viernes, 2 de diciembre de 2016

NOTA DE PRENSA


Esquerda Unida felicita á comunidade educativa polo triunfo da mobilización contra as reválidas


A área de Educación de EU considera agora prioritaria a derrogación da LOMCE, a reversión dos recortes e unha nova lei educativa cunha participación do conxunto da comunidade educativa no seu deseño.


Compostela, 1 de decembro de 2016. Esquerda Unida felicita á comunidade educativa pola retirada definitiva das reválidas acordada entre o Ministerio de Educación e as Comunidades Autónomas. “Atopámonos, sen dúbida, ante un triunfo da loita levada a cabo durante os últimos anos. Con esta medida, estudantes, nais, pais e profesorado continúan impoñendo ao Partido Popular o inevitable enterro da LOMCE”, explica Roi Rodríguez, coordinador da área de Educación de Esquerda Unida.

“Aínda que o Goberno recúe con este tema ante as contundentes mobilizacións, agora queda a batalla pola derrogación da LOMCE, que é moito máis que as reválidas. Non se pode esquecer que a LOMCE segue mantendo as liñas mestras para a educación do Partido Popular que pasan pola privatización e a subordinación do sistema educativo ao servizo da banca e as grandes empresas”, sinala Rodríguez.

Desconfianza en relación á proposta dun “Pacto Nacional pola Educación”
O problema engadido é que a política educativa que Cidadáns e o PSOE están a desenvolver en territorios nos que exercen funcións de goberno, perpetúan as políticas do Partido Popular: afogamento financeiro da educación superior en Castela a Mancha; renovación antidemocrática e corrupta de concertos a entidades relixiosas e privadas que se están promovendo en Aragón, Andalucía e Asturias; proposta de modelo de financiamento neoliberal para as universidades na Comunidade de Madrid (a LEMES) e na Junta de Andalucía. Estes feitos non fan máis que confirmar que estes dous partidos non dispoñen de alternativa educativa máis aló de maquillar baixo boas palabras as mesmas políticas defendidas polo Partido Popular, que segue profundando na liberalización do ensino.
“É por todo isto polo que, a pesar de estar de acordo na apertura de espazos parlamentarios para a elaboración dunha nova lei consensuada, cremos que a actual correlación de forzas no Congreso dos Deputados non é suficiente como para construír un modelo educativo público, laico e equitativo, ao servizo da maioría social. Os feitos do Goberno do PP avalan esta desconfianza, posto que impugnou ante a Mesa do Congreso o acordo aprobado no Congreso dos Deputados, por ampla maioría, dunha proposición de lei para a paralización do calendario de implantación da LOMCE. Este é un claro intento de dinamitar a iniciativa parlamentaria e lle desacredita para o impulso dun pacto educativo”, explica Roi Rodríguez, coordinador da área de Educación de Esquerda Unida.

Tres pasos cara a unha lei de educación realmente participada que garanta para todos e todas unha educación de calidade
O primeiro paso para que sexa crible este acordo é que os partidos asinantes do compromiso de derrogar a LOMCE, xuntos a outros grupos que tamén manifestaron a súa vontade de derrogala, cumpran o seu compromiso.
Un segundo paso é que non fagan un pacto por arriba, desde os despachos políticos, senón que conten coa comunidade educativa realmente para alcanzar un amplo acordo social e político, asumindo como documento de mínimos para ese gran Pacto Nacional o "Documento de bases para unha nova Lei de educación", coordinado polo Foro de Sevilla, que xurdiu da propia comunidade educativa e elaborouse por unha ampla representación da mesma.
“Pero estes dous pasos non serán máis que brinde ao sol senón dan o previo e crucial paso de reverter os recortes nos orzamentos do 2017 en cada Comunidade Autónoma e reforzar a opción por unha educación pública, laica, gratuíta e democrática que garanta o dereito de todas e todos a ter educación de calidade en condicións de igualdade. No século XXI, é necesario contar cun novo modelo educativo, que avance cara á gratuidade total do ensino, cara á eliminación das barreiras clasistas que aínda hoxe sofren tantas estudantes e familias, cara á separación total da Igrexa e cara á promoción e normalización das diferentes culturas nacionais que conviven no Estado”, remata o coordinador da área de Educación de Esquerda Unida.





 Gabinete de prensa de Esquerda Unida.

No hay comentarios: