INICIATIVAS PRESENTADAS AO PLENO ORDINARIO DO MES DE XANEIRO
AO
PLENO DO CONCELLO DE CAMBRE
Dona Olga Santos López, Concelleira do Grupo Municipal Eu
Cambre-Son en Común
no Concello de Cambre, ao amparo do disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta para a súa
aprobación a seguinte
MOCIÓN
PARA A RENOVACIÓN DO CONVENIO COLECTIVO E MELLORAS DAS CONDICIÓNS LABORAIS DAS
TRABALLADORAS DO SERVIZO DE ATENCIÓN AO FOGAR
EXPOSICIÓN
DE MOTIVOS
O Servizo de Atención
ao Fogar ( SAF) é un dos piares que sustenta o noso Sistema de Atención á Dependencia,
sobre todo a partir da aprobación en 2006 da Lei 39/2006, de Promoción da
Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de Dependencia. Trátase,
polo tanto, dun servizo público de carácter esencial cuxa finalidade é garantir
a igualdade no dereito subxectivo de cidadanía mediante a promoción da autonomía
persoal das persoas en situación de Dependencia.
O persoal do SAF, un
sector maioritariamente feminizado, compóñeno persoas con especialización que
proporcionan unha serie de atencións no seu domicilio a persoas con
dificultades para o seu desenvolvemento habitual (fundamentalmente persoas
maiores pero tamén persoas con diversos graos de dependencia) e de apoio nas
actividades básicas da vida diaria, permitindo deste xeito a autonomía das
persoas e facilitando a permanencia nos seus fogares.
Estamos falando dun
servizo fundamental para a dignidade das persoas en situación de
vulnerabilidade no que, como coa maioría de tarefas relacionadas cos coidados,
as condicións de traballo están precarizadas e non se corresponden co valor
real que este servizo supón para a sociedade. Que este servizo se desenvolva
dentro do entorno doméstico contribúe á invisibilidade das traballadoras e
traballadores do mesmo e inflúe nunhas maiores condicións de precariedade, algo
que se estende ás coidadoras familiares que o realizan ao abeiro da Lei de
Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de
dependencia.
Se ben a crise da
COVID puxo en evidencia o valor dos coidados e amosounos a fraxilidade do
sistema actual, introducindo o debate sobre a necesidade de fortalecelo, o
transcurso do tempo segue a revelar situacións derivadas da falta de
perspectiva e compromiso para abordar a situación. No caso das traballadoras do
SAF, a Plataforma
SAF Galicia ten convocado diversas mobilizacións coa finalidade de denunciar a precariedade laboral que padecen as traballadoras deste servizo e tamén para darlle visibilidade ás súas demandas.
A regulación laboral
do Servizo de Atención no Fogar en Galicia, establécese no convenio subscrito
con data do 3 de novembro de 2009 e publicado no DOG en febreiro de 2010
(existe un convenio marco estatal posterior pero sen melloras sensibles nas
condicións do mesmo). Dito convenio, xa caducado, cunha vixencia de dous anos
(ata o 31 de decembro de 2011) establece as condicións de traballo de todas as
empresas do sector independentemente da fórmula xurídica. No seu articulado
figuran os parámetros relativos á cuestións como a xornada de traballo, emprego
e estrutura retributiva. Por exemplo, atendendo ao seu artigo 44 “Incremento de
retribucións” sinala:
“Durante
a vixencia do presente convenio incrementaranse anualmente os conceptos
reflexados nas táboas salariais, a
excepción do plus de antigüidade, domingos e festivos e plus de dispoñibilidade,
nas seguintes porcentaxes:
Para
o exercicio 2009, o aumento será do IPC real correspondente ao exercicio 2008 máis
1,3 puntos.
Para
o exercicio 2010, o aumento será del IPC real correspondente ao exercicio 2009
máis 2 puntos.
Para
o exercicio 2011, o aumento será do IPC real correspondente ao exercicio 2010 máis
2 puntos.
En
calquera caso, a comisión paritaria determinará os criterios de aplicación nos
supostos no que o IPC non fose positivo”.
Sen
embargo, dado que as condicións do convenio colectivo autonómico non se revisan
dende o ano 2009 (a pesar do seu vencemento en 2011) a evolución salarial faise
en criterio á subida do IPC, o que provoca que as condicións salariais estean
desfasadas. Un dato ilustrativo é que as traballadoras do SAF tiñan fai uns
anos un salario bastante superior ao SMI. Sen embargo, as diferentes subidas do
SMI e a falta de actualización das condicións do persoal auxiliar do SAF
provocan que na actualidade ditas condicións estean moi próximas ao SMI (nalgúns
casos incluso por debaixo do SMI ao ter que traballar por “peonadas” polas que
ingresan entre 5 e 6 euros netos por hora), a pesar de tratarse dunha labor que
require dun grao de especialización.
Asemade,
a estrutura salarial que estipula o convenio inclúe outros factores como Plus
de Antigüidade, Plus de Domingos e Festivos, Horas Extraordinarias ou
Complemento de Distancia. Sen embargo, existen serias dúbidas de que estes
criterios se estean a aplicar de maneira efectiva segundo o estipulado no
mesmo.
Esta
situación viuse empeorada tras a aprobación da Lei de Dependencia do ano 2006 e
coa chegada do PP ao goberno da Xunta, impulsando a privatización dos servizos
de atención domiciliaria ao igual que sucedeu coas residencias xeriátricas.
Recentemente, foi denunciada a discriminación das traballadoras do SAF ao non incluílas, xunto ao persoal sanitario, para que lles sexan consideradas enfermidades profesionais os contaxios por COVID, cando este colectivo é o segundo máis afectado despois do sanitario.
Cabe insistir en que o SAF é un servizo municipal que se xestiona de maneira indirecta en moitos casos, polo tanto, o Concello debe velar pola calidade do servizo que se presta ás usuarias, pero tamén traballar para que se garanta que o persoal laboral do SAF, en concreto as auxiliares, preste dito servizo en condicións de traballo dignas como corresponde cunha actividade esencial da que depende o benestar das nosas persoas maiores e dependentes en situación de especial vulnerabilidade.
Por todo
o anterior, propoñemos ao pleno da corporación de Cambre os seguintes
ACORDOS
• Revisar
o cumprimento por parte da empresa concesionaria do SAF do estipulado no
convenio colectivo con código 8200675.
• Incorporar
nos pregos do servizo criterios sociais (no caso
de que non se estean incluíndo) como condicións esenciais de execución que
outorguen unha maior puntuación ás empresas/entidades que se comprometan coas
condicións laborais das traballadoras. Incorporar mecanismos para a fiscalización
do cumprimento do convenio colectivo.
• No
caso de licitacións que estean a piques de vencer, o compromiso de facer un
estudio de viabilidade de recuperación do servizo do SAF para que este sexa
prestado e xestionado directamente por parte desta corporación municipal.
• Revisar
que as follas de servizos ás usuarias estean personalizadas e inclúan as
tarefas concretas correspondentes e proporcionais ás horas asignadas a cada
usuaria.
Instar
á Xunta de Galicia a:
• Instar
ás partes á negociación dun novo convenio colectivo para a actualización das
condicións na que se presta o Servizo de
Axuda a Domicilio en Galicia.
Instar
ao Ministerio de Sanidade a:
• O
recoñecemento das enfermidades profesionais específicas da labor do Servizo de
Axuda no Fogar.
•
Incluír ás traballadoras
do SAF, como xa se fixo co persoal sanitario, para que lle sexan consideradas
enfermidades profesionais os contaxios por COVID.
Instar
ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a:
•
Emprender
as medidas oportunas para o establecemento da redución da idade das persoas que
desempeñan actividades de servicios sociais sen aloxamento para persoas maiores
e con discapacidade (con código CNAE 881) por medio da aplicación do
correspondente coeficiente redutor en seguimento do estipulado no Real Decreto
1698/2011, do 18 de novembro, polo que se regula o réxime xurídico e o
procedemento xeral para establecer coeficientes redutores e anticipar a idade
de xubilación no sistema da Seguridade Social.
Instar
ao Ministerio de Traballo:
•
Establecer
o marco que garanta a avaliación dos postos de traballo tal e como se
especifica na Lei de Prevención de Riscos Laborais.
EU
Cambre-Son en Común
MOCIÓN PARA O REXEITAMENTO Á INSTALACIÓN DE MACROGRANXAS NO
CONCELLO DE CAMBRE
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O debate aberto no noso país sobre o modelo de produción agrícola e consumo, e en especial sobre a implantación de macrogranxas para atender a un consumo elevadísimo de carne, é unha oportunidade para establecer modelos alternativos e apostar definitivamente por explotacións sostibles de gandeiría extensiva (explotacións sostibles de agricultura e gandeiría familiar). Debido á baixa rendibilidade da actividade agrogandeira moitas explotacións familiares víronse obrigadas a abandoar modelos extensivos e semiextensivos por modelos produtivos intensivos. A aparición das macrogranxas non fai máis que agudizar esta restruturación do sector e perxudicar á gandeiría familiar sendo máis de 11.000 explotacións gandeiras as que botaron o peche nos últimos anos.
Porque este debate aborda unha realidade xa incontestable: que o
noso modelo de produción e consumo é insostible. Vivimos unha crise ecolóxica e
social con perda de biodiversidade, emerxencia climática e contaminación que
ameaza con destruír a vida no planeta. Na conca mediterránea isto será máis rápido
e grave, coa desertificación e as secas,
ademais dos fenómenos climáticos extremos. É importante facer cambios no noso
modelo de produción e consumo para que sexa sostible. A evidencia científica vén
demostrando desde hai décadas que o consumo excesivo de carne ten un serio
impacto sobre a nosa saúde e a do noso planeta.
A nivel mundial, segundo a FAO, só a gandería intensiva representa o
14,5% das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). En España, os
produtos de orixe animal son responsables do 80% das emisións asociadas á nosa
dieta. A gandeiría intensiva en España é responsable do 9% do total das emisións
de efecto invernadoiro. En 2020, segundo o MAPA, sacrificáronse en España 910
millóns de animais en matadoiros. Un modelo produtivo asociado a un elevado
consumo de carne no noso país fronte ao cal xa se pronunciou a comisión
europea, tanto no Informe "La Estrategia de la Granja a la Mesa" como
no propio "Informe España 2050" que apostan por unha redución
considerable de consumo para promocionar unha produción agroalimentaria e un
consumo máis sostible.
Fronte a
este modelo, cuxo baluarte máis significativo son as macrogranxas, existe un modelo sostible e que
lamentablemente foi o gran prexudicado nas estratexias agrícolas europeas e
estatais, o modelo de gandería extensiva, social e familiar, que é sostible
ecolóxicamente, conserva a biodiversidade, mellora o chan, fixa gases de efecto
invernadoiro a través das praderías o que contribúe a mitigar o cambio climático
e na que o gando ademais cumpre con funcións de protección anti-incendios, por
exemplo. Esa gandería crea emprego, arraiga a poboación ao territorio e permite
producir alimentos de alta calidade.
En cambio, as macrogranxas intensivas están caracterizadas por unha produción masiva, rápida e o máis barata posible, o que conleva uns maiores custos ecolóxicos (maiores emisións de gases de efecto invernadoiro, maior uso de fertilizantes químicos, maior contaminación de chan e de auga), peor calidade do produto e escasísima creación de emprego. Este tipo de producións caracterízase polo amontoamento de miles de cabezas de gando en condicións tales que ás veces os animais non se poden sequera mover e son engordados mecánicamente ata o momento do sacrificio.
De acordo cos datos do Ministerio de Transición Ecolóxica o 30%
das estacións de control das augas subterráneas e o 50% das superficiais
indican mala calidade da auga debida a nitratos. A Comisión Europea abriu un
expediente contra España en 2018 e requiriu medidas en 2020 precisamente para
atallar este problema creado especialmente pola gandería industrial. Hai
Comunidades Autónomas que teñen case a metade do seu territorio contaminado por
exceso de nitratos. Unha contaminación que aumentou un 50% en catro anos.
Este modelo ten graves impactos en diversidade de aspectos; desde
a saúde, xa que a gandería industrial é a principal consumidora masiva de
antibióticos no mundo, contribuíndo significativamente á perda de eficiencia
destes medicamentos, ademais de ser culpable dunha gran cota das emisións de
gases de efecto invernadoiro e a contaminación de acuíferos por xurros. Pero
tamén ten un impacto social xa que os concellos con macrogranxas perden poboación e emprego
gandeiro a maior ritmo que aqueles onde existen explotacións extensivas,
familiares e sostibles, impactando ademais a outros sectores como o turismo.
Para evitar a cronificación definitiva desta situación non queda
outra que apostar por un modelo de produción gandeira prioritariamente
extensivo e ligado ao territorio, que vele polo mantemento do medio de vida das
e os gandeiros priorizando o desenvolvemento rural e a fixación de poboación, e
ao mesmo tempo, desenvolver unha regulación do sector gandeiro que estableza,
por unha banda, un tamaño máximo das explotacións en cada sector produtivo, e a
revisión da carga gandeira admisible en función das realidades dos ecosistemas
e das previsións de cambio climático.
Por todo isto, EU Cambre- Son en Común propón ao Pleno do Concello, a adopción dos seguintes:
ACORDOS:
-O pleno do Concello de Cambre rexeita a instalación de macro
explotacións agro-gandeiras destas
características que se sitúan nun modelo de concentración e de produción
agroindustrial que non se permite noutros países europeos.
-O pleno do Concello de Cambre expresa o seu apoio ás explotacións
de gandería extensiva, social e familiar, as cales foron as grandes
prexudicadas nas estratexias agrícolas europeas e estatais, apostando con iso
de forma clara pola agricultura tradicional e a gandería extensiva do vacún,
ovino, caprino e porcino, respectuosa co medio ambiente e que demostrou a súa
sustentabilidade.
-O pleno do Concello de Cambre insta ao Goberno de España a desenvolver un marco normativo que protexa aos gandeiros e gandeiras fronte ás empresas integradoras. Verificando de forma continua nas macro explotacións, que os requisitos legais séguense cumprindo e mantéñense as normas de calidade. Tanto para os e as traballadoras, como para os animais que alí se producen
-O pleno do Concello de Cambre insta ao goberno da Xunta de
Galicia a traballar por manter a competitividade do sector lácteo así como do
resto dos sectores gandeiros, rexeitando macro proxectos poidan propoñerse para
outros sectores ou zonas da nosa Comunidade Autónoma que afecten á competitividade.
-O Pleno do Concello de Cambre insta ao Goberno da Xunta de Galicia
a que poña todas as medidas en marcha necesarias para que a recentemente
aprobada Lei de Cadea Alimentaria que garante prezos xustos aos gandeiros sexa
unha ferramenta útil e eficaz que permita acabar cos abusos.
-O Pleno do Concello de Cambre insta ao Goberno da Xunta de
Galicia a que poña axudas directas financeiras en marcha ao sector agrogandeiro para afrontar a subida excesiva
dos prezos dos custos de produción.
Olga Santos
Eu Cambre-Son en Común
ROGOS E PREGUNTAS
PRIMEIRO
ROGO
No pleno do mes de Decembro de 2021
dende EU Cambre, demos traslado á Concelleira
responsable de Seguridade Cidadá da preocupación crecente que se nos traslada
por parte de cada vez mais número de veciños, respecto as afluencias de persoas
no exterior dos locais que conflúen na Costa da Tapia, ao carón da rotonda.
Naquela ocasión, hai un mes, solicitábamos maior presenza policial para
disuadir as aglomeracións no exterior e se nos contestaba que mais que non
aceptar o rogo prantexado, a situación é que o solicitado xa se estaba facendo.
Ao mesmo tempo tamén se nos indicaba que dúas patrullas nocturnas aparcaban os
coches diante, e que o coche camuflado, fundamentalmente vixiaba que non se
bebera fora dos locais e non houbese aglomeracións.
Pasado un mes, ante a continuidade das queixas, a nosa propia observancia e o incremento dos casos COVID fixemos un seguimento da situación e atopamos imaxes como a que acompañan a este rogo, na que, con todo o coidado tapamos a parte superior das caras das persoas que están no exterior dun dos bares aos que facemos referencia, pero na que intencionadamente, deixamos á vista a parte da boca, para que quede constancia que nin unha soa das persoas que están no exterior levan posta a máscara. A fotografía en cuestión foi tomada ás 22:30 da noite, non de madrugada.
Pasado un mes, comprobado que o que aseguraron dende o Goberno que xa se estaba facendo non é así, recibidas cada día mais queixas de veciñas e veciños, xa non só en relación ao relatado senón incluso a carreiras de coches pola Costa da Tapia, portales dos veciños cheos de xente, e ruídos, aglomeracións e falta de cumprimento das medidas de protección COVID, tales como distancia e máscaras, dende EU Cambre
PREGAMOS:
Sexa activado un protocolo policial presencial (non camuflado) que elimine a excesiva afluencia, ruído, incumplimento de medidas de seguridade nos locais referidos, coa interposición, na medida que así sexa considerado e apropiado, das sancións particulares ou aos responsables, que procedan dacordo á normativa aplicable.
SEGUNDO ROGO
Son múltiples as queixas que estamos recibindo manifestando a disconformidade co pintado da liña azul ao longo da marxe dereita subindo a Costa da Tapia.
As queixas, fundamentalmente, ampáranse en dúas cuestións fundamentais, das que xa temos falado en diferentes ocasións neste salón de plenos.
A primeira delas é a grave carencia de lugares de aparcamento na parroquia do Temple. A densidade de poboación, sumada á reducción, por diferentes causas, das prazas de aparcamento de carácter libre é irrebatible. Calquera que pretenda aparcar no Temple sabe que, a día de hoxe é unha odisea que está a converter a explanada do Paseo do Burgo á segunda opción dos veciños e veciñas desta parroquia.
Outra das queixas fundaméntase na realidade indiscutible de que moitos dos edificios da Costa da Tapia, entre outros, non contan con prazas de garaxe, polo que os aparcamentos libre da mesma marxe, facían a labor moi importante de dar a posibilidade de usar ditas prazas como respiro a moitas veciñas e veciños.
PREGAMOS:
Sexan tomadas en consideración as queixas, entendemos que moi razoadas, de gran parte da veciñanza, e reconsideren a posibilidade de reducir á metade ou a unha fracción do total das prazas, para que poidan convivir as necesidades de aparcamento, coa zoa azul, para fomentar a entrada e saída de vehículos para a realización de trámites que conlevan un tempo mais reducido.
TERCEIRO ROGO
O manifesto incumplimento do compromiso relativo ao Despregue de fibra por parte da Compañía, pero tamén do Concello, que publicou na páxina do Concello, ademais de nos diferentes medios de comunicación que:
"Más y mejores servicios para los vecinos del
municipio: 9 parroquias de Cambre tendrán Internet de
alta velocidad para 2021"
"El
alcalde, Óscar García Patiño, aseguró ayer que "supondrá una mejora importante" en la vida de los
vecinos de estas zonas, que no disponen de este servicio".
Ante pregunta realizada por EU relativa ao despregue da fibra obtivemos a resposta da Concelleira responsable seguinte:
"Dende Telefónica informaron que acaban de pedir unha prórroga para poder seguir despregando o Pebang 2019 durante o 2022, e estaban pendentes de resposta. "
Sendo coñecedores, por tanto, de que o compromiso do despregue tal como foi comprometido, está lonxe de materializarse, e que hai zoas de Cambre na que non vai chegar vía subvención,
PREGAMOS:
Que en aras de dotar ás parroquias dos servizos necesarios para poder desenrolar un proxecto de vida dixitalizada, algo imprescindible nos tempos que corren, dende o Concello de Cambre, sexa realizado un informe concreto co número exacto de vivendas dos diferentes núcleos de poboación incluídos no programa de despregue que, a día de hoxe carecen da cobertura de fibra óptica, así como das vivendas que están forma do despregue por vía de subvención, no caso de que non exista dito informe, necesario e imprescindible, ao noso parecer. (No caso de existir, pregamos a súa remisión).
PRIMEIRA PREGUNTA
Con data 30 de Xaneiro de 2020 apróbase o PEID de Anceis que establece dentro do seu plan de Etapas:
Conforme ao establecido no artigo 68.i) da LSG incorpórase ó plan especial un plan de etapas, no que se determina a estratexia de actuación, fixándose os prazos para dar cumprimento ós deberes de urbanización. O desenvolvemento do presente plan especial resolverase nunha única etapa nos seguintes prazos:
1.- Expropiación dos terreos: 1 ano dende a aprobación definitiva do PEID.
2.-
Execución das obras: 1 ano dende
a aprobación definitiva do PEID.
No ano 2021 execútanse obras polo Concello no Ambito do PEID. Entendemos que dita obra non se axusta ao planeamento aprobado, xa que debería terse executado en xaneiro de 2021 tal e como se recolle no plan de etapas.
PREGUNTAMOS:
¿Por qué razón o Concello non ten obriga de cumprir co planeamento que aproba e ao resto dos veciños se lle abren expedientes disciplinarios por non facelo?
SEGUNDA
PREGUNTA
¿Cál é a causa ou causas concretas que impiden a apertura do pavillón de Anceis a día de hoxe e previsión de data de apertura?
TERCEIRA
PREGUNTA
A principios de Novembro, mantivemos
unha reunión a Concelleira de Seguridade Cidadá, o Enxeñeiro
Municipal e eu mesma co obxectivo de analizar os motivos que estaban levando a
que determinados edificios no Temple sufriran de anegamentos en momentos de
grandes choivas, nos garaxes e sotos.
Analizamos a posible necesidade de ter que canalizar auga cara o paseo marítimo provinte da parte alta do Temple que, en percorrido de baixada polo parque Ramón Barba, estaba chegando aos edificios lindeiros coa praza M. Murguía e aos garaxes sitos na parte de atrás, ao caron do Paseo Marítimo.
Tamén
observamos que, moitos dos pasos de peóns elevados, nas rúas tranversais da
costa da Tapia estaban realizando unha plataforma de entrada da auga nos
conductos de ventilación dos garaxes dalgúns edificios.
Cales foron os estudos realizados, as obras correctoras e as previsións futuras, orientadas a correxir estes anegamentos?
Olga Santos
EU
Cambre
No hay comentarios:
Publicar un comentario