viernes, 23 de diciembre de 2016




ENRIQUE SANTIAGO: “ESTE PROCESO É O ÚNICO ONDE AMBAS PARTES DECIDIRON SOMETERSE A EXAMINAR DE FORMA ÍNTEGRA AS SÚAS RESPONSABILIDADES DE GUERRA”


A Coruña, 22 de decembro de 2016. Esquerda Unida Coruña organizou este xoves 22 de decembro, na Fundación ONCE, a charla: “Colombia: Paz con Xustiza Social”, un proceso en que, en palabras de Enrique Santiago “todas as partes aceptaron voluntariamente someterse de forma íntegra a examinar as súas responsabilidades de guerra para lograr a paz”.

Eva Solla foi a encargada de presentar a charla e comezou “saudando a  oportunidade de aprender do proceso colombiano para os retos que temos no país”, así como destacou a figura dos dous relatores, Christian Camargo, responsable da Xuventude Comunista Colombiana e Enrique Santiago, asesor xurídico das FARC dende o inicio das conversacións de Paz na Habana, en 2013, avogado especializado en dereitos humanos, membro da coordinadora de Izquierda Unida e responsable da Comisión de Política Internacional do PCE.

Christian Camargo incidiu en que “Colombia, de ser un país que vivía do café, pasou a ser un país mineiro e, despois, os paramilitares usurparon a terra dos campesiños para os grandes monopolios e latifundios. Ao final, as guerrillas eran unha forma de defenderse. Álvaro Uribe tivo 8 anos de goberno nefastos con 250 casos de “falsos positivos”, un eufemismo que se usaba para falar de execucións. Agora, o goberno de Santos, é consciente de que nin as FARC poden tomar o poder nin se pode rematar cos movementos insurxentes, por iso a única saída posible é a política, a que pasa pola negociación e sen vencedores: é un proceso de Paz para que o país poida vivir en Paz”.

Enrique Santiago sinalou que “o proceso de Paz é complexo, aínda que se apreciou unha vontade do Estado (que axuda a crear esa alianza) ao aceptar dúas premisas básicas: a tan ansiada reforma rural e a participación na vida política, previa erradicación da violencia”. “O que se pretende é simplemente corrixir as desigualdades do campo colombiano e crear un marco que evite que non se acabe cos opositores, así como seguir a puxar pola transformación social pola vida política”, citou.

“A pesar de que existen críticas sobre a duración do proceso de Paz, podemos dicir que foi un dos máis rápidos: traballáronse uns 53 borradores, aínda que en 6 meses logrouse avanzar moitísimo. É un dos procesos máis rápidos de paz, pero neste caso temos un calendario moi rigoroso. Agora o proceso para deixar as armas debe avanzar rápido e debe ter un acompañamento coa sociedade civil e co resto de países, entre eles España, onde o Goberno do PP non está a atender as súas responsabilidades”.


Gabinete de prensa de Esquerda Unida.

No hay comentarios: