lunes, 18 de diciembre de 2017


Eva Solla presenta a campaña de afiliación de Esquerda Unida Galicia

Eva Solla, coordinadora de Esquerda Unida, xunto a membros da organización, vén de presentar esta mañá en rolda de prensa a nova campaña de afiliación de Esquerda Unida Galicia, que nace con “vocación permanente” e coa fin de “fortalecer a organización para medrar e construír políticas dende a esquerda”.
“Estamos orgullosas desta campaña, coa que pretendemos achegarnos ás persoas que queiran participar, axudar a sumar neste proxecto. Por iso, pensamos que esta campaña serve de ferramenta para achegarnos á cidadanía”, sinala Solla, que traslada “un balance de traballo intenso da nosa organización, nun momento no que afrontamos unha nova etapa política”. “Un dos obxectivos desta etapa era a elaboración desta campaña de afiliación que hoxe presentamos e que está dirixida tanto a simpatizantes como a afiliadas coa intención nutrir os espazos nos que estamos nas propias confluencias e mostrar que, organizadas, somos máis útiles na loita política”, explica a coordinadora de Esquerda Unida.
Os piares desta campaña son o feminismo, o republicanismo, o socialismo e o ecoloxismo; así como pular na loita social dende as rúas, barrios, centros de ensino e nas institucións, traballando xunto aos movementos sociais e co resto de colectivos agredidos. Tal e como expón a coordinadora de Esquerda Unida, “cremos nunha sociedade organizada para a loita ante as agresións que sufre a maioría social. A situación actual é alarmante, 700.000 persoas en situación de exclusión, case un 80% da mocidade que traballa ten un contrato precario, vemos unha regresión importante nas políticas cara á muller, unha situación de empobrecemento da sociedade galega, de perda de dereitos e degradación dos servizos públicos… polo que é a hora de pular organizadas para mudar esta situación”.

No hay comentarios: