viernes, 24 de noviembre de 2017

421 presos políticos galegos
 
XESÚS ALONSO MONTERO

24/11/2017 05:00 H

O franquismo foi brutal, nos estrados xurídicos, desde 1936 a 1963, coas disidencias políticas por pequenas que fosen, inmisericordia protagonizada polos militares que executaron ao poeta comunista ourensán Manuel Gómez del Valle (11-8-36), ao líder galeguista católico Alexandre Bóveda (17-8-36), ao alcalde socialista de Vigo Emilio Martínez Garrido (27-8-36), ao médico católico de Izquierda Republicana Darío Álvarez Limeses (31-10-36) ou ao albanel cenetista de Tui Manuel Estévez Gómez (29-1-37), que escribiu, case analfabeto, unha carta, despedíndose da súa muller e dos seus fillos, con estas palabras: «me matan por ser bueno, por querer que vosotros no padezcáis hambre y no andéis descalzos». O 20 de abril de 1963, os mesmos maxistrados castrenses decretaron a execución do dirixente comunista Julián Grimau por delitos «cometidos» antes de 1939 e sen reparar que fora sadicamente torturado meses antes: moitos lembrarán as multitudinarias manifestacións de repulsa en Europa, e algúns un folleto (¿Crimen o castigo?) do que era autor -ou editor literario- Manuel Fraga Iribarne, ministro de Información. O franquismo, máis preocupado que avergonzado, creou un tribunal civil, o Tribunal de Orden Público, no que os xuíces, sen casaca militar, non disimulaban a súa carapucha inquisitorial baixo o manto da toga.


Agora xa sabemos cantos galegos e cantas galegas caeron baixo a pouta xusticeira deste infausto tribunal entre 1964 e 1976: 421, dos cales a metade, grosso modo, pertencían ao Partido Comunista. Xa contamos cun libro documentado e preciso sobre os centos de paisanos nosos que padeceron a farsa da indefensión e foron privados, case todos, de liberdade, algúns durante moitos anos (Amor Deus, Rafael Pillado, José María Riobó…). Titúlase este libro de Francisco Xavier Redondo Abal Arelas de liberdade na Galiza. Galegos perante o Tribunal de Orde Pública (TOPGAL, 1964-1976). Cómpre indicar que Redondo Abal é autor de valiosos libros sobre a represión franquista en Galicia, algúns sobre a represión intelectual. Imponse salientar neste volume as biografías políticas e carcerarias dos presos políticos (Alberto Reverter, Carlos Barros, Méndez Ferrín, Alberto Míguez, Xaime Quessada…). Nalgunhas biografías (Barros, Reverter), o noso autor non omite as torturas infrinxidas dentro e fóra da comisaría. Neste sentido, é mágoa que o autor, que manexa tanta bibliografía, non teña noticia dun traballo sobre as 72 horas que pasou en 1969 Luis González López («Ferreiro») nas poutas da policía coruñesa. Pero haberá segunda edición do libro.

No hay comentarios: