención de Xenebra de 1951 definiu o principio de ‘non-refoulement’: os estados teñen a obriga moral de non expulsar a ningunha persoa se iso pon en perigo a súa integridade e dignidade. Esta Europa insolidaria esquece que o racismo e a xenofobia son síntomas e non remedios, tal como alertara Hobsbawn. A UE esqueceu pronto as leccións da Segunda Guerra Mundial.
Temos que recordar todo iso porque neste noso país prodúcense situacións que deberan alarmar a nosa conciencia democrática. As persoas migrantes soportan no día a día todo tipo de impedimentos e de obrigas que son discriminatorias. As políticas actuais, asentadas nunha mala Lei de Estranxeiría e nun mal Regulamento, permiten que se dean procesos de marxinalidade no sistema educativo, no sanitario, no social e no laboral. E sempre coa anguria de manter unha regularidade administrativa que depende dun inestable, precario e eivado mercado de traballo. E se quedan en irregularidade administrativa, viven co temor aos voos de deportación, que serven para atemorizar ás persoas migrantes. Para que se resignen a vivir nas marxes e non reclamar visibilidade á conculcación evidente dos seus dereitos.
Esquerda Unida apoia e súmase aos actos da Semana de Loita contra as Fronteiras que organiza o Foro Galego de Inmigración entre o 14 e o 18 de decembro de 2016, así como rexistrará diferentes iniciativas no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados para chamar a atención sobre a inxusta situación en que viven as persoas migrantes.                                                                                                                               
     


No hay comentarios: