jueves, 18 de julio de 2013

MOCION DE URXENCIA PRESENTADA POLO GRUPO MUNICIPAL DE “EU” DE CAMBRE SOBRE A SITUACIÓN DE PRESUNTOS IMPAGOS ÓS GRUPOS LOCAIS DE CAMBRE NO FESTIVAL BRINCADEIRA 2012.

XUSTIFICACIÓN DA URXENCIA:

Según o recentemente modificado Artigo 115 do Regulamento Orgánico Municipal, no seu apartado 1 letra c, no que se regulan as Mocións urxentes, recóllese a posibilidade de que si "a propia urxencia do asunto que hai que tratar non permita formular a moción por escrito e coa antelación establecida, poderase formular oralmente ante a Corporación".
En base a este Artigo, e tendo en conta a polémica xurdida o día de onte, o grupo municipal de Esquerda Unida de Cambre, presenta a seguinte Moción ante o Pleno da Corporación, para o seu coñecemento, consideración e votación.

     EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O Festival Brincadeira Rock in Cambre 2012, foi un proxecto ambicioso do Goberno Municipal de Cambre que, estivo, dende o primeiro momento caracterizado por ter mais sombras que luces, nun proceso de contratación e xestión totalmente esquivo e opaco do que os grupos da oposición nunca chegamos a ter toda a información aínda que foi solicitada encarecida e reiteradamente ó Goberno e concretamente ó Concelleiro responsable.
Proba desta desinformación foi a solicitude de comparecencia que EU,  solicitou no pasado mes de outubro, e que, cunha manobra de distracción do Alcalde propia dun réxime oposto á democracia, se nos impediu establecer un debate co Concelleiro responsable da Area de Seguridade Cidadá, Mobilidade, Cultura e Turismo, co único obxecto de coartar a nosa liberdade de expresión e pasar por riba dun asunto que o Alcalde en particular e o equipo de Goberno en xeral está moi interesado en que se esquenza.
Nos últimos días ó Grupo Municipal de EU nos foron chegando diversos rumores que, finalmente se viron materializados nas informacións publicadas en prensa e en diferentes redes sociais o día de onte, e que veñen a afirmar que o Concello de Cambre, comprometeuse a abonar un determinado caché ás bandas locais que actuaron no Festival e que, un ano despois seguen sen percibir e se atopan coa negativa de facelo por parte do Goberno.
Sabemos da existencia de diferentes reunións durante todo este ano con membros dalgúns dos grupos e incluso da diferencia de opinións existentes entre as bandas, habendo quen afirma que non se lles ofreceu remuneración económica e outros que afirman que si lles foi ofrecida.

No convenio de colaboración que asinou o Concello de Cambre coas entidades organizadoras do Brincadeira 2012 non se recolle un sistema de pagos ós grupos locais, pero tampouco ós outros grupos, únicamente se indica que as partes asinantes garantirán a presenza de grupos musicais de Cambre durante todos os días do Festival e neste senso comprométense a manter as reunións cos grupos musicais que organice o Concello co fin de garantir a súa participación. (Punto 7 Cláusula SEGUNDA). En base a esta cláusula, entendemos que ditas reunións foron celebradas e organizadas polo Concello, de modo que, presumiblemente sería nestas reunións nas que se estableceu, ou non, a remuneración que se lles daría ás bandas participantes.

Este tipo de situación, ademáis de afectar ós participantes no festival, nos afecta a toda a veciñanza así como ós membros desta Corporación, xa que á moi danada imaxe que deixou o Brincadeira, ás perdas económicas que xerou para as arcas do Concello, e á pésima xestion que se fixo do evento, agora se suma unha presunta irregularidade nos pagos ós grupos musicais, que dana aínda mais a imaxe do Concello de Cambre, polo que o Goberno que é o responsable desta situación tamén o é de solucionala, algo que debería de ter feito moito antes de que adquirira estas titánicas dimensións.

Independentemente de que o compromiso de pago o adquirira o Concello, a Organización do Brincadeira ou non se adquirira, é responsabilidade do Goberno Municipal esclarecer este tema cos grupos, cos veciños e cos membros desta Corporación.
    
EN BASE Ó ANTERIORMENTE EXPOSTO, O GRUPO MUNICIPAL DE EU, PROPÓN Ó PLENO DA CORPORACIÓN A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:

PRIMEIRO: Convocar unha reunión cos grupos locais que participaron no Festival Brincadeira Rock in Cambre á que asistirán:
1.    Un membro de cada Grupo Musical que participou no Brincadeira Rock in Cambre.
2.    O Concelleiro responsable da Area de Seguridade Cidadá, Mobilidade, Cultura e Turismo.
3.    O Alcalde.
4.    Os técnicos do Departamento de Cultura que participaran nas reunións mantidas cos grupos musicais ou calquera outro funcionario presente en calquera desas reunións.
5.    Os Grupos Municipais da Corporación.

A data e hora da reunión intentará ser consensuada previamente cos membros dos grupos musicais participantes e será formalizada por escrito con acuse de recibo ás persoas participantes. Os membros dos Grupos municipais recibirán copia de dita convocatoria escrita así como o resto de eventuais participantes na reunión.
O obxecto de dita reunión será esclarecer os acordos verbais ou escritos celebrados cos grupos musicais de Cambre que participaron no festival e dar cumplimento ás obrigas, se as houbera, asumidas polo Goberno municipal.

SEGUNDO: Cos acordos tomados na reunión do punto anterior, publicarase un comunicado explicando o sucedido á cidadanía. A redacción de dito comunicado será consensuado cos membros asistentes a dita reunión, que darán o visto bo ó escrito, que será enviado ós medios de comunicación de máxima difusión e será publicado en lugar visible e prioritario da páxina web do Concello.


                                           En CAMBRE, a 18 de xullo de 2013


                                  Asdo: Luis M. Taibo Casás. Voceiro  do Grupo



No hay comentarios: