miércoles, 18 de junio de 2014


NOTA INFORMATIVA

EU DE CAMBRE TAMÉN SOLICITA A APERTURA DOS COMEDORES ESCOLARES NOS MESES DE VERAN

A través dunha Moción, o Grupo Municipal de EU de Cambre, solicitará o apoio do resto das forzas políticas integrantes da Corporación, así como do propio equipo de Goberno, para dar solución a unha crúa e triste realidade, que se está a materializar, cada día mais, que é a dificultade de moitos pais e nais para darlle de comer ós seus fillos e fillas.

No seo dunha crise que afecta a milleiros de familias, Esquerda Unida coida que o que non é sostible, son as recentes manifestacións do Partido Popular no Parlamento de Galicia, asegurando que resulta un gasto inasumible porque "resulta moi caro" abrir os comedores escolares durante o verán. Uns gobernantes e administracións que non interveñan urxentemente para evitar que os nosos nenos teñan garantida, alomenos, unha comida equilibrada ó día, non merecen nin o mais mínimo respeto.

O ámbito ó que o cidadán está mais próximo, é o local, motivo polo que Esquerda Unida de Cambre, presenta a moción, que adxuntamos á presente nota no ánimo de que toda a Corporación, por unanimidade, apoie a petición ó Goberno da Xunta de Galicia, a poñer en marcha todos os mecanismos necesarios para ofrecer o servizo de comedor durante as vacacións, nos centros educativos precisos no Concello de Cambre, e dar así cumprimento ó acordo plenario unánime acadado no Parlamento de Galiza.

Esta iniciativa, en nada ten que ver coa caridade, senón que o seu carácter é o de axuda da administración que, entre as súas obrigas está a de non permitir que existan nenos e nenas en Cambre con problemas de malnutrición, por ter rematado o curso escolar.

Grupo Municipal de EU Cambre
Olga Santos López

No hay comentarios: