miércoles, 29 de enero de 2020


Solla leva de novo ao Parlamento a falta de persoal e o problema das listas de espera no centro de saúde do Temple, en Cambre


A coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, preguntou de novo na Comisión de Sanidade se o Goberno da Xunta, tal e como prometeu en campaña electoral, vai dotar ao Centro de Saúde do Temple dunha praza de pediatra e doutra de fisioterapeuta.
Pese a que a Xunta de Galicia inaugurou en plena campaña electoral un novo centro de saúde na parroquia do Temple (Cambre), nunca chegou a dotalo de suficiente persoal que puidese facer fronte a demanda poboación. Esta demanda tamén a recollía dende fai anos Esquerda Unida Cambre. A súa concelleira, Olga Santos, sinalaba que “este centro recibe gran cantidade de pacientes doutros municipios. A demanda da poboación non é só do Concello de Cambre, se non tamén de Carral, polo que se da asistencia a máis de 30.000 usuarias/os”.
“Dende Esquerda Unida Cambre levamos anos a denunciar a falta de persoal e as largas listas de espera que, unido á incapacidade da Xunta en xestionar de xeito eficaz a cobertura de prazas en caso de baixas ou vacacións, provocan situacións de colapso que repercuten directamente na cobertura sanitaria da comarca”, explica a concelleira  de Esquerda Unida Cambre.
Dende Esquerda Unida lembramos que fai uns meses levamos, da man de Eva Solla, unha proposición non de lei ao Parlamento sobre este tema e o PP votou en contra. Ante esta situación, a coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, preguntou sobre a forma na que o Goberno galego está a xestionar a cobertura de prazas durante baixas e vacacións no SERGAS, así como se está previsto dotar ao Centro de Saúde do Temple dunha praza de pediatra de tarde e outra de fisioterapeuta a maiores para resolver o problema das listas de espera ou son só anuncios electorais.

No hay comentarios: