Eva Solla presenta no Parlamento a primeira Proposición de Lei de Publicidade Sanitaria de Galicia
A deputada de En Marea, Eva Solla, foi a encargada de presentar a primeira Proposición de Lei de Publicidade Sanitaria de Galicia, un texto que dende hai anos demandan os profesionais a través de distintos Colexios e que pretende poñer couto á publicidade enganosa, así como servir de instrumento para que a administración controle de xeito efectivo o intrusismo e os anuncios de supostos “servizos sanitarios que rematan por levar a resultados moi diferentes do que prometían”. Lamentablemente, a norma non puido prosperar debido ao voto en contra do Partido Popular.
“Durante os últimos anos non son poucas as veces que Colexios Profesionais como o de Fisioterapia, Podoloxía ou Psicoloxía, ou asociacións como a de Matronas, teñen denunciado a proliferación de falsos servizos profesionais con falsos profesionais e falsos títulos non sanitarios”, explica a deputada de En Marea. “A evidencia de que, a pesar de que o intrusismo laboral sexa xa un delito tipificado, iso non significa de por si que existan mecanismos que permitan á administración ser produtiva á hora de perseguir estas fraudes”, sinala.
Ademais de controlar o intrusismo e a prestación servizos sanitarios por persoas non capacitadas para facelo, a lei presentada por En Marea pretendía servir de garantía para que a cidadanía reciba información suficiente e rigorosa sobre tratamentos e servizos. Nesa liña, Eva Solla lembrou as denuncias da asociación de afectados pola ciruxía ocular refractiva, que non foron tidas en conta pola administración sanitaria a pesares da extensa documentación aportada.
“O pasado ano En Marea denunciou na Comisión 5º un caso que significaba un paradigma de publicidade enganosa. O dun fogar residencial de maiores que ofrecía servizos sanitarios cos que non contaba. Esta situación obrigaba ao persoal público do Sergas a facerse cargo. Pero tamén supuña unha evidente desprotección das persoas usuarias, dos seus dereitos como consumidores e á protección e a saúde. Sen embargo, a Consellaría de Sanidade obviou a denuncia”, sentencia.
“A nosa Comunidade non conta ata o de agora con ningunha lei que regule a publicidade de servizos sanitarios que poden facer empresas e particulares. Existe un decreto, pero trátase dunha norma moi limitada con escasa aplicación práctica á hora de fiscalizar as posibles fraudes, e con nula participación das profesionais”, indica Eva Solla para quen, de saír adiante a lei vetada polo PP, “daría resposta ás reclamacións tanto de profesionais como de toda a cidadanía”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario