Para o primeiro
de Maio, o sindicalismo de Muruzábal.
As medidas de
prevención ante a situación sanitaria actual, impídennos a Esquerda Unida de
Cambre cumprir un ano máis coa nosa humilde homenaxe ao Compañeiro Muruzábal.
Máis non impiden
dedicarlle unhas verbas á súa persoa, mostrarlle a nosa gratitude ao seu
compromiso, a súa loita incansable.
Porque o primeiro de maio é un día de
reivindicacións de dereitos, pero tamén é un día para facer memoria, un día de
loita e homenaxe ao traballo de compañeiros como Muruzábal, que foron capaces
de ver á importancia da acción e organización colectiva para a clase
traballadora, a importancia do sindicalismo.
Dende Esquerda
Unida de Cambre queremos lembrar especialmente este ano a necesaria labor dos
sindicatos, como axentes sociais imprescindibles para a defensa dos dereitos laborais
do País, como a máxima expresión da forza da acción conxunta dunha mesma clase,
cara un mesmo fin.
Nun momento de
cambio completo nas relacións laborais, nun cambio de paradigma respecto ao
mercado do traballo, non se pode perder de vista a capacidade de acción que ten
a organización e a unión da clase traballadora. Pese aos intentos de
individualización dos postos de traballo e a porosidade existente na xerarquía
dos mesmos, faise necesario ter presente que aquelas persoas que precisamos erguernos
todos os días para traballar, porque da forza do noso traballo depende o pan de
cada día, debemos estar unidas.
Debemos ter
presente que a acción conxunta, materializada na unión da clase traballadora
para defender e conquistar os seus dereitos, é a maior capacidade
transformadora para acadar unha sociedade baseada na xustiza social e a
igualdade.
Por iso,
lembremos aos homes e mulleres que sempre tiveron e teñen presente esta
premisa, lembremos ao compañeiro Muruzábal tanto na cheminea das Pontes como no
xulgado do social. Lembremos o sindicalismo.
30 de abril de 2021
A JOSÉ LUIS MURUZABAL DA AGRUPACIÓN DE "ESQUERDA UNIDA" DE CAMBRE