viernes, 30 de abril de 2021

 



Para o primeiro de Maio, o sindicalismo de Muruzábal.

 

As medidas de prevención ante a situación sanitaria actual, impídennos a Esquerda Unida de Cambre cumprir un ano máis coa nosa humilde homenaxe ao Compañeiro Muruzábal.

Máis non impiden dedicarlle unhas verbas á súa persoa, mostrarlle a nosa gratitude ao seu compromiso, a súa loita incansable.

 Porque o primeiro de maio é un día de reivindicacións de dereitos, pero tamén é un día para facer memoria, un día de loita e homenaxe ao traballo de compañeiros como Muruzábal, que foron capaces de ver á importancia da acción e organización colectiva para a clase traballadora, a importancia do sindicalismo.

Dende Esquerda Unida de Cambre queremos lembrar especialmente este ano a necesaria labor dos sindicatos, como axentes sociais imprescindibles para a defensa dos dereitos laborais do País, como a máxima expresión da forza da acción conxunta dunha mesma clase, cara un mesmo fin.

Nun momento de cambio completo nas relacións laborais, nun cambio de paradigma respecto ao mercado do traballo, non se pode perder de vista a capacidade de acción que ten a organización e a unión da clase traballadora. Pese aos intentos de individualización dos postos de traballo e a porosidade existente na xerarquía dos mesmos, faise necesario ter presente que aquelas persoas que precisamos erguernos todos os días para traballar, porque da forza do noso traballo depende o pan de cada día, debemos estar unidas.

Debemos ter presente que a acción conxunta, materializada na unión da clase traballadora para defender e conquistar os seus dereitos, é a maior capacidade transformadora para acadar unha sociedade baseada na xustiza social e a igualdade.

Por iso, lembremos aos homes e mulleres que sempre tiveron e teñen presente esta premisa, lembremos ao compañeiro Muruzábal tanto na cheminea das Pontes como no xulgado do social. Lembremos o sindicalismo.

30 de abril de 2021

A JOSÉ LUIS MURUZABAL DA AGRUPACIÓN DE "ESQUERDA UNIDA" DE CAMBRE

No hay comentarios: